domingo, 30 de xuño de 2019

GHUAIDELAI EN SANTIAGO

Como xa é tradición, un ano máis levamos a cabo unha nova excursión a Santiago, esta vez o último día do curso. Comezamos visitando a exposición Homo Sapiens, transmisor de coñecemento no MUPEGA, onde admiramos material antigo relacionado coa bioloxía, física, matemáticas, comunicacións, letras... cedido polos denominados Institutos Históricos de Galicia.
A continuación dirixímonos ao centro de Santiago e fomos a dúas librerías: Couceiro e Alita Comics. Na primeira ofrecéronnos unha explicación moi interesante sobre o proceso de restauración dun libro e visitamos a sección de literatura xuvenil. Na segunda, o alumnado do club manga quedou abraiado coa cantidade e variedade de cómics expostos. Despois de repoñer forzas, encamiñámonos cara ao mosteiro de San Martiño Pinario para facer unha visita guiada á exposición sobre Leonardo da Vinci. Articulada en varias seccións diferenciadas (pintura, estudio óptico, anatomía, auga, física, militar, voo), nela puidemos manipular algunhas das pezas, como o sistema de poleas, o gato mecánico, a grúa ou introducirnos na sala dos espellos. Que máis se pode pedir para despedir o curso? E como unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí está a reportaxe audiovisual deste día...


venres, 28 de xuño de 2019

GHUAIDELAI E AS SÚAS LECTURAS

Como xa remata o curso, decidimos facer unha "memoria audiovisual" de todas as lecturas levadas a cabo durante estes nove meses no Club de lectura. E este é o resultado...


E como é tempo de despedidas, queremos desexarlles o mellor a catro membros do club que nos deixan para seguir facendo camiño: Ari, Lara, Minia e Miriam... Esperamos que continúen a gozar coa lectura, tal como fixeron con nós os anos que nos acompañaron.

mércores, 26 de xuño de 2019

GAÑADORAS

Despois de todo un curso de traballo, chegou o momento da colleita: entrega de notas, pero tamén de premios. Así, Candela e Minia recollían hoxe os seus diplomas e os seus agasallos como gañadoras do III Concurso Nós lemos, e ti? e o VIII Concurso de relatos de terror, respectivamente.
Parabéns e a seguir gozando da lectura e a escritura!!

Parabéns a Minia e Candela!!!

xoves, 20 de xuño de 2019

GHUAIDELAI REMATA O TRIMESTRE

Hoxe o noso club de lectura Ghuaidelai rematou as reunións deste curso: nove meses cheos de actividades que xiraron arredor da lectura, unha das nosas paixóns. Durante este último trimestre o grupo de 1º e 2º leu A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, novela chea de misterio e intriga, na que se enfrontan as forzas do mal e do ben nun mundo onde se mestura ciencia e fantasía. Polas súas páxinas circulan personaxes de todo tipo que se sitúan no Londres da época vitoriana: animais mitolóxicos como unicornios, xenios inventores, asasinos como Jack o Destripador...
O grupo de 3º e 4º rematou Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé Mª Lema Suárez e leu tamén O que eu creo (de todo), de Jordi Sierra i Fabra, no que o protagonista, o adolescente Xavier, fálanos en primeira persoa das súas inquedanzas, sentimentos, o amor, a amizade, a familia ... E, finalmente, o grupo de lectura manga seguiu fiel á serie The Promised Neverland, de Kaiu Shirai e Posuka Demizu, que os ten engaiolados/as, e leu o tomo 5 e o tomo 6, nos que comeza a tan esperada fuxida.


venres, 14 de xuño de 2019

ROTEIRO LITERARIO I: VOLVERÁS, GOLFIÑO

Durante o encontro de clubs de lectura que levamos a cabo o 27 de maio, fixemos un roteiro literario baseado no libro Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras, lido polo alumnado de 1º e 2º. Visitamos os escenarios máis importantes nos que transcorre a historia: o faro vello e o novo de Cabo Vilán, o Cemiterio dos Ingleses, a Praia do Trece, Camelle... Como xa anunciabamos nunha entrada anterior, realizamos unha montaxe coas lecturas escollidas e... velaquí tedes o resultado!! Esperamos que vos guste!!


luns, 10 de xuño de 2019

PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA

O pasado venres facíase entrega en Santiago do Premio dos Clubs de Lectura á escritora, tradutora e intérprete María Reimóndez. É a autora de, entre outros, algúns libros lidos por nós como Usha, Corredora, Fóra do normal ou os poemarios Moda galega e Presente continuo.

Parabéns, María!!!
Este premio inaugurouse no 2015 e outórgaselle aos escritores e escritoras que encabezan a lista dos máis lidos polos Clubs de lectura, que estean vivos e sen que poidan repetir galardón. Os outros gañadores e gañadora das pasadas edicións foron Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017) e Carlos Negro (2018).

martes, 4 de xuño de 2019

ENCONTRO DE CLUBS DE LECTURA

E unha actividade máis para celebrar o mes das Letras Galegas: o encontro do noso club de lectura Ghuaidelai cos clubs de lectura do IES Maximino Romero de Lema (Baio) e o CPI de Zas celebrado o 27 de maio.
O encontro tivo como fío condutor o roteiro literario baseado na lectura de dous libros: Volverás golfiño, de Andrea Maceiras, lido polos clubs de lectura dos tres centros, e Costa do Solpor. O regreso da Illa do tesouro, de Xosé Mª Lema Suárez, lido polo alumnado do grupo de 3º e 4º do noso club de lectura.
Visitamos A Ponte do Porto, Camelle, o Cemiterio dos Ingleses, o faro de Cabo Vilán e os arredores das Torres de Cereixo.
Nuns días estarán rematadas as montaxes coas lecturas de cada un dos libros; mentres, aquí tedes a reportaxe audiovisual froito deste encontro...