venres, 16 de decembro de 2016

RECOMENDAMOS LECTURAS

Como ler non está rifado con ningunha outra actividade, decidimos unirnos á moda do "mannequin challenge" (vamos; o un, dous, tres, zapatito inglés de toda a vida) e utilizalo para recomendarvos os libros que lemos no club de lectura neste trimestre (o Nadal é unha boa época para as lecturas). Esperamos que vos gusten!


xoves, 1 de decembro de 2016

DÍA MUNDIAL DA LOITA CONTRA A SIDA

Hoxe, 1 de decembro, celébrase o Día Mundial da Loita contra a SIDA, enfermidade que en moitos casos segue a considerarse un estigma social.

Sendo conscientes que dende os centros educativos o noso labor é educar para previr e para desbotar certos prexuízos, recomendámosvos unha película e unha novela gráfica sobre o tema: Philadelphia, dirixida por Jonathan Demme e Píldoras azules, ilustrada e escrita en forma autobiográfica por Frederik Peeters.




Dispoñibles na nosa biblioteca.

Desfrutade delas!!

mércores, 30 de novembro de 2016

PREMIO CERVANTES 2016

Eduardo Mendoza é o gañador do Premio Cervantes 2016, o máximo galardón das letras españolas. O denominado "Nobel das letras en castelán", creado en 1975, recoñece a traxectoria dun escritor que co conxunto da súa obra tivera contribuido a enriquecer o legado literario hispano.

Mendoza, nacido en Barcelona en 1943, é o autor, entre outras, de novelas como La verdad sobre el caso Savolta (1975), Sin noticias de Gurb (1991), El misterio de la cripta embrujada (1978) e La isla inaudita (1989), todas elas na nosa biblioteca.


Parabéns!!

luns, 28 de novembro de 2016

NON HAI FLORES NO CAMIÑO DA VIOLENCIA MACHISTA

Non quixemos, dende o centro, pasar por alto o día internacional da eliminación da violencia contra a muller.


Cun sinxelo acto á porta de entrada do instituto, ao pé dun cartaz con letras de cor verde (non queremos perder a esperanza), recordamos ás mulleres que, no que levamos de ano, perderon a vida a man das súas parellas ou ex-parellas, cada unha delas representada cunha carauta branca.
Lemos tamén un manifesto que é o que lle dá nome ao título desta entrada. 

domingo, 20 de novembro de 2016

DÍA UNIVERSAL DO NENO

Hoxe conmemórase o Día Universal do Neno, recordando a data da aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno, o día 20 de novembro de 1989, de cumprimento obrigatorio para todos os países que a firmaron. Trinta anos antes, en 1959, a ONU xa aprobara unha Declaración dos Dereitos do Neno que incluía 10 principios, pero que legalmente non tiña carácter obrigatorio.

Para celebralo, dende a biblioteca recomendámosvos dous libros que tratan este tema con dous formatos distintos.

Por unha banda están as viñetas que Quino elabora a petición de Unicef, nas que Mafalda reivindica os dereitos do neno e que están expostas no taboleiro da entrada do centro.

Por outra, o libro Os dereitos da infancia, no que o ilustrador Emilio Urberuaga e dez autores, entre os que se atopa o noso admirado Agustín Fernández Paz, nos ofrecen dez contos en relación con cada un dos principios contemplados na Convención dos Dereitos do Neno.




Desfrutade deles!!

domingo, 13 de novembro de 2016

DESPEDIDAS

Esta semana deixáronnos dúas persoas relacionadas co mundo das letras: Leonard Cohen e Francisco Nieva.

Leonard Cohen, nacido en Montreal, Québec, Canadá en 1934, foi poeta, novelista e cantautor.
Comezou a súa carreira profesional como autor de poesía e ficción e non foi ata finais dos anos sesenta cando se adicou á música.
A súa obra literaria estivo influenciada por autores como William Butler Yeats, Walt Whitman, Federico García Lorca e Henry Miller.
En 2011 foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias das Letras. No seu discurso ao recibir o premio, Cohen fixo referencia á influencia española na súa obra.
Como músico, as súas composicións xiran arredor de temas como a relixión, a política, o illamento e as relacións persoais.
Grazas por cancións tan fermosas como Suzanne, Dance Me to the End of Love, Take This Waltz ou Hallelujah.



Francisco Nieva, nacido en Valdepeñas, Ciudad Real, en 1924, foi dramaturgo, escenógrafo, narrador, ensaísta, debuxante, académico da Real Academia Española dende 1990 e colaborador de diversas publicacións periódicas.
Pola súa produción teatral outorgáronselle varios premios como o Premio Nacional de Teatro en dúas ocasións (1980 e 1992), o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Literatura Dramática e o Premio Valle-Inclán (2011). Pola súa produción literaria en xeral foille concedido o Premio Príncipe de Asturias das Letras en 1992.



luns, 24 de outubro de 2016

SAMAÍN

Preparándonos para pasar medo!!

A biblioteca e o Departamento de Normalización e Dinamización da Lingua convocan o VI Concurso de relatos Samaín. As bases, que xa están colgadas en cada unha das aulas, tamén as podedes consultar aquí. Este ano, aproveitando que o lema das bibliotecas escolares é Biblioteca Escolar. Territorio das Artes, introducimos un cambio: os relatos terán que gardar relación coa inquietante imaxe de O berro, de Edvard Munch.


Animádevos a participar!! Haberá premios para os gañadores ou gañadoras!!

MÁIS PREMIOS

O venres 21 entregáronse en Oviedo os premios Princesa de Asturias.
Os gañadores e gañadoras nas diferentes categorías foron:

Artes: Núria Espert, actriz e directora teatral da que o xurado destacou que "o seu teatro se caracteriza pola fidelidade aos ideais e aspiracións do humanismo e sempre estivo ao servizo da poesía e da esencia da escritura dramática."

Comunicación e Humanidades: James Nachtwey, fotoxornalista estadounidense coñecido polo seu traballo en guerras, campos de refuxiados e cidades castigadas por catástrofes naturais ou ataques terroristas.

Ciencias Sociais: Mary Beard, profesora de Clásicas na Universidade de Cambridge, é unha das investigadoras que máis ten acercado o mundo romano á sociedade contemporánea, a través de libros ou de series para a BBC. 

Investigación Científica e técnica: Hugh Herr, investigador estadounidense no Instituto Tecnolóxico de Massachussetts (MIT) e experto mundial en biónica, que recibiu o premio polo deseño e desenvolvemento de próteses tecnoloxicamente avanzadas. 

Deportes: Javier Gómez Noya, triatleta galego, cinco veces campión do mundo e prata olímpica, do que o xurado destacou os valores de esforzo e perseveranza ante a adversidade. 

Letras: Richard Ford, autor estadounidense de novelas como El periodista deportivo (1986), El Día de la independencia (1995, Premio Pulitzer e Pen/Faulkner) e Acción de gracias (2006), do libro de relatos Francamente, Frank e creador do personaxe Frank Bascome, protagonista de varios dos seus libros. O xurado valorou a súa mirada sombría e densa sobre a vida cotiá de seres anónimos e invisibles. 

O Acordo de París contra o calentamiento global, que se pechou na capital francesa en decembro do ano pasado año, intenta reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, que segundo a maioría dos expertos, está contribuíndo ao aumento das temperaturas no planeta. Este pacto, por primeira vez, obriga a todos os países a poñer en marcha plans de redución de emisións e non só aos estados considerados desenvolvidos.

Concordia: Aldeas Infantís SOS, organización solidaria galardoada "pola súa contribución, durante máis de setenta anos e en 134 países, á protección dos nenos, a través de principios pioneiros e que cobran aínda maior vixencia en momentos nos que os conflitos internacionais poñen en especial risco aos máis vulnerables".


luns, 17 de outubro de 2016

SEMANA DE PREMIOS

A semana pasada veu cargada de premios literarios, algúns un tanto controvertidos.

Como afirmaba un coñecido xornal, “por primeira vez na historia do Nobel de Literatura, a xente non correrá ás librarías senón ás tendas de discos”. O xoves 13 de outubro a Academia Sueca outorgoulle o Premio Nobel de Literatura 2016 ao cantante estadounidense Bob Dylan por «ter creado unha nova expresión poética dentro da gran tradición da canción estadounidense».
Bob Dylan deixou o seu pobo de Minnesota a principios dos anos sesenta e trasladouse a Nova York para adicarse á música. Alí, no bohemio barrio de Greenwich Village, coñeceu a cantautores como Pete Seeger, Ramblin’ Jack Elliot o Dave Van Ronk, cantantes que xunto coa poesía dos surrealistas franceses, especialmente Arthur Rimbaud, e as noticias que ían aparecendo na prensa do momento, constituíron a base para esas primeiras cancións que cambiaron o aspecto do folk norteamericano, co seu aire contestatario, pero tamén poético.  Composicións como Blowin’ in the wind, Masters of War, The Times They Are a Changing, A Hard Rain's a-Gonna Fall, Mr Tambourine Man o Chimes of Freedom chegaron ao corazón da xeración dos sesenta e máis aló.



Por outra banda, esta fin de semana coñecíamos o nome da gañadora do Premio Planeta 2016, Dolores Redondo, polo seu libro Todo esto te daré, no que se combinan elementos da novela negra, como os asasinatos, e aspectos psicolóxicos. Esperamos telo pronto na nosa biblioteca, así como os seus libros pertencentes a La Trilogía del Baztán.





GHUAIDELAI: COMEZAMOS... DE NOVO

Este curso o noso club de lectura estará organizado, en principio, en dous grupos: un grupo con alumnos e alumnas de 1º ESO e outro con alumnado dos demais cursos.

O luns 10 de outubro tivemos a primeira reunión do grupo de 2º, 3º e 4º ESO. A lectura elixida para inaugurar esta nova tempada (e xa van SEIS!!) é O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, libro que recibiu o premio da AELG á mellor obra de literatura infanto-xuvenil no ano 2012.



O grupo de 1º ESO terá a primeira reunión o mércores 19 de outubro, coa lectura de O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro.



 

mércores, 21 de setembro de 2016

VOLTAMOS

Pois un novo curso comeza... e nós con el, claro. Dámosvos a benvida nada máis xa que, de momento, andamos simplemente a argallar cousas. Iremos informando.

mércores, 29 de xuño de 2016

VACACIÓNS....

Pois un curso máis que remata. Un máis da biblioteca e do club, e o primeiro deste blog. Pero non queremos despedirnos sen recordarvos que, quizá, é o momento agora de retomar esas lecturas voluntarias, que non tivemos tempo de realizar durante o curso escolar, agobiados polas lecturas obrigatorias, as actividades e os exames.
Recordarvos que podedes levar libros para o verán. So tedes que pasar pola biblioteca a buscalos (10:30-12:30).
A semana que vén andaremos por aquí.
Animádevos!!

martes, 7 de xuño de 2016

5 DE XUÑO, DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Esta data foi establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1972, coincidindo co primeiro cume mundial sobre medio ambiente, a Conferencia de Estocolmo sobre o Medio Ambiente Humano.
O tema de 2016 é a loita contra o comercio ilícito de fauna e flora silvestres, e o seu lema, Vólvete salvaxe pola vida (Go Wild for Life), anima a difundir a información sobre os delitos contra a natureza e o dano que fan.
Ban Ki-moon, secretario xeral da ONU, declarou: “Neste Día Mundial do Medio Ambiente, insto ás persoas e os gobernos de todo o mundo a que superen a indiferenza, combatan a cobiza e actúen para preservar o noso patrimonio natural en beneficio das xeracións presente e futuras”.
Mario Rodríguez, director de Greenpeace, fai unha selección de películas para fomentar o respecto e o amor pola natureza dende idades moi temperás, publicada en El País, que queremos compartir con vos. Entre elas hai tamén tres películas de animación e dous marabillosos documentais: La selva esmeralda (1985), El Olivo (2016), Avatar (2009), Ice Age (2002), Wall-E (2008), La Princesa Mononoke (1997), El viaje del emperador (2005) e Las Estaciones (2015).
Esperamos que disfrutedes con elas!!

luns, 16 de maio de 2016

MANUEL MARÍA

É o autor a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas; e con tal ocasión elaborouse un tríptico e no expositor, á entrada do instituto, móstranse os libros cos que consta a biblioteca da súa autoría. Felices lecturas (sexa cal for)!


Por certo, este un dos autores, xunto con Rosalía de Castro máis musicados. Tedes unha recompilación das súas músicas (e outras varias) na páxina de son de poetas.

sábado, 7 de maio de 2016

GHUAIDELAI NA ASCENSIÓN


Como a atrevidos non nos gaña ninguén... alá nos plantamos no medio de Santiago de Compostela o día propio da festa da Ascensión.



En realidade iamos á Feira do Libro convidados a ver a exposición "A historia da literatura fantástica" organizada por Urco editora e convidados pola libraría Aenea, pero xa postos decidimos aproveitar o día; así que ... despois de agobiar un pouco aos parrulos e aos gansos na Alameda (non houbo maltrato, dou fe), demos unha volta pola Feira de Artesanía, comemos como "xa é tradición" (alumna dixit) nun Kebab, os que quixeron montaron na noria, descubrimos que é un banco acústico, visitamos a curiosa e estreita Casa do Cabido, tomamos un refrixerio e acabamos a xornada de novo na Feira do Libro, asistindo a unha representación de Candido Pazó. Un dia ben completo!!









luns, 2 de maio de 2016

FEIRA DO LIBRO DE SANTIAGO

Esta semana é a feira do libro novo en Santiago de Compostela. Os integrantes do club de Lectura "GHUAIDELAI" asistirá á exposición "A historia da literatura fantástica" organizado por Urco editora. E como tal aparecemos no cartel do programa (bueno, cun pequeno erro ortográfico).


O que non sabíamos era que a nosa visita vai coincidir... co día da Ascensión!! Vaia animación (esperamos). Xa contaremos...

venres, 29 de abril de 2016

SVETLANA ALEXIÉVICH

Esta entrada deberíamola ter escrito en outubro do ano pasado que foi cando se lle concedeu o Nóbel de literatura a esta autora ucraíno-bielorrusa, pero sacámola agora a colación debido a que o martes cumpriuse o trixésimo aniversario dun dos desastres nucleares máis importantes da historia da humanidade. E ven ao caso porque ata a concesión do premio, de Svetlana só existía unha obra traducida ao castelán; a que se titula xustamente "Voces de Chernóbil. Crónica del futuro" na que nos fala das consecuencias, pasadas e futuras, daquel feito lutuoso.
A singularidade desta escritora-periodista é que os seus libros son un conxunto de testimonios de personaxes anónimos e o protagonismo da obra, por tanto, é coral. Xustamente por entrevistar, recoller e transcribir conversacións, móstranos unha realidade vivida, sentida e sen artificios o que a fai moito máis cruda e dificil de dixerir.
Despois da concesión do Nóbel rapidamente apareceron outras obras traducidas dela como  "Los muchachos de zinc" (sobre a guerra de Afganistán) ou "La Guerra no tiene rostro de mujer" (sobre a II Guerra Mundial).
Se ben na biblioteca do centro non temos ningún dos seus libros si podemos acercarnos ao coñecemento do acontecido en Chernóbil dun xeito máis amable a partir da novela gráfica, "Chernobil. La zona". 



Xa so ler o prólogo de Alvaro Colomer titulado "El mundo sin nosotros" paga a pena (quen por certo fai unha defensa da concesión do premio Nobel a Svetlana nun artigo do xornal no que escribe).
Co mesmo titulo do cómic hai un documental realizado no 2015 con intencións educativas e culturais.

venres, 22 de abril de 2016

23 DE ABRIL. DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

Celébrase o día do libro o 23 de Abril porque, supostamente, dous grandes representantes das letras, Cervantes e Shakespeare, compartiron deceso nese día do ano 1616. En realidade non foi así; Cervantes morreu un dia antes, o 22, e Shakespeare si o fixo o 23 de Abril pero segundo o calendario Juliano (recordemos que o noso actual Calendario, o gregoriano, foi imposto polo Papa Gregorio XIII no ano 1582 e que Inglaterra non o adoptou de xeito oficial ata 1752) así que en realidade morreu o 3 de Maio. Sexa como for, a UNESCO decidiu declarar este día como o internacional do libro no ano 1995 (a pesar de que en España xa levaramos dende o ano 1930 celebrandoo).


Este ano, ademáis cumplense 400 anos do feito que commemoramos neste día. Dende a biblioteca do centro organizamos un concurso. Animádevos que algún premio caerá!!

 
Sorte ás persoas que participen!!

sábado, 16 de abril de 2016

O MUNDO SECRETO DE BASILIUS HOFFMAN. O LADRÓN DE SOÑOS.

Xa fai dous anos que, na visita do noso club de lectura "GHUAIDELAI" a Santiago de Compostela, mantiveramos un encontro con Fernando Cimadevila, autor do libro que imos ler a continuación no club, e contaranos cousas moi interesantes do seu libro e máis do mundillo editorial.


Aínda que houbo quen leu o libro xa para aquela ocasión, decidimos darlle unha nova volta agora. Deixámosvos o "book trailer" para irnos animando. Ah! E recordade que xa hai unha segunda e unha terceira parte do libro.



Seremos quen a introducirnos na nova era que se nos anuncia?

mércores, 13 de abril de 2016

NOVIDADES


Habitualmente temos á entrada do instituto un expositor coas novidades que imos mercando para a biblioteca. Onte cambiamos os libros así que esta é unha maneira de presentarvos algúns dos novos títulos cos que contamos. Hai un pouco de todo: de divulgación, de actualidade, de entretemento, de historia... Botádelle un ollo!.


Esperamos as vosas lecturas e peticións.

luns, 4 de abril de 2016

EL PRÍNCIPE DE LA NIEBLA


Como o curso pasado léramos "Marina" e en xeral nos gustara, decidimos este ano repetir de novo autor e sumerxirnos (quizá deberíamos dicir esvaecernos) noutra novela de Carlos Ruíz Zafón. Esta vez escollemos "El príncipe de la Niebla", un libro que mestura o misterio, a aventura e a fantasía xunto con outras cuestións como a amizade ou que é o que está disposto a facer cada quen para conseguir aquelo que desexa... Esperamos que nos guste o suficiente como para volver a repetir outro ano...

xoves, 3 de marzo de 2016

EL NOMBRE DE LA ROSA

É o título da película, baseada na novela homónima de UMBERTO ECO, que fixo que o gran público coñecese a este autor falecido no mes pasado. Escritor, filósofo e semiólogo, escribiu numerosos ensaios de temas tan diversos como semiótica, lingüistica, estética ou moralidade. Recibiu o premio premio Príncipe de Asturias de comunicación e humanidades no ano 2000. No ano 1986 o estreno e o éxito da película "El nombre de la Rosa", de ambientación medieval e subxénero policial, baseada no seu libro publicado en 1980, potenciou a súa faceta novelística. Outra obra moi coñecida é "El péndulo de Foucault". A súa última novela "Número cero" veu a luz ao mesmo tempo que coñeciamos a noticia do seu pasamento.
 

Convidámosvos a ler (ou  ver) a novela que lle deu fama.... Pola nosa parte quedámonos con unha frase que dixo en certa ocasión:" “O que non le, aos 70 anos terá vivido so unha vida. Quen le terá vivido 5.000 anos. A lectura é unha inmortalidade cara atrás"

mércores, 24 de febreiro de 2016

CONCURSO DE RELATOS

O equipo de dinamización da lingua galega xunto co da biblioteca, convida ao alumnado do centro a participar no primeiro certame de relatos adicados á muller pola celebración do 8 de Marzo. A única condición é que a protagonista sexa unha muller. As bases atópanse no cartaz da convocatoria.

luns, 8 de febreiro de 2016

O CORAZÓN DA BRANCA DE NEVE

É o titulo do libro que estamos a ler actualmente no noso club de lectura "GHUAIDELAI". O seu autor é Francisco Castro que xa nos visitou co gallo da celebración das letras galegas no ano 2014. A novela gañou no 2013 o premio de novela por entregas, que todos os anos convoca o xornal "La Voz de Galicia". Trátase, como el mesmo di nunha entrevista (que colgamos xusto debaixo), dunha novela negra na que se mestura a xeito de denuncia e crítica social, o tema dos nenos roubados co da migración ilegal. A ver se nos/vos gusta...

mércores, 27 de xaneiro de 2016

JAN KARSKI

Norma editorial ven de publicar en formato novela gráfica (e que xa temos na biblioteca) a biografía dun deses tantos heroes anónimos e descoñecidos da historia. Hoxe, día internacional en memoria das víctimas do holocausto, queremos presentarvos á persoa que primeiro denunciou os horrores do holocausto (e ao que ninguén deu crédito), Jan Karski.



El mesmo contou a súa experiencia no libro "Historia dun estado clandestino" (este non o temos).

martes, 26 de xaneiro de 2016

DÍA DA PAZ

O feito de que teña que existir un día dedicado á paz, indica que non existe e que ademáis, por desgraza, estamos moi lonxe de conseguila. Moitas veces nos preguntamos que podemos facer nós pola paz... Se buscamos no dicionario a palabra Paz, este dinos que é o estado de tranquilidade e quietude que non está perturbado por ningún elemento alleo. Quizá non esteamos tan en paz como pensamos.

Dende a biblioteca ofrecémosvos algunhas suxestións de lectura e películas que nos poden valer para a reflexión.

xoves, 14 de xaneiro de 2016

SETE CAVEIRAS

É o libro que lemos durante estas navidades no club de lectura. Alentadas polo éxito cinemátografico de "A praia dos afogados" (baseado na obra co mesmo título de Domingo Villar), atrevémonos con esta outra novela de intriga e investigación escrita por Elena Gallego Abad na que os Famobil e a movida viguesa dos 80 teñen un especial protagonismo. Recomendamos, como non, a súa lectura (algún exemplar temos na biblioteca). Deixámosvos colgado o booktrailer para que vos animedes...