luns, 27 de abril de 2020

PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA

Con motivo da celebración do Día do Libro, fíxose pública a resolución pola que se recoñece a Andrea Maceiras gañadora do Premio dos Clubs de Lectura 2020. 
Andrea Maceiras é unha das nosas autoras preferidas, autora de libros lidos por nós como Volverás, golfiño (sobre o que realizamos un roteiro literario), O que sei do silencio, Nubes de evolución, Europa Express ou Conta nove estrelas, lido polo grupo de 1º do club de lectura este curso. Visitou o noso centro o curso pasado nun encontro co alumnado.

Andrea Maceiras na nosa biblioteca o curso pasado.

Este premio inaugurouse no 2015 e outórgaselle aos escritores e escritoras que encabezan a lista dos máis lidos polos Clubs de lectura, que estean vivos e sen que poidan repetir galardón. Os outros gañadores e gañadoras das pasadas edicións foron Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro (2018) e María Reimóndez (2019).
Parabéns, Andrea!!

xoves, 23 de abril de 2020

DÍA DO LIBRO

Aínda que este ano as circunstancias fan que sexa un Día do Libro atípico, no IES Fin do Camiño non imos deixar de celebralo. Para iso contamos coa colaboración do alumnado e profesorado que dende as súas casas foron enviando fotos estas últimas semanas, demostrando que aínda na distancia podemos facer moito xuntos. Moitísimas grazas a todos e todas!! Ánimo!!


Tamén queremos agradecer a Voces para la Paz (Músicos Solidarios) o seu consentimento expreso para utilizar a súa música na nosa montaxe. Animámosvos a coñecer o marabilloso labor humanitario que realizan a través da música na súa páxina web. Grazas, unha vez máis!!

mércores, 22 de abril de 2020

DÍA DA TERRA

O 22 de abril deste ano cúmprense 50 anos dende que en 1970 se iniciou un importante movemento medioambiental con millóns de estadounidenses manifestándose para loitar polo medio ambiente. Tras esta manifestación logrouse concienciar aos políticos sobre a importancia da natureza, e na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Humano de 1972 celebrada en Estocolmo sentáronse as bases da toma de conciencia mundial sobre a relación de interdependencia entre os seres humanos, outros seres vivos e o noso planeta.
Neste Día da Terra marcado polo Coronavirus, recomendamos a lectura dunha reportaxe
moi breve do programa Aquí la Tierra e de dous libros, como non podía ser doutro xeito: Terra, de Xurxo Mariño e A Terra de Anna, de Jostein Gaarder.

 


Animádevos
a gozar da
súa lectura!!

domingo, 5 de abril de 2020

NA CASA... CON LECTURAS

Como o confinamento continuará un tempiño máis, e agora que todos e todas estamos máis descargados de teletarefas, nós seguimos á procura de novas lecturas que vos fagan compañía.

Na páxina web Elejandria podedes descargar libros de dominio público de xeito gratuíto en varios formatos. Podedes atopalos por orde alfabética ou clasificados en categorías. Entre elas, nós seleccionamos estas:

Por outra banda, a editorial Astiberri ofrece estes cómics de descarga gratuíta:

Recordade: cando lemos un libro, podemos viaxar sen saír da casa!!
 Ánimo e coidádevos moito!!