venres, 20 de decembro de 2019

OBRADOIRO DE FOTOGRAFÍA

Para rematar o trimestre hoxe participamos nun interesante obradoiro de fotografía impartido polo polifacético Rubén Prieto, integrante de Talía Teatro e antigo membro do equipo de El Hormiguero.
Ensinounos como sacar máis proveito da cámara do noso móbil, utilizándoa en modo pro, para facer fotografías en condicións especiais: escuridade, movemento, luminosidade intensa... E agora temos uns días de vacacións para poñer en práctica todo o aprendido. Ocasións seguro que non faltan!!


xoves, 19 de decembro de 2019

GHUAIDELAI REMATA O TRIMESTRE

Como manda a tradición, o último luns do trimestre todos os grupos que forman o noso club de lectura tiveron unha comida conxunta. A sobremesa, como vén sendo habitual nos últimos anos, foi un agasallo de Candela, a nosa reposteira oficial, á que este ano se uniu a súa irmá Aloia.
Despois de xantar, os membros dos diferentes grupos compartiron cos demais a súa opinión acerca dos libros lidos: A noite das bicicletas, de Teresa González Costa, O misterio do torque de Burela, de Antía Yáñez, Berta Mir detective. O caso do falso accidente, de Jordi Sierra i Fabra, Ataque a los titanes 01 e 02, de Hajime Isayama, My Hero Academia 01 e 02, de Kohei Horikoshi e Detective Conan 01, de Gōshō Aoyama.
E, para finalizar, proxectamos un clásico do anime: Alita: Ángel de combate, versión de 1993 da obra de Yukito Kishiro. Un bo remate de trimestre!!
 



mércores, 18 de decembro de 2019

NO NADAL, NOVIDADES

Con este título elaboramos unha postal con algunhas das novidades que foron chegando á nosa biblioteca neste primeiro trimestre: ciencia, igualdade, novela negra... Se facedes clic nas portadas dos libros que aparecen no interior da postal, teredes máis información sobre eles.
Dende Biblioestremonías esperamos que gocedes da súa lectura e destas festas de Nadal!!!



martes, 17 de decembro de 2019

DE ONDE SAE UN MEDICAMENTO?


Hoxe o Dr. Luis Botana, Catedrático de Farmacoloxía da USC, impartiu na biblioteca unha charla destinada ao alumnado de 3º e 4º da ESO.
Nesta charla puxéronse exemplos históricos da orixe de diversos medicamentos, a súa relación coa arte, a guerra... e fíxose especial fincapé en explicar que é e que non é un medicamento, no elevado custo que supón o seu desenvolvemento e as consecuencias disto na nosa esperanza de vida.


sábado, 30 de novembro de 2019

SAMAÍN

E chegou a noite de Samaín!!! Por primeira vez no centro celebramos o Samaín de noite. Como? Cunha sesión de contacontos arrepiantes na biblioteca, a cargo de tres membros do noso Club de lectura (Amancio, Antía e Óscar); cun "Cluedo vivente" en equipos, onde puxemos en acción a nosa lóxica e o traballo colaborativo; a proxección dunha película de terror; disfraces... 
Deixámosvos algunhas imaxes da sesión de contacontos, coa voz en off de Xian.


venres, 29 de novembro de 2019

POR ELAS, SEXAMOS VALENTES

Este é o lema co que participamos, xunto cos outros centros educativos do pobo, no acto convocado polo Concello de Fisterra con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Alexia, Aloia, Candela, Nerea e Óscar, membros do Club de lectura, leron un manifesto no que se incluían uns versos das poetas Marta Dacosta e Victoria Ash, mentres outra parte do noso alumnado portaba unhas caroutas brancas representando as mulleres asasinadas no que levamos de ano. No acto tamén tivo lugar a presentación dos carteis gañadores do obradoiro de igualdade "Entérate Fisterra".
Velaquí están as imaxes do acto e unha montaxe audiovisual realizada o curso pasado e protagonizada por alumnado do centro que nos fará reflexionar.


mércores, 20 de novembro de 2019

DEREITOS DA INFANCIA

Este ano celébranse os 30 anos da aprobación da Convención dos Dereitos do Neno, proclamada e adoptada pola Asemblea Xeral da ONU o 20 de novembro de 1989. Nela establécense os dereitos inalienables de todos os nenos e nenas, pero tamén as obligacións dos Estados, os poderes públicos, os pais, as nais e a sociedade no seu conxunto, para garantir o respecto deses dereitos e o seu goce por todos os nenos e nenas, sen distinción de ningún tipo.
Como di UNICEF, "é unha ocasión para celebrar e facer un chamamento á acción". E que mellor xeito de empezar que dando a coñecer eses dereitos? Por iso retomamos un vídeo realizado polos membros do noso club de lectura hai dous cursos, aportando así o noso pequeno gran de area á súa difusión.


martes, 19 de novembro de 2019

BICENTENARIO DO MUSEO DEL PRADO

Un día como hoxe, hai 200 anos, abría ao público o Museo Nacional del Prado, con 311 pinturas da Colección Real, todas de autores españois. Celebramos, pois, o bicentenario desta institución cultural, creada inicialmente como Real Museo de Pintura y Escultura, pasando a chamarse en 1868 Museo Nacional de Pintura y Escultura para mudar, posteriormente, ao seu nome actual. Animámosvos a visitalo!!


xoves, 24 de outubro de 2019

DÍA DA BIBLIOTECA

O Día da Biblioteca celébrase cada 24 de outubro dende 1997 por iniciativa da Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil co obxectivo de concienciar da importancia da lectura e como homenaxe ao labor dos bibliotecarios e bibliotecarias.
E como o celebramos nós? Visitando a Casa do Arco, a Biblioteca Municipal de Fisterra. Alí nos recibiron Teresa, concelleira de Cultura, e Darío, encargado da biblioteca e ex-alumno do noso centro, ao que foi un verdadeiro pracer volver atopar. Faláronnos da historia da Biblioteca Municipal e as súas diferentes localizacións, dos servizos que ofrece (préstamo, ludoteca, mochilas viaxeiras...), actividades que se desenvolven (club de lectura de adultos, presentación de libros, actuación de contacontos...), explicáronnos o sistema de rexistro de fondos, ensináronnos verdadeiras xoias literarias e regaláronnos libros para a nosa biblioteca. Algúns de nós animámonos e aproveitamos a visita para facernos socios e socias. Seguro que a partir de agora a visitamos con máis frecuencia!! Moitísimas grazas por todo!!


domingo, 20 de outubro de 2019

PREMIOS XERAIS 2019

Onte celebrouse o acto de entrega dos Premios Xerais 2019, despois de que no mes de xuño se deran a coñecer os nomes do gañador e gañadoras nas diferentes categorías. O Premio Xerais de Novela foi para Amador Castro, por Shanghai a Barcelona, unha novela sobre a emigración galega á capital catalá; o Premio Merlín de Literatura Infantil foille outorgado a Rosa Aneiros pola obra Xelís, o guieiro das botellas de mar, un texto, en palabras da súa autora, "de denuncia do deterioro do planeta, en particular dos océanos pola contaminación dos plásticos"; e o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil foi para Emma Pedreira por Os corpos invisibles, novela sobre as mulleres no Londres da Revolución Industrial.
Parabéns aos tres!!

 



Xa os podedes atopar na nosa biblioteca!!!

xoves, 17 de outubro de 2019

PREMIO PLANETA 2019

Esta semana déronse a coñecer o gañador e finalista dos premios Planeta 2019: Javier Cercas, coa súa novela Terra Alta, e Manuel Vilas, con Alegría.
Terra Alta é unha novela policial na que unha parella da alta burguesía catalá aparece asasinada de xeito brutal e un mosso d’esquadra terá que resolver o crime.
En Alegría o narrador, un escritor de mediana idade reflexiona e laméntase do paso do tempo e da perda dos seus seres queridos, tratando de fuxir da depresión e conseguir ser quen de gozar de algo tan esquivo como a felicidade. 

Javier Cercas, gañador.
Manuel Vilas, finalista.



 

luns, 14 de outubro de 2019

DÍA DAS ESCRITORAS

O Día das Escritoras é unha conmemoración promovida pola Biblioteca Nacional de España xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. Comezou a celebrarse no ano 2016 o luns máis preto da festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro, e intenta poñer en valor o labor e legado das escritoras ao longo da historia.
Este ano queremos adicarllo ás escritoras galegas máis lidas por nós e por iso elaboramos a seguinte presentación.


venres, 11 de outubro de 2019

PREMIOS NOBEL DE LITERATURA

Onte a Academia Sueca anunciaba os nomes da gañadora e gañador dos premios Nobel de Literatura 2018 e 2019: a polaca Olga Tokarczuk e o austríaco Peter Handke.
Olga Tokarczuk é autora de obras como Sobre los huesos de los muertos, Un lugar llamado antaño e Los errantes, publicadas en castelán. A adaptación cinematográfica da súa novela Spoor, dirixida por Agnieszka Holland, obtivo o Oso de Plata no Festival de Berlín de 2017.
Peter Handke escribiu, entre outras, as novelas Desgracia impeorable, Carta breve para un largo adiós ou El miedo del portero al penalty, e obras teatrais como Insultos al público ou El pupilo quiere ser tutor, todas elas publicadas en castelán. Ao igual ca gañadora do 2018, garda relación co mundo cinematográfico como autor dos guións das películas do director Wim Wenders Falso movimiento e Cielo sobre Berlín e incluso dirixindo as súas propias como La ausencia ou La mujer zurda.

xoves, 3 de outubro de 2019

GHUAIDELAI

Por noveno curso consecutivo o noso club de lectura inicia a súa andaina. De momento, estamos cos preparativos: primeira reunión do club de lectura manga o venres no recreo, entrega de autorizacións, provisión de exemplares suficientes das diferentes lecturas... Seguiremos informando!!


luns, 30 de setembro de 2019

ELÓ

Coma noutras ocasións, a nosa biblioteca colabora en dar visibilidade ás iniciativas culturais que se desenvolven no pobo. Neste caso a protagonista é a revista cultural de Fisterra Eló, da que xa temos varios exemplares á vosa disposición. Animádevos a coñecela!!


 

domingo, 22 de setembro de 2019

COMEZAMOS!!

Xa estamos de volta, un curso máis, no que intentaremos espallar o noso amor pola lectura.
E mentres nós gozabamos das vacacións, no mes de xullo, o blog da editorial Xerais e a páxina da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega publicaron o último traballo realizado polo noso club de lectura Ghuaidelai: o roteiro literario baseado no libro Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé Mª Lema Suárez. Moitísimas grazas! 

O club de lectura Ghuaidelai 2018-2019 case ao completo.

martes, 2 de xullo de 2019

ROTEIRO LITERARIO II: COSTA DO SOLPOR. O REGRESO DA ILLA DO TESOURO.

E para finalizar o curso, publicamos a montaxe realizada co roteiro literario baseado no libro Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro de Xosé Mª Lema Suárez, que o alumnado do grupo dos "maiores" do noso club de lectura realizou en Fisterra, A Ponte do Porto, Camariñas e Camelle. Moitísimas grazas ao autor co que compartimos unha tarde moi agradable do mes de maio!!
Esperamos que vos guste o resultado e... felices vacacións e boas lecturas!!


domingo, 30 de xuño de 2019

GHUAIDELAI EN SANTIAGO

Como xa é tradición, un ano máis levamos a cabo unha nova excursión a Santiago, esta vez o último día do curso. Comezamos visitando a exposición Homo Sapiens, transmisor de coñecemento no MUPEGA, onde admiramos material antigo relacionado coa bioloxía, física, matemáticas, comunicacións, letras... cedido polos denominados Institutos Históricos de Galicia.
A continuación dirixímonos ao centro de Santiago e fomos a dúas librerías: Couceiro e Alita Comics. Na primeira ofrecéronnos unha explicación moi interesante sobre o proceso de restauración dun libro e visitamos a sección de literatura xuvenil. Na segunda, o alumnado do club manga quedou abraiado coa cantidade e variedade de cómics expostos. Despois de repoñer forzas, encamiñámonos cara ao mosteiro de San Martiño Pinario para facer unha visita guiada á exposición sobre Leonardo da Vinci. Articulada en varias seccións diferenciadas (pintura, estudio óptico, anatomía, auga, física, militar, voo), nela puidemos manipular algunhas das pezas, como o sistema de poleas, o gato mecánico, a grúa ou introducirnos na sala dos espellos. Que máis se pode pedir para despedir o curso? E como unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí está a reportaxe audiovisual deste día...


venres, 28 de xuño de 2019

GHUAIDELAI E AS SÚAS LECTURAS

Como xa remata o curso, decidimos facer unha "memoria audiovisual" de todas as lecturas levadas a cabo durante estes nove meses no Club de lectura. E este é o resultado...


E como é tempo de despedidas, queremos desexarlles o mellor a catro membros do club que nos deixan para seguir facendo camiño: Ari, Lara, Minia e Miriam... Esperamos que continúen a gozar coa lectura, tal como fixeron con nós os anos que nos acompañaron.

mércores, 26 de xuño de 2019

GAÑADORAS

Despois de todo un curso de traballo, chegou o momento da colleita: entrega de notas, pero tamén de premios. Así, Candela e Minia recollían hoxe os seus diplomas e os seus agasallos como gañadoras do III Concurso Nós lemos, e ti? e o VIII Concurso de relatos de terror, respectivamente.
Parabéns e a seguir gozando da lectura e a escritura!!

Parabéns a Minia e Candela!!!

xoves, 20 de xuño de 2019

GHUAIDELAI REMATA O TRIMESTRE

Hoxe o noso club de lectura Ghuaidelai rematou as reunións deste curso: nove meses cheos de actividades que xiraron arredor da lectura, unha das nosas paixóns. Durante este último trimestre o grupo de 1º e 2º leu A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, novela chea de misterio e intriga, na que se enfrontan as forzas do mal e do ben nun mundo onde se mestura ciencia e fantasía. Polas súas páxinas circulan personaxes de todo tipo que se sitúan no Londres da época vitoriana: animais mitolóxicos como unicornios, xenios inventores, asasinos como Jack o Destripador...
O grupo de 3º e 4º rematou Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé Mª Lema Suárez e leu tamén O que eu creo (de todo), de Jordi Sierra i Fabra, no que o protagonista, o adolescente Xavier, fálanos en primeira persoa das súas inquedanzas, sentimentos, o amor, a amizade, a familia ... E, finalmente, o grupo de lectura manga seguiu fiel á serie The Promised Neverland, de Kaiu Shirai e Posuka Demizu, que os ten engaiolados/as, e leu o tomo 5 e o tomo 6, nos que comeza a tan esperada fuxida.


venres, 14 de xuño de 2019

ROTEIRO LITERARIO I: VOLVERÁS, GOLFIÑO

Durante o encontro de clubs de lectura que levamos a cabo o 27 de maio, fixemos un roteiro literario baseado no libro Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras, lido polo alumnado de 1º e 2º. Visitamos os escenarios máis importantes nos que transcorre a historia: o faro vello e o novo de Cabo Vilán, o Cemiterio dos Ingleses, a Praia do Trece, Camelle... Como xa anunciabamos nunha entrada anterior, realizamos unha montaxe coas lecturas escollidas e... velaquí tedes o resultado!! Esperamos que vos guste!!


luns, 10 de xuño de 2019

PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA

O pasado venres facíase entrega en Santiago do Premio dos Clubs de Lectura á escritora, tradutora e intérprete María Reimóndez. É a autora de, entre outros, algúns libros lidos por nós como Usha, Corredora, Fóra do normal ou os poemarios Moda galega e Presente continuo.

Parabéns, María!!!
Este premio inaugurouse no 2015 e outórgaselle aos escritores e escritoras que encabezan a lista dos máis lidos polos Clubs de lectura, que estean vivos e sen que poidan repetir galardón. Os outros gañadores e gañadora das pasadas edicións foron Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017) e Carlos Negro (2018).

martes, 4 de xuño de 2019

ENCONTRO DE CLUBS DE LECTURA

E unha actividade máis para celebrar o mes das Letras Galegas: o encontro do noso club de lectura Ghuaidelai cos clubs de lectura do IES Maximino Romero de Lema (Baio) e o CPI de Zas celebrado o 27 de maio.
O encontro tivo como fío condutor o roteiro literario baseado na lectura de dous libros: Volverás golfiño, de Andrea Maceiras, lido polos clubs de lectura dos tres centros, e Costa do Solpor. O regreso da Illa do tesouro, de Xosé Mª Lema Suárez, lido polo alumnado do grupo de 3º e 4º do noso club de lectura.
Visitamos A Ponte do Porto, Camelle, o Cemiterio dos Ingleses, o faro de Cabo Vilán e os arredores das Torres de Cereixo.
Nuns días estarán rematadas as montaxes coas lecturas de cada un dos libros; mentres, aquí tedes a reportaxe audiovisual froito deste encontro...


sábado, 25 de maio de 2019

SIRI HUSTVEDT

A escritora americana, de orixe noruegués, vén de gañar o premio Princesa de Asturias das Letras 2019. Preocupada polas cuestións fundamentais da ética contemporánea, experta en neurociencia e psicanálise, publicou novela, ensaio e poesía. A súa obra, que arrancou coa súa novela Os ollos vendados en 1992, xira entorno a tres eixos fundamentais: feminismo, arte e ciencia, e é considerada, segundo a acta do premio, "unha das máis ambiciosas do panorama actual das letras".

Fotografía de Luigi Novi

venres, 17 de maio de 2019

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado a Antón Fraguas, unha das máis relevantes figuras no ámbito intelectual e galeguista do século XX, que destacou, sobre todo, polos seus traballos como historiador e antropólogo. Para dar a coñecer un pouco máis a súa traxectoria, elaboramos este díptico.

martes, 14 de maio de 2019

ENCONTRO CON XOSÉ MARÍA LEMA SUÁREZ

E continuamos cos encontros literarios no mes das letras. Esta vez foi con Xosé Mª Lema Suárez, autor de Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, libro lido polo alumnado de 3º e 4º do club de lectura.
Xosé Mª ofreceunos onte pola tarde unha charla amena, moi completa e perfectamente documentada con fotografías dos principais escenarios da historia narrada no libro, analizando ditos, refráns e exemplos da fala da zona, que é a que teñen os personaxes galegos do libro. Ao final do encontro, o alumnado fixo preguntas, algunhas das cales xa foran xurdindo ao longo das sucesivas reunións do club de lectura. Agasallounos, ademais, con varios libros escritos por el que pasarán a formar parte dos fondos da nosa biblioteca.
Moitísimas grazas, Xosé María!!

martes, 7 de maio de 2019

ENCONTRO CON ANDREA MACEIRAS

Hoxe o alumnado de 3º e 4º, e o do club de lectura de 1º e 2º tivo un encontro coa escritora Andrea Maceiras, facilitado pola editorial Xerais. Tomando como punto de partida un dos contos incluídos en De cando fun serea, a escritora falounos do acoso escolar, tema do seu libro O que sei do silencio, do proceso creativo, e respondeu as preguntas do alumnado (un pouco tímido ao principio) acerca desta e outras das súas obras: Volverás golfiño, lido polos integrantes dun dos grupos do club de lectura no segundo trimestre; Europa Express, Nubes de evolución... E ao final deste agradable encontro, asinou exemplares dos seus libros.
Podedes ver imaxes do encontro no enlace que atoparedes baixo a foto.

Andrea Maceiras asinando exemplares de Volverás golfiño a varios integrantes do club de lectura Ghuaidelai.

xoves, 2 de maio de 2019

DÍA MUNDIAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR


Dende o ano 2013 celébrase o Día Mundial contra o Acoso Escolar, a raíz dunha proposta da ONG Bullying Sin Fronteras, aprobada pola UNESCO o día dous de maio dese ano. Téntase, así, dar visibilidade a este problema, organizar protocolos de actuación nos colexios e ofrecer canles de axuda aos afectados e afectadas. Nós, dende a biblioteca, propoñemos a lectura de dous libros, 21 relatos contra el acoso escolar, escrito por varios autores e autoras, e O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, que nos visitará o vindeiro martes 7 de maio para falar do tema.



Podedes atopalos na nosa biblioteca.

martes, 23 de abril de 2019

DÍA DO LIBRO

Este ano decidimos celebrar o Día do Libro compartindo citas dalgúns dos nosos libros preferidos en marcapáxinas que fomos elaborando dende hai semanas durante os recreos, e que hoxe regalamos. Así, O segredo da vella librería, Made in Galiza, Harry Potter, Alicia no País das Marabillas, O Principiño... acompañarannos cada vez que leamos un libro. 



 FELIZ DÍA DO LIBRO!!!

luns, 8 de abril de 2019

GHUAIDELAI REMATA O TRIMESTRE

Como xa é habitual, rematamos o trimestre cunha comida conxunta dos grupos que forman o noso club de lectura, con sobremesa da nosa reposteira oficial, Candela, á que se sumou nesta ocasión Minia. Compartimos impresións sobre as lecturas do trimestre, Volverás golfiño, de Andrea Maceiras para 1º e 2º, Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé María Lema Suárez, para 3º e 4º, e The Promised Neverland 3, 4 e 5, de Kaiu Shirai e Posuka Demizu, para o club manga, e despois, desafiando o forte vento e a choiva que nos deu unha pequena tregua, fixemos unhas fotos en Mar de Fóra, un dos escenarios do libro lido polos maiores.

martes, 2 de abril de 2019

DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO

O día 2 de abril conmemórase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.
Recomendámosvos dous cómics de Miguel Gallardo sobre o tema que podedes atopar na nosa biblioteca. Neles narra a súa experiencia coa súa filla María, autista.

 


 Por unha sociedade máis inclusiva, fagamos un xesto polo autismo!!
 

mércores, 27 de marzo de 2019

DÍA MUNDIAL DO TEATRO

Dende 1962 os centros ITI (International Theatre Institute) e a comunidade teatral internacional celebran o 27 de marzo o Día Mundial do Teatro con diversos actos. Un dos máis representativos é a  elaboración e lectura dun manifesto, tradicionalmente escrito por unha personalidade de recoñecido prestixio no mundo do teatro. Este ano é o turno do dramaturgo cubano Carlos Celdrán.
Nós elaboramos un tríptico coas nosas suxestións teatrais.
Esperamos que vos gusten!!

xoves, 21 de marzo de 2019

DÍA DA POESÍA

Hoxe os versos de Carlos Negro, Berta Dávila, Fran Alonso, Alexandre Nerium, Modesto Fraga, Ana María Fernández... inundaron as nosas aulas, a sala de profesores, conserxería, secretaría e hasta a cafetería. Cando chegamos ao instituto todos e todas tiñamos un agasallo sobre as nosas mesas: UN POEMA.
Feliz Día da Poesía!!

 

mércores, 13 de marzo de 2019

IGUALDADE

Hoxe o alumnado de 1º e 2º ESO asistiu na biblioteca a un obradoiro de igualdade organizado polo Concello de Fisterra. Sergio foi o encargado de levalo a cabo, tratando temas como os estereotipos, a diferenza entre sexo e xénero...

 

sábado, 2 de marzo de 2019

CIENCIA DIVERTIDA

O alumnado de 3º e 4º participou onte na biblioteca nun obradoiro de ciencia divertida ofertado pola Fundación Mapfre. Nel amosaron as súas dotes para traballar en equipo e reflexionaron sobre conceptos como a previsión de futuro, o aforro, o consumo responsable ou a prevención de riscos.

 

venres, 1 de marzo de 2019

DÍA DE ROSALÍA

O día 24 de febreiro cumpríanse 182 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Por iso, o venres 22 rendémoslle homenaxe lendo varios dos seus poemas e o manifesto escrito por Ana Romaní. Ademais, quixemos sumarnos á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, adaptándoa, co agasallo a todo o profesorado, alumnado e persoal non docente dun poema de Rosalía e unha flor feita por nós.
Velaquí tedes o vídeo e fotos da actividade. Esperamos que vos gusten!!  


mércores, 13 de febreiro de 2019

CIENCIA EN FEMININO

O pasado luns 11 de febreiro celebrouse o Día da Muller e a Nena na Ciencia, día proclamado polas Nacións Unidas para desbotar prexuízos e acadar o acceso e a participación plena e equitativa da muller en disciplinas como a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería ou as matemáticas (STEM, polas súas siglas en inglés).
Dende a biblioteca recomendamos un libro cun formato moi atractivo que pretende poñer en valor o traballo de moitas científicas: Mujeres de ciencia, de Rachel Ignotofsky.


venres, 8 de febreiro de 2019

MADE IN GALIZA

Hoxe o alumnado de 3º e 4º asistiu a unha representación teatral baseada no libro Made in Galiza de Séchu Sende. O espectáculo, levado a escea pola compañía Os Quinquilláns co título Language Planning, tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura de Cee e estivo organizado pola editorial Galaxia. Foi unha combinación de diversión e reflexión da que gozaron os nosos alumnos e alumnas.


mércores, 30 de xaneiro de 2019

DÍA DA PAZ

Para celebrar o Día da Paz realizamos un mural coas reflexións feitas polo alumnado en galego, castelán, francés e inglés.

 
Ademais, o alumnado do club de lectura é o protagonista dunha montaxe audiovisual na que propón libros e películas que, de seguro, nos invitarán á reflexión.
Esperamos que vos guste!! 


martes, 15 de xaneiro de 2019

NOVAS LECTURAS

Despois dun frutífero primeiro trimestre, Ghuaidelai empeza o ano con novas lecturas. Esta vez as elixidas son Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras para 1º e 2º; Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé Mª Lema Suárez para 3º e 4º, e no club manga continuaremos con The Promised Neverland (do que xa somos superfans!!), agora coa entrega número 3.


 



E a seguir gozando coa lectura!!