venres, 23 de febreiro de 2024

DÍA DE ROSALÍA

Hoxe celebramos o Día de Rosalía no centro con varias actividades. Seguindo a proposta da AELG, elaboramos o cartel-mural "Rosalía: o amor da patria galega"; durante o recreo puidemos escoitar a través da megafonía un recital poético protagonizado por alumnado e profesorado do centro; e, por último, a nosa Rosalía particular, Mencía, repartiu poemas e chapas deseñadas e elaboradas polo Departamento de Artes Plásticas.


domingo, 11 de febreiro de 2024

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia foi proclamado no 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coa fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas.

Dende a biblioteca querémosvos propoñer, por medio dunha exposición e un díptico, varios libros e películas que nos axudarán a coñecer os logros de diferentes mulleres científicas ao longo da historia. Se facedes clic nas portadas, teredes máis información sobre eles.
 
Esperamos que gocedes da súa lectura!