venres, 21 de decembro de 2018

EN NADAL, NOVIDADES

Con este título elaboramos unha postal con algunhas das novidades que foron chegando á nosa biblioteca neste primeiro trimestre: poesía, narrativa, teatro, manga, ciencia, deporte...
Dende Biblioestremonías esperamos que gocedes da súa lectura e destas festas de Nadal!!!

xoves, 20 de decembro de 2018

GHUAIDELAI REMATA O TRIMESTRE

Rematou un trimestre cheo de lecturas para o noso club. Como xa ven sendo habitual, para celebralo fixemos unha comida conxunta de todos os grupos que o forman e, despois, durante unha agradable sobremesa, os alumnos e alumnas presentaron os libros lidos aos seus compañeiros e compañeiras. Estes libros foron: O segredo da vella librería, de Xabier López López, para o grupo de 1º e 2º, unha entrañable historia que enxalza o valor dos libros e a lectura; O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, para o grupo de 3º e 4º, a historia dun acoso escolar e a pasividade ante el, e Iridium, de Francisco Castro, para o mesmo grupo, cunha rapaza con dano cerebral adquirido como protagonista; e, por último, The Promised Neverland 1 e 2, de Kaiu Shirai e Posuka Demizu, para o grupo de lectura manga, unha historia de intriga sobre a vida no orfanato Grace Field House.

 

luns, 17 de decembro de 2018

NOETIÑA

Hoxe o alumnado de 3º e 4º asistiu na biblioteca á proxección do documental Noetiña. As mulleres e o mar na Costa da Morte, que ten como protagonista a unha das nosas ex-alumnas, Jenifer Suárez Silva. A historia céntrase no seu empeño por seguir os pasos do seu avó e o seu pai no mundo da pesca e os prexuízos cos que se atopa por ser muller. Este documental foi premiado no I Concurso de ideas "Luisa Villalta" de proxectos culturais pola igualdade 2017, convocado pola Deputación da Coruña. Acompañounos a súa directora, Gabriela Amor, coa que o alumnado mantivo un debate tras a proxección.

mércores, 28 de novembro de 2018

OBRADOIRO DO GALP

Hoxe tivo lugar na biblioteca un dos varios obradoiros do GALP (Grupo de Acción Local de Pesca Costa Sostible) programados para o alumnado de 2º da ESO. Nesta ocasión foi María a encargada de levar a cabo un obradoiro-debate moi animado e participativo.

 

domingo, 25 de novembro de 2018

RACHEMOS AS CADEAS

Este é o lema co que participamos o venres, xunto cos outros centros educativos do pobo, no acto convocado polo Concello de Fisterra con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. África, Elisa, Mario e Zaira leron un manifesto e todo o alumnado do centro rachou unha enorme cadea que simbolizaba calquera xeito de violencia contra as mulleres: discriminación, abusos, desigualdade...
Velaquí están as imaxes e unha reportaxe audiovisual do acto, así como unha montaxe audiovisual protagonizada por alumnado do centro que esperamos que nos faga reflexionar.

mércores, 21 de novembro de 2018

NAVEGA CON RUMBO

Hoxe visitounos na biblioteca Adrián Brañas Castro, de Navega con Rumbo, para dar unha animadísima charla ao noso alumnado de 1º e 2º da ESO. A presentación xirou arredor de dúas cuestións: a seguridade en rede ou os perigos agochados e como evitalos, e as boas maneiras ou o respecto que como usuarios da rede debemos aos outros cibernautas. 

Seguindo esta ligazón a Navega con Rumbo podedes completar información e baixar guías de navegación para nais, pais, estudantes e docentes.

 


martes, 20 de novembro de 2018

OS DEREITOS DA INFANCIA

Hoxe celébrase o Día Universal do Neno, data do aniversario da Declaración Universal dos Dereitos do Neno en 1959. Para recordalos, recuperamos un vídeo realizado por algúns membros do club de lectura o curso pasado e, como non podía ser doutro xeito, recomendamos a lectura dun libro: Os dereitos da infancia.


xoves, 8 de novembro de 2018

LENDO DE MEDO

A véspera e o día de Samaín tiveron lugar na biblioteca as lecturas de terror e o noso particular "photocall" literario, sempre acompañados por Frederico, o noso alumno de intercambio, ...procedente do máis aló!!! Con imaxes deses dous días fixemos esta montaxe que esperamos que vos guste.


Se queredes ver máis imaxes, premede aquí

mércores, 7 de novembro de 2018

#ZERO ADICCIÓNS

Hoxe tivo lugar na biblioteca unha charla-obradoiro co alumnado de 1º e 2º, organizada polo Departamento de Orientación, enmarcada no programa #Zero adiccións da Deputación da Coruña. Esta campaña ten como finalidade previr as adiccións ás drogas, alcol, redes sociais, videoxogos... entre os adolescentes.

venres, 2 de novembro de 2018

DI K NON

O martes recibimos na biblioteca unha visita moi especial, organizada polo Departamento de Orientación: un grupo de internos da UTE (Unidade Terapéutica Educativa) do Centro Penitenciario de Teixeiro. Despois de agasallarnos cunha representación teatral, compartiron con nós as súas experiencias nun encontro moi emotivo. Esta iniciativa foi premiada este ano pola Fundación Galega contra o Narcotráfico dada a súa valiosa labor na prevención de drogodependencias entre os adolescentes. O próximo mércores será o alumnado de 3º e 4º quen os visite en Teixeiro.


venres, 26 de outubro de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA

O mércores 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. E que mellor xeito de sumarnos a esta conmemoración que dando a coñecer a do noso centro? Por iso, unha representación de todos os grupos do noso club de lectura puxo voz a unha guía na que se explica que podemos facer nela, o material que alí se atopa, como está colocado, o funcionamento do servizo de préstamo... Con parte desas imaxes tamén fixemos un mural-guía para o taboleiro de entrada ao centro.
Velaquí o noso traballo!! Esperamos que vos guste!!



mércores, 24 de outubro de 2018

PREMIOS

A semana pasada coñeciamos os nomes do gañador e da finalista do Premio Planeta 2018, ámbolos dous con novelas coas mulleres como protagonistas. O gañador foi o escritor valenciano de novela histórica Santiago Posteguillo pola súa obra Yo, Julia, protagonizada por Julia Domna, muller do emperador romano Septimio Severo. Ayanta Barilli resultou finalista por Un mar violeta oscuro, historia de loita, superación e supervivencia de catro xeracións de mulleres dunha mesma familia..
Por outra banda, onte otorgouse o Premio Nacional de Narrativa á escritora Almudena Grandes pola súa novela Los pacientes del doctor García, a cuarta do seu ciclo sobre a Guerra Civil e o franquismo, ambientada nos anos corenta.
                             
Santiago Posteguillo
Ayanta Barilli
Almudena Grandes

xoves, 18 de outubro de 2018

GHUAIDELAI COMEZA DE NOVO

Xa está aquí outro curso máis que esperamos estea cargadiño de actividades para o noso club de lectura. O xoves da semana pasada comezou o grupo de 1º e 2º, hoxe estreouse o noso club manga, mentres que o luns será o turno do grupo de 3º e 4º.
As lecturas elixidas para comezar esta nova andaina son O segredo da vella librería, de Xabier López López, para 1º e 2º; The Promised Neverland, de Kiau Shirai e Posuka Demizu, para o club manga; e O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, para 3º e 4º.
A gozar coa lectura!!




xoves, 11 de outubro de 2018

COÑECENDO A NOSA BIBLIOTECA

Como todos os anos, a principio de curso lévase a cabo na biblioteca unha actividade deseñada para que o alumnado de 1º ESO se familiarice con ela. Despois dunha explicación sobre a disposición dos fondos, o servizo de préstamo, o uso dos ordenadores... tivo lugar, en equipos, un xogo de pistas na procura do tesouro.
Velaquí tedes unhas imaxes da actividade e do equipo gañador.





Seguindo as pistas na procura do tesouro.





O equipo gañador: Adriana, Arauna,
Aida e Damián.

martes, 2 de outubro de 2018

O MES QUE ANDAMOS

Inauguramos nova sección no taboleiro que hai na entrada da biblioteca. Cada mes colocaremos un calendario coas efemérides máis relevantes do mundo da literatura e a cultura en xeral. Tamén teredes información máis detallada dalgúns dos escritores e escritoras mencionados nel e refráns relacionados co mes en cuestión. Esperamos que vos guste!!  

luns, 24 de setembro de 2018

NÓS LEMOS, E TI?

A biblioteca convoca unha nova edición do concurso Nós lemos, e ti?, coa colaboración dos Departamentos de Lingua e Literatura Galega, Bioloxía, Francés, Inglés, ... Quen será o gañador ou gañadora deste ano? Empezade a gozar coa lectura: tedes todo o curso por diante!!

Minia, Denis e Candela, gañadoras das anteriores edicións.
 

martes, 18 de setembro de 2018

ESTAMOS DE VOLTA!!

Comeza un novo curso e, con el, as nosas gañas de espallar o amor pola lectura con novos proxectos e actividades dos que vos iremos informando...

venres, 29 de xuño de 2018

GHUAIDELAI EN SANTIAGO

Un curso máis, como manda a tradición, levamos a cabo unha excursión a Santiago; esta vez, o venres 8 de xuño. Pola mañá realizamos unha "visita contada", como se de un conto se tratara, ao Museo das Peregrinacións. Despois de repoñer forzas, dirixímonos ao Pazo de Fonseca, onde visitamos o salón nobre, no que estaba a piques de celebrarse unha cerimonia de graduación, e a impresionante Biblioteca América, onde puidemos admirar, entre outros, un libro escrito polo avó de Lord Byron ou unha réplica do Libro de horas de Fernando I; de aí pasamos ao Colexio de San Xerome, actual sede do reitorado, onde estivemos na sala de reunións e nos balcóns, dende os que gozamos dunha impresionante vista á Praza do Obradoiro. Finalmente, visitamos a carpa da SELIC, na Praza da Quintana, na que, como non podía ser doutro xeito, nos deixamos engaiolar pola cantidade e variedade de libros expostos.
Velaquí a reportaxe audiovisual da visita...

luns, 25 de xuño de 2018

PREMIOS

Chega a fin de curso e, con ela, o momento da colleita... esta vez de premios. O xoves 21 déronse a coñecer as gañadoras dos diferentes concursos convocados pola nosa biblioteca. A gañadora do II Concurso do Día das Letras Galegas, Quen é quen?, foi Denis Nemiña Mariño; a gañadora do certame de relatos de terror celebrado en Samaín e do 1º premio do concurso Nós lemos en galego, e ti? foi Minia Ferrío Andrade e a do 2º premio, Candela Vázquez Martínez. Parabéns ás tres!!
A elas e a outros grandes lectores e lectoras do noso centro, vai dedicada esta montaxe audiovisual.
Esperamos que vos guste!! 

 

domingo, 24 de xuño de 2018

GHUAIDELAI E AS SÚAS LECTURAS

Como xa remata o curso, decidimos facer unha "memoria audiovisual" de todas as lecturas levadas a cabo durante estes nove meses no Club de lectura.


E como é tempo de despedidas, queremos desexarlles o mellor a tres membros do Club que nos deixan para seguir facendo camiño: Mariña, Yasmina e Lara... Esperamos que continúen a gozar e facer gozar coa lectura, tal como fixeron con nós os anos que nos acompañaron.

sábado, 23 de xuño de 2018

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN

O xoves 21 celebramos a fin de curso con varias actividades: campaña de doazón de sangue Fisterra Doa, obradoiro de rap con Leö KCh, obradoiro de resolución pacífica de conflitos con Alicce e un obradoiro de ilustración na biblioteca impartido polo ilustrador Xosé Cobas, de recoñecido prestixio e gañador de diversos premios. Como remate do obradoiro, agasallounos cunha das súas "metáforas", creada alí mesmo, ante nós. Moitas grazas!!


luns, 18 de xuño de 2018

GHUAIDELAI REMATA O TRIMESTRE

Hoxe o noso club de lectura Ghuaidelai rematou as reunións deste curso: nove meses cargados de actividades que xiraron arredor da lectura, unha das nosas paixóns.
Durante este último trimestre o grupo de 1º e 2º leu dous libros: A pel do mundo, de Berta Dávila, libro de poemas que supón unha viaxe por distintos países a través sempre de figuras de nenos e nenas; e Todos somos, de Marcos Calveiro, un libro sobre a desaparición dunha nena e, sobre todo, sobre as consecuencias negativas que isto implica nas familias, na sociedade, nos medios de comunicación...
O grupo de 3º e 4º leu tres libros: 22 segundos, de Eva Mejuto, sobre a identidade sexual e o respecto ao diferente; O derradeiro irmán, de Nathacha Appanah, unha conmovedora historia sobre o significado da verdadeira amizade; e Segredos no Solpor, de Iria Misa, novela de intriga na que se combinan sentimentos ocultos, prexuízos, medos...


 

xoves, 7 de xuño de 2018

O GALEGO, A MIÑA LINGUA PROPIA

O luns gozamos na biblioteca da derradeira actividade relacionada coa celebración das Letras Galegas: o espectáculo de música e audiovisual da cantautora de Arzúa M.J. Pérez. Esta actividade, facilitada polo Concello de Fisterra, forma parte da nova campaña de dinamización lingüística lanzada pola Deputación da Coruña, O galego, a miña lingua propia, que tenta promocionar o uso do galego entre a mocidade.
Seguro que despois desta fermosa actuación conta cun feixe máis de seguidores e seguidoras!!


Moitas grazas polo exemplar do seu novo disco Casandra!

sábado, 2 de xuño de 2018

PREMIOS XERAIS 2018

Hoxe déronse a coñecer os gañadores e gañadora dos Premios Xerais 2018.
Emma Pedreira foi a galardoada na edición XXXV do premio Xerais de Novela pola súa obra Besta do seu sangue, Carlos Negro foi o galardoado na X edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil pola obra Aplicación instantánea e Héctor Cajaraville na edición XXXIII do Premio Merlín de Literatura Infantil por Kusuma.


Parabéns aos tres!!
 

CARLOS NEGRO, PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2018

Carlos Negro recibiu onte o Premio dos Clubs de lectura 2018 en Santiago de Compostela. Nunha intervención que tiven o pracer e a sorte de presenciar, expresou o seu agradecemento nun discurso que xirou arredor dun acrónimo creado a partir da palabra "beizóns", outro xeito de dicir grazas: B de biblioteca, E de educación, I de imaxinación, Z de zoca, O de orgullo, N de necesidade e S de seguir.
Agasallounos cun marcapáxinas que contiña un poema escrito especialmente para esta ocasión.




Parabéns!!

Este premio inaugurouse no 2015 e otórgaselle aos escritores e escritoras que encabezan a lista dos máis lidos polos Clubs de lectura, que estean vivos e sen que poidan repetir galardón. Os outros gañadores das pasadas edicións foron Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016) e Miguelanxo Prado (2017).

venres, 25 de maio de 2018

ENCONTRO DE CLUBS DE LECTURA

E unha actividade máis para celebrar o mes das Letras Galegas: o encontro do noso Club de lectura Ghuaidelai cos clubs de lectura do I.E.S. Agra de Raíces (Cee) e do I.E.S. Maximino Romero de Lema (Baio) celebrado o 15 de maio.
Visitamos os Muíños e Batáns do Mosquetín en Vimianzo e as Torres do Allo en Baio-Zas, e fixemos un roteiro literario en Malpica baseado na lectura de As aventuras de Pelusa, de Xelucho Abella Chouciño.
Aquí tedes a reportaxe audiovisual froito deste encontro...

 Fotografías do encontro

Roteiro literario

martes, 22 de maio de 2018

II CONCURSO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O Equipo de Biblioteca segue a celebrar o mes das Letras Galegas: nesta ocasión elaboramos un mural no que aparecen todos os escritores e escritoras homenaxeados no Día das Letras Galegas dende 1963 -data na que se iniciou esta celebración para conmemorar os cen anos da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro- ata a actualidade, ano no que se lle dedica a María Victoria Moreno.
A partir deste mural convocamos un concurso no que animamos a todos e todas a participar e, así, recoñecer figuras destacadas das nosas letras.



luns, 21 de maio de 2018

CHARLA PARA O ALUMNADO

Este venres, 18 de maio, o alumnado asistiu na biblioteca do centro a unha charla organizada polo Departamento de Orientación e impartida por Sergio García Vázquez, membro da Garda Civil, que xa nos visitou con anterioridade. O tema tratado nesta ocasión foi a prevención da drogodependencia.

xoves, 10 de maio de 2018

ANAGNÓRISE

Neste mes de maio festexamos dende a Biblioteca o Día das Letras Galegas con distintas actividades. Empezamos o pasado luns, 7 de maio, cando fomos, grazas ao patrocinio da editorial Galaxia, co alumnado de 3º e 4º da ESO ver a adaptación teatral da novela Anagnórise de María Victoria Moreno, autora homenaxeada durante o presente ano. A representación resultou sorprendente, divertida e didáctica.
Ademais puidemos gozar do reencontro con antigos alumnos e alumnas.


Velaquí algunhas FOTOS máis para a lembranza.

venres, 4 de maio de 2018

GHUAIDELAI E O DÍA MUNDIAL DO LIBRO

Para celebrar esta data, e seguindo a estela do curso pasado, algúns dos membros do Club de lectura Ghuaidelai decidiron compartir lecturas cos máis novos e novas. Esta vez o encontro foi no CEIP Areouta de Sardiñeiro e a experiencia foi marabillosa!!
Velaquí as imaxes desta nova "aventura"...



Grazas ás compañeiras e compañeiros do CEIP Areouta por facer posible este encontro!!

luns, 23 de abril de 2018

PREMIOS FOUCIÑO

Esta mañá estivo na biblioteca co alumnado de 3º e 4º ESO Víctor de Mira, un dos coordinadores dos Premios Fouciño de Baio. No encontro deu a coñecer este certame de audiovisual, no que hai unha categoría específica para estudantes, e presentou algúns dos traballos gañadores de edicións anteriores.


Animádevos a participar!! O prazo para presentar os vosos traballos remata o 31 de maio. Tedes máis información AQUÍ.

domingo, 15 de abril de 2018

PREMIO PARA ANTÍA YÁÑEZ RODRÍGUEZ

A escritora Antía Yáñez Rodríguez, que nos visitou o pasado mércores, recibiu este sábado na fundación Barrié de Vigo o Premio Illa Nova de Narrativa 2018 coa novela Senlleiras, unha obra narrada dende diferentes tempos, que aborda unha cuestión tan importante como a violencia contra as mulleres.
Estamos desexando ter o seu libro na nosa biblioteca!


Parabéns, Antía!!

mércores, 11 de abril de 2018

ENCONTRO CON ANTÍA YÁÑEZ RODRÍGUEZ

Hoxe o alumnado de 1ºESO asistiu na biblioteca a un encontro, facilitado pola editorial Galaxia, coa escritora Antía Yáñez Rodríguez, autora de O misterio de Portomarín.
Tras a presentación da escritora feita por Candela, Ismael deu paso ao booktrailer realizado por nós sobre O misterio de Portomarín.
A continuación Antía Yáñez falounos do seu libro, da historia de Portomarín, do proceso da escrita e contestou ás preguntas que os alumnos e alumnas lle fixeron.
Finalmente asinou libros e agasallámola cunha peza de cerámica da zona e cun marcapáxinas elaborado por nós (que estamos feitos uns expertos e expertas, despois do obradoiro levado a cabo hai unhas semanas na biblioteca...), no que aparecía unha foto de Fisterra e o poema Dictado, escrito polo poeta local Roberto Traba Velay e lido por Antía Castro.

Se queredes ver imaxes deste encontro, premede AQUÍ.

Velaquí tedes o booktrailer que realizamos.

venres, 6 de abril de 2018

NÓS LEMOS EN GALEGO, E TI?

O Departamento de Lingua Galega, a Biblioteca e o ENDL convocaron a principio de curso a II edición deste concurso. Neste mes do libro queremos presentarvos aos lectores e lectoras máis destacados destes dous trimestres. Quen será o gañador ou gañadora final?... 

 

martes, 3 de abril de 2018

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

O 2 de abril é unha data senlleira, especial. Unha data para lembrar, xa que neste día naceu un dos autores de contos máis importantes destinados sobre todo aos nenos e nenas, Hans Christian Andersen. Por iso, o 2 de abril é o Día Internacional do Libro Infantil. Neste 2018, o cartel foi responsabilidade do ilustrador Reinis Petersons e da escritora Inese Zandere, poeta, editora e activista da promoción da lectura quen nos manda unha poderosa mensaxe: Os libros fan grande o máis pequeno.
Nós celebramos hoxe o Día Internacional do Libro Infantil coa lectura en todos os cursos do álbum ilustrado O lápis máxixo de Malala, escrito por Malala Yousafzai, a quen se lle concedeu o Premio Nobel da Paz no ano 2014, cando tiña só 17 anos, e onde nos conta a súa propia historia. Trátase dunha xoia literaria que nos permite coñecer a dura vida desta moza paquistaní dun xeito sinxelo e tenro.
Malala é unha loitadora na defensa dunha educación para nenos e nenas, con especial énfase na educación destas últimas. Máis de centro trinta millóns de nenas non poden ir á escola! Por iso son tan necesarias moitas Malalas no mundo.
O libro tivo moi boa acollida entre o noso alumnado e permitiunos reflexionar sobre diversos aspectos como a sorte que temos de estar nun país onde nenos e nenas poden ir todos xuntos á escola.
Un álbum que remata dun xeito emocionante: "Un neno, un mestre, un libro, un caderno e un lapis poden mudar o mundo."
Debuxemos con palabras os nosos desexos sempre para abrir as portas que nos ofrecen libros coma o de Malala Yousafzai.

venres, 23 de marzo de 2018

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Obradoiro de poesía e marcapáxinas na Biblioteca do IES Fin do Camiño para celebrar o Día Mundial da Poesía. Dedicamos varias sesións a este obradoiro que presentamos como  unha versión do "amigo invisible": aos nosos poetas e poetisas invisibles adxudicóuselles por sorteo un compañeiro ou compañeira ao/á que dedicar un poema. Con esta persoa en mente, leron poemas de varios autores e autoras e escolleron o que lles pareceu máis axeitado. A continuación elaboraron os seus propios marcapáxinas co poema elixido no anverso e o nome da persoa á que ía dirixido. Finalmente, o Día Mundial da Poesía "agromou" unha árbore na entrada do centro con todos os marcapáxinas elaborados, xerando unha gran expectación, e durante o recreo cada alumno e alumna buscou e recolleu o que lle dedicaran.

Na seguinte presentación podedes ver o proceso da actividade.


martes, 20 de marzo de 2018

GHUAIDELAI REMATA O TRIMESTRE

Como xa vén sendo tradición, os dous grupos do noso club de lectura Ghuaidelai celebraron a fin do trimestre cunha comida conxunta, con sobremesa da nosa "reposteira oficial", Candela.
As lecturas deste segundo trimestre foron Corredora, de María Reimóndez, para o grupo de 1º e 2º, e Os nenos da varíola, de María Solar, para as rapazas do outro grupo. Todos leron, ademais, As aventuras de Pelusa, de Xelucho Abella Chouciño, para preparar o roteiro literario que faremos en Malpica con outros dous clubs de lectura.





mércores, 14 de marzo de 2018

STEPHEN HAWKING

Esta madrugada falecía en Cambridge o físico, cosmólogo e divulgador científico Stephen Hawking (1942-2018).
Hawking é coñecido polo seu traballo sobre os buratos negros e por intentar unificar as dúas grandes teorías da física do século XX: a da relatividade e a da mecánica cuántica.
Como divulgador científico é autor, entre outros, de Historia del tiempo. Del Big Bang a los agujeros negros (1988), o libro de ciencia máis vendido da historia, e El universo en una cáscara de nuez (2001).
Visitou Fisterra en setembro do ano 2008, acompañado, entre outras persoas, polo físico galego Jorge Mira. Para conmemorar esta visita, en abril do ano pasado inaugurouse unha praza co seu nome na explanada que dá acceso ao faro e a punta do cabo Fisterra.
                                             

martes, 13 de marzo de 2018

AVIÓNS DE PAPEL

En 1º da ESO estamos lendo una fermosa historia de Xavier Estévez, Avións de papel, na que se mestura arte e literatura. Grazas a este libro achegámonos a Arte da rúa e queremos compartir esa aprendizaxe con vós.

domingo, 11 de marzo de 2018

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Para celebrar o Día Internacional da Muller este ano decidimos homenaxear ás mulleres que forman parte das nosas vidas, esas mulleres necesarias e valentes, que en moitas ocasións viviron circunstancias moi pouco favorables, pero, aínda así souberon saír sempre adiante con dignidade.
Para elas e por elas, fixemos unha exposición na entrada do instituto con fotografías cedidas polo alumnado.
Moitas grazas a todas e todos os participantes por sumarvos a esta homenaxe e, sobre todo, GRAZAS ÁS MULLERES DA NOSA VIDA!!!



Exposición na entrada do instituto.


Coas fotografías incluídas nesta exposición, elaboramos un álbum audiovisual que podedes ver a continuación:



As mulleres da nosa vida

venres, 2 de marzo de 2018

EXCURSIÓN A SANTIAGO

Onte o alumnado de todos os cursos do centro estivo de exursión en Santiago de Compostela.

Primeiro, Rubén ofreceunos unha visita guiada á catedral e ás prazas que a rodean. A continuación, asistimos no Teatro Principal á representación de Xogo de pillabáns, unha versión de Rinconete y Cortadillo que combina teatro e música a cargo do quinteto de vento Zoar. Despois de repoñer forzas, pola tarde dirixímonos á Cidade da Cultura, onde nos falaron da súa arquitectura, visitamos a biblioteca e admiramos Singularidade, unha enorme bóla de libros, obra da escultora Alicia Martín, na que deixamos a nosa "pegada".


Se queredes ver máis imaxes da excursión, premede no seguinte enlace
MÁIS IMAXES


venres, 23 de febreiro de 2018

ATA SEMPRE, FORGES

Onte, 22 de febreiro, deixábanos un pouco máis sós Antonio Fraguas de Pablo, Forges. Humorista gráfico, caracterizábase por encher as súas viñetas de costumismo e crítica social, creando un mundo de personaxes propios que reflicten fielmente a idiosincrasia da España contemporánea.
Foi un gran defensor da cultura e a lectura, deixándonos viñetas como as seguintes, algunha das cales acompañounos durante un tempo na nosa biblioteca.


venres, 16 de febreiro de 2018

CHARLAS PARA O ALUMNADO

Hoxe o alumnado asistiu na biblioteca do centro a varias charlas organizadas polo Departamento de Orientación e impartidas por Sergio García Vázquez, membro da Garda Civil. Os temas tratados foron o acoso escolar para 1º e 2º ESO, e a prevención da violencia de xénero para 3º e 4º.
A xuzgar polas imaxes, as charlas foron tan instructivas como divertidas!!

xoves, 15 de febreiro de 2018

MULLER E CIENCIA

O pasado domingo 11 de febreiro celebrouse o Día da Muller e a Nena na Ciencia, día proclamado polas Nacións Unidas para desbotar prexuízos e acadar o acceso e a participación plena e equitativa da muller en disciplinas como a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería ou as matemáticas.

Dende a biblioteca recomendamos un libro cun formato moi atractivo, adquirido recentemente, que pretende poñer en valor o traballo de moitas científicas: Mujeres de ciencia, de Rachel Ignotofsky.

 
Esperamos que vos guste!!

martes, 30 de xaneiro de 2018

DÍA DA PAZ

Este ano para celebrar o Día da Paz, baixo o lema "Por un mundo en cor", decidimos facer unha reflexión sobre situacións de inxustiza que se viven en moitos lugares, que non por afastados de nós deberan ser ignorados.
As alumnas e alumnos convertéronse en refuxiadas e refuxiados, nenos soldado, feridos por minas antipersoa, mulleres lapidadas..., protagonizando esceas enfrontadas a outras moito máis amables que forman parte, afortunadamente, da nosa realidade cotiá.
Estas imaxes están expostas na entrada do centro, acompañadas por textos explicativos, e con elas elaboramos a seguinte presentación. 



Moitas grazas a todas e todos os protagonistas!!
Se queredes ver estas e algunhas imaxes máis tomadas durante estes días, premede no enlace.
MÁIS IMAXES

venres, 19 de xaneiro de 2018

ANO NOVO... SECCIÓN NOVA

Inauguramos unha sección nova na biblioteca adicada á fotografía. Co asesoramento de Rubén (profesor de Ciencias Sociais) rescatamos libros de fotografía que pasaban inadvertidos no andel de Arte e mercamos novos títulos. Para darlles visibilidade, Rubén organizou na entrada do centro unha exposición sobre a fotografía histórica en Galicia no século XX, con imaxes de Viéitez, Ferrol, Ksado...

Esperamos que vos guste!!