venres, 23 de decembro de 2022

BO NADAL

Como xa vén sendo habitual, dende a biblioteca publicamos a nosa particular postal de Nadal coas novidades que foron chegando a ela no primeiro trimestre. Se facedes clic nas diferentes portadas do interior da postal, teredes máis información sobre os libros.

Xa sabedes que estas vacacións son un bo momento para ler!!

BO NADAL!!! 


luns, 19 de decembro de 2022

mércores, 7 de decembro de 2022

CONCURSO DE NADAL

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Biblioteca convocan un concurso de postais de Nadal, coa figura do Apalpador como protagonista e unha mensaxe en galego.

Animádevos a presentar as vosas creacións!! Haberá premios!!

Podedes ver as bases no seguinte cartaz...


venres, 25 de novembro de 2022

25-N

O noso centro participou hoxe no acto organizado polo Concello de Fisterra para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Alumnado do Club de lectura de 1º ESO leu un manifesto e fragmentos de varios libros relacionados con este tema; proxectouse un vídeo no que Carla interpretou La puerta violeta de Rozalén, acompañada de Iván á guitarra, e rendemos homenaxe ás trinta e oito mulleres asasinadas durante este ano, colocando estrelas co nome de cada unha delas. Ademais, o alumnado de 1º e 2º ESO traballou en titoría a diferenza entre unha relación saudable e unha relación tóxica, exemplificando cada unha delas a través de conversas de WhatsApp, que están expostas no mural da entrada.

Ver imaxes

martes, 22 de novembro de 2022

A MULLER NO MUNDO DA MÚSICA

Continuamos coas actividades relacionadas co 25-N. Nesta ocasión a violinista Nuria Naya e a saxofonista Fátima Martínez analizaron o papel da muller no mundo da música ao longo da historia, interpretando diferentes pezas musicais. Ademais, durante esta semana poderemos ver a exposición Sen elas non hai música galega no primeiro andar.

xoves, 17 de novembro de 2022

OCHO SEÑALES

Comezamos as actividades para conmemorar o 25-N coa presentación na nosa biblioteca do libro Ocho señales. Cuestión de vida o muerte, de Noelia Míguez. A autora tivo un emotivo encontro co alumnado de 3º e 4º ESO no que falou dos diferentes tipos de violencia de xénero e da súa propia experiencia como vítima.

Grazas, Noelia, pola túa sinceridade e valentía!!


 

 

mércores, 2 de novembro de 2022

MES DA CIENCIA EN GALEGO NA BIBLIOTECA

Todos os anos dende 2014 celébrase en novembro o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, celebración na que participa unha científica ou un científico galego redactando un manifesto no que reivindica a importancia da ciencia. Este ano 2022 a persoa encargada de facelo foi José Tubío, profesor, investigador principal e divulgador na USC, que desde 2016 dirixe o grupo de investigación Xenomas e enfermidade do CiMUS.
Durante todo o mes estaremos recomendando lecturas científicas en galego no expositor e o taboleiro da entrada do centro, recompilando, ademais as nosas propostas nesta montaxe protagonizada o curso pasado por membros do Club de Ciencia. Esperamos que vos guste!


luns, 31 de outubro de 2022

SAMAÍN 2022

Chegou o Samaín!! Neste curso de volta á normalidade, recuperamos a Noite de medo no instituto con obradoiros de maquillaxe e de decoración de cabazas, un Cluedo elaborado por membros do Club de lectura de 4ºESO e, por suposto, películas de terror. Tamén houbo concursos organizados polo Equipo de Biblioteca e o ENDL: de minivídeos de terror e de epitafios.


 



mércores, 26 de outubro de 2022

MARILAR ALEIXANDRE, PREMIO NACIONAL DE NARRATIVA

Marilar Aleixandre vén de ser galardoada co Premio Nacional de Narrativa 2022 pola súa novela As malas mulleres, escrita en galego. O xurado destacou a súa "orixinal estrutura híbrida que a converte nunha singular novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX, cun admirable dominio do diálogo e da linguaxe". Xa na nosa biblioteca! Parabéns, Marilar!!

 

Na nosa biblioteca!

Fotografía: Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga)  

luns, 24 de outubro de 2022

COÑECENDO A NOSA BIBLIOTECA


Hoxe, como cada 24 de outubro dende 1997, celébrase o Día das Bibliotecas, este ano cun cartel conmemorativo realizado pola ilustradora e autora de cómics galega Xulia Vicente. E como o celebramos nós? Coñecendo un pouco máis a biblioteca do noso centro. Para iso, o alumnado de 1ºESO participou nun xogo de pistas en equipos, logo de escoitar as explicacións da coordinadora. And the winners were...



luns, 17 de outubro de 2022

DÍA DAS ESCRITORAS

Hoxe celébrase o Día das Escritoras, unha conmemoración promovida pola Biblioteca Nacional de España xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. Comezou a celebrarse no ano 2016 o luns máis preto da festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro, e intenta poñer en valor o labor e legado das escritoras ao longo da historia.
Esta VII Edición conta co comisariado da escritora Carmen Domingo, baixo o lema “Antes, durante e despois das guerras”.
De momento deixámosvos esa montaxe adicada ás escritoras galegas máis lidas por nós.


venres, 30 de setembro de 2022

VOLUNTARIADO

Que mellor xeito de comezar o curso que cun recoñecemento? Chegaron os diplomas para o alumnado que formou parte do Equipo de Voluntarias e Voluntarios da biblioteca o curso pasado. Moitísimas grazas polo voso labor!!

 

venres, 23 de setembro de 2022

NOVIDADES NA COSTA DA MORTE

Como xa vén sendo habitual no noso blog, tentamos dar publicidade a aquelas publicacións e actividades culturais relacionadas coa nosa contorna. Esta vez é a quenda do libro Luces da Costa da Morte, do autor céense Xosé Iglesias, que o Concello de Fisterra nos acaba de agasallar. Trátase dunha colección de poemas, acompañados cada un dunha postal, nunha coidadísima edición da editorial Bululú. Moi recomendable!!


venres, 9 de setembro de 2022

AQUÍ ESTAMOS DE NOVO!

Aquí estamos de novo!! Este curso parece que será o da volta á normalidade, tamén no uso da biblioteca: sen asignación de días por grupo e sen límite de aforo.
Agardámosvos e esperamos que o curso veña cargado de boas lecturas!!

venres, 8 de xullo de 2022

GHUAIDELAI E AS SÚAS LECTURAS

Deixámosvos nesta entrada traballos que xurdiron da lectura de varios libros nos diferentes grupos: A casa xunto ao volcán, de Xosé Ricardo Losada, no grupo de 3º e 4º, e To Your Eternity, de Yoshitoki Oima, no grupo de lectura manga.
Moitísimas grazas a todo o alumnado participante! Sen vós nada disto sería posible. Felices vacacións!!


 

AS NOSAS LENDAS

Dende a biblioteca queremos compartir con vós algúns dos traballos realizados no mes de xuño a partir da vosa investigación sobre diferentes lendas nas materias de Lingua Galega e Literatura, Xeografía e Historia, e Inglés. Parabéns!


 

mércores, 29 de xuño de 2022

EXPOSICIÓN DE DEBUXOS MANGA

Dende hai uns días, no taboleiro da entrada do centro podemos gozar dalgúns dos debuxos realizados por alumnado do Club Manga. Os nosos parabéns a Xusto, Óscar e Miriam, os seus autores e autora!!

martes, 28 de xuño de 2022

LENDO CON ORGULLO

Hoxe celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, conmemorándose que o 28 de xuño de 1969 producíanse as revoltas de Stonewall en Nueva York, consideradas como o inicio da loita moderna contra a discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero. E, coma sempre, nós recomendamos unha selección de lecturas, todas na nosa biblioteca. Se facedes clic nas portadas, teredes máis información sobre os libros. Esperamos que gocedes deles!

xoves, 23 de xuño de 2022

NOVIDADES

Imos cos últimos rexistros do curso!! No expositor de novidades tedes as últimas adquisicións da nosa biblioteca. Están agardando por vós... Xa sabedes que o verán é unha época marabillosa para ler!


mércores, 22 de xuño de 2022

ENCONTRO CON LAURA SUÁREZ

E como broche final ás actividades deste curso, onte recibimos a visita na biblioteca de Laura Suárez, autora e ilustradora de Monte Pindo. Historias e lendas do Olimpo celta, libro lido polo alumnado do Club de lectura. Falounos do proceso de documentación e investigación previo á escrita do libro e do seu traballo como ilustradora. 

Moitas grazas, Laura, pola túa visita e os teus consellos!

 

Ver imaxes

sábado, 18 de xuño de 2022

EXCURSIÓN A SANTIAGO

O mércores o alumnado integrante do Club de lectura e do Club de Ciencia recibiu un merecido agasallo, visitando en Santiago o Museo de Historia Natural e librerías especializadas en cómic e literatura infantil e xuvenil. A medida que ían visitando as distintas seccións do museo foron buscando a información necesaria para completar un cuestionario. Quen gañará o diploma? 

 

luns, 13 de xuño de 2022

GHUAIDELAI CELEBRA O FIN DE CURSO

Hoxe o Club de lectura e o Club de Ciencia, co que compartimos a maioría dos integrantes, tivemos unha comida conxunta para celebrar o remate das reunións deste curso tan repleto de lecturas e actividades. Despois de xantar, participamos nun obradoiro de Ciencia divertida no laboratorio. Un bo xeito de rematar a temporada!

Tres membros do Club de lectura no obradoiro.
 
Algúns e algunhas integrantes do Club de lectura cos libros lidos.

Máis imaxes

mércores, 8 de xuño de 2022

MURAL SOBRE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Xa está rematado o mural!! Como xa adiantabamos na entrada dedicada ao Día das Letras Galegas, o alumnado do centro estivo traballando estas semanas na biblioteca nun mural colaborativo centrado na figura de Florencio Delgado Gurriarán. Dividido en bloques, cada equipo de dous ou tres alumnos e alumnas centrouse nun deles. O proxecto estivo coordinado polo Departamento de Lingua Galega e Literatura coa colaboración da Biblioteca.

En pleno proceso creativo...

 Ver imaxes

martes, 31 de maio de 2022

VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA

Agora que o curso está a piques de rematar, non queremos esquecernos de agradecer o seu labor ao noso primeiro equipo de alumnado voluntario.

Parabéns e moitas grazas!!

O noso equipo de alumnado voluntario coas súas acreditacións.

xoves, 19 de maio de 2022

DOMINGO VILLAR

Onte falecía en Vigo Domingo Villar, un dos máximos expoñentes da novela negra galega. Este "pesimista alegre", como el mesmo se definía, é o creador da serie de tres volumes ambientada na ría de Vigo e protagonizada polo inspector de policía Leo Caldas, composta por Ollos de auga (2006), A praia dos afogados (2009) e O último barco (2019), o segundo dos cales foi levado ao cine en 2015 baixo a dirección do realizador Gerardo Herrero, sendo un dos responsables do guión o propio Domingo Villar. O seu último traballo é Algunos cuentos completos (2021), un libro de relatos con linogravados de Carlos Baonza.
A súa obra foi traducida a máis de quince idiomas e mereceu numerosos premios e distincións, algúns deles de carácter internacional como o de finalista dos Crime Thriller Awards e Dagger International no Reino Unido, do premio Le Point du Polar Européen en Francia ou do Martin Beck da Academia Sueca de Novela Negra.

Domingo Villar. Fotografía Faro de Vigo.

Podedes atopalos na nosa biblioteca.

martes, 17 de maio de 2022

LETRAS GALEGAS 2022

O venres tivo lugar na nosa pequena carballeira o acto de inauguración da celebración das Letras Galegas. A carón dun maio, evocando o Valdeorras natal de Florencio Delgado Gurriarán, tres alumnas e un alumno recitaron algúns dos seus poemas. Durante a última sesión da mañá os seus versos seguiron soando nun espectáculo de maxia a cargo de Martín Camiña. 

O alumnado continuará realizando actividades centradas na figura do poeta homenaxeado ao longo de todo o mes.

 

 Ver imaxes

luns, 9 de maio de 2022

"ADOLESCENTES", DE MARIÑA LESTÓN

Dende a biblioteca queremos recomendarvos esta actividade organizada polo Concello de Fisterra dentro da programación para a celebración do Día das Letras Galegas 2022: a actuación da nosa querida exalumna Mariña Lestón, membro mooooi activo do Club de lectura durante o seu paso polo centro e actual alumna do 2º ano de Interpretación na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. Animádevos!!

Xa apuntaba maneiras cando, co Club de lectura, lía contos aos pequenos da vila o Día do Libro!!

Mariña en Sardiñeiro co Club de lectura en abril do 2018.

luns, 2 de maio de 2022

DÍA MUNDIAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR

Dende o ano 2013 celébrase o 2 de maio o Día Mundial contra o Acoso Escolar en todas as súas formas (acoso físico, psicolóxico, verbal, social, ciberbullying) co obxectivo de dar visibilidade a todos os riscos que implica. A celebración desta xornada xurdiu da asociación Bullying Sin Fronteras, que proclamou este día a través dun comunicado que contou co apoio de máis de 3.000 organizacións non gobernamentais por todo o mundo.
Dende a biblioteca queremos propoñervos algunhas lecturas sobre o tema, por iso elaboramos o seguinte díptico. Se facedes clic sobre as portadas, teredes máis información sobre os libros.

 Esperamos que gocedes da súa lectura!!

Todos eles na nosa biblioteca!!

sábado, 30 de abril de 2022

ENCONTRO CON ANDREA MACEIRAS

Rematamos o "mes do libro" coa visita de Andrea Maceiras, recente gañadora do XIX Premio Anaya de Literatura Infantil e Xuvenil, que nos acompañou nunha marabillosa viaxe pola Amazonia co seu libro A folla azul, lido polo alumnado de 1º ESO.
Moitas grazas, Andrea, pola túa visita!!

Andrea Maceiras co alumnado de 1º ESO.

Ver imaxes

luns, 25 de abril de 2022

ENCONTRO CON ROCÍO LEIRA

E continuamos co "mes do libro"! O alumnado do Club de lectura gozou hoxe da agradable visita de Rocío Leira, autora de A afogada, novela lida durante a segunda avaliación. Falounos da súa traxectoria como escritora, do proceso da escrita e compartimos con ela a análise dos diferentes personaxes e dos temas que aparecen no libro: as persoas con altas capacidades, o maltrato...

Moitas grazas, Rocío!! 

O alumnado do Club de lectura con Rocío Leira

sábado, 23 de abril de 2022

DÍA DO LIBRO

Xa é o Día do libro!! Que mellor xeito de celebralo que recomendando lecturas? Esta semana estivemos posando coas nosas suxestións no "photocall literario" da biblioteca: narrativa, ciencia, manga, poesía, cómic... E o resultado é a seguinte montaxe. Esperamos que vos guste!!


venres, 22 de abril de 2022

PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2022

Hoxe publicábase a resolución pola que se recoñece á escritora Antía Yáñez Rodríguez co Premio dos Clubs de Lectura 2022. É autora de libros lidos por nós como O misterio de Portomarín, O misterio do torque de Burela, Senlleiras ou Plan de rescate, e tivemos o pracer de recibir a súa visita en maio de 2018.
Parabéns, Antía!!

Antía Yáñez na nosa biblioteca en maio de 2018.

Este premio inaugurouse no 2015 e outórgaselle aos escritores e escritoras que encabezan a lista dos máis lidos polos Clubs de lectura, que estean vivos e sen que poidan repetir galardón. Os outros gañadores e gañadoras das pasadas edicións foron Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro (2018), María Reimóndez (2019), Andrea Maceiras (2020) e Eva Mejuto (2021).

xoves, 7 de abril de 2022

A CASA XUNTO AO VOLCÁN

Hoxe o alumnado de 3º e 4º ESO asistiu no IES Agra de Raíces a un encontro co profesor de Filosofía e escritor Xosé Ricardo Losada, autor da novela A casa xunto ao volcán, lida polos membros do noso club de lectura durante a primeira avaliación. 

Este foi o primeiro dos varios encontros que este "mes do libro" terá o noso alumnado con autores e autoras. 

O alumnado do Club de lectura con Xosé Ricardo Losada.

luns, 21 de marzo de 2022

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Este ano decidimos coñecer un pouco máis e homenaxear a cinco poetas de Fisterra, poñendo voz aos seus poemas. Carla, de 4º ESO, foi a encargada de facelo nesta montaxe que esperamos que vos guste.



luns, 14 de marzo de 2022

LITERATURA CON SELO FISTERRÁN

Dende a biblioteca tentamos dar visibilidade ao talento local no eido da cultura. O Concello vén de agasallarnos con dous libros de autores fisterráns: o poeta Alexandre Nerium, e o escritor e cronista local Roberto Traba Velay. No primeiro caso trátase da recente publicación Ara do mar. Poesía a Fisterra, antoloxía na que participaron máis de 200 autores e autoras e da que Alexandre Nerium foi coordinador; no segundo do libro Ola miña bonita, na que o autor combina ficción, historia e persoeiros da época da ocupación francesa con outros personaxes creados.
Animádevos a lelos!!

Podedes atopalos na nosa biblioteca!!

mércores, 9 de marzo de 2022

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Onte celebramos o Día Internacional da Muller cun concerto, organizado polo Concello, do grupo The Tetas' Van, que interpretou versións en galego de temas coñecidos, reivindicando a igualdade plena, a liberdade de expresión e a importancia do papel das mulleres na sociedade. Pero non foi a única actividade: tamén elaboramos un mural-homenaxe ás Mulleres da nosa vida con fotografías cedidas por alumnado ou exalumnado e, como non, recomendamos lecturas sobre o tema nun expositor á entrada do centro.

 


Ver imaxes