martes, 19 de decembro de 2017

CHEGA O NADAL

Os dous grupos do Club de lectura Ghuaidelai tiveron onte unha comida conxunta para celebrar a fin do primeiro trimestre e da primeira lectura do curso. Despois duns bombóns e das deliciosas galletas elaboradas por Candela, preparamos unha actividade relacionada con cada unha das lecturas (Vaiche boa! e Chamando ás portas do ceo), que presentaremos despois das vacacións.




Bo Nadal a todas e todos!!!

venres, 15 de decembro de 2017

NOVIDADES

Para celebrar o Nadal elaboramos un mural con todas as novidades que foron chegando estas últimas dúas semanas á nosa biblioteca: ciencia, igualdade, aventura, cine, identidade sexual, ecoloxía...

Esperamos que vos gusten!!







O Nadal é unha boa época para a lectura!!

domingo, 10 de decembro de 2017

DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

Hoxe celébrase o Día dos Dereitos Humanos, conmemorando a data na que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, en 1948.
Dende a biblioteca queremos recomendar un libro, La aventura humana, unha recompilación de trinta contos populares procedentes de África, Asia e Latinoamérica, que corresponden a cada un dos artigos da Declaración de 1948.

Hai varios exemplares na nosa biblioteca!!

luns, 4 de decembro de 2017

OS DEREITOS DA INFANCIA

O día 20 de novembro, data do aniversario da Declaración Universal dos Dereitos do Neno en 1959, celebrouse o Día Universal do Neno. Este ano 2017 UNICEF animaba aos nenos e nenas de todo o mundo a prestar a súa voz para apoiar aos millóns de menores que, a diferenza deles, non poden ir ao colexio ou están desprotexidos. Por iso, algúns membros do Club de lectura gravaron ese día un vídeo, facendo así a súa pequena achega á difusión destes dereitos.
Velaquí está o resultado!!


sábado, 25 de novembro de 2017

POR TODAS AS MULLERES, ERGÁMONOS!!!

Este é o título do manifesto lido polos representantes dos catro cursos da ESO do noso centro nun acto convocado polo Concello de Fisterra con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Ao acto, que forma parte da campaña de sensibilización "En Negro contra as violencias", asistiu alumnado e profesorado dos centros educativos da localidade para reivindicar a igualdade e o respecto entre homes e mulleres, e facer visible o noso rexeitamento ante calquera tipo de violencia machista.

Cremos que nós podemos facer moito dende a nosa profesión porque, como dicía un fragmento do manifesto lido, debemos transmitir "Educación para facernos fortes. Educación para desfacer os prexuízos e estereotipos sobre as mulleres. Educación para adquirir conciencia crítica e saír da escola convencidas de que podemos facer que o mundo cambie. Educación para esixir os nosos dereitos e que se faga todo o necesario para que ningunha muller morra asasinada."

O manifesto incluía fragmentos dun poema de Victoria Ash traducido ao galego.






Mario, Mariña, Minia e Zaira, membros do Club de lectura e representantes de cada un dos cursos, ensaiando a lectura do manifesto.





Alumnas e alumnos de volta do acto organizado polo Concello.










luns, 13 de novembro de 2017

FRONTE Á SUPERSTICIÓN, CIENCIA!!!

Este é o lema do mural que fixemos para celebrar o mes de novembro como mes da ciencia e no que promocionamos tanto os recursos existentes na nosa biblioteca relacionados con este tema coma os que estarán nela proximamente.
Todos os anos dende 2014 unha científica ou un científico galegos redactan un manifesto no que reivindican a importancia da ciencia. Ángel Carracedo, Jorge Mira ou a arquitecta Isabel Aguirre de Urcola fixérono estes anos atrás e a matemática Peregrina Quintela Estévez, Premio "María Josefa Wonenburger Planells" 2016, foi a encargada de escribir o manifesto este ano 2017.



 A disfrutar da ciencia!!! 




mércores, 8 de novembro de 2017

PREMIO PARA LEDICIA COSTAS

Ledicia Costas resultou gañadora do Premio Lazarillo de Creación Literaria 2017 que concede a OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil e Xuvenil) coa novela Plumas e unicornios, que publicará Xerais. Á escritora xa lle fora concedido este premio no 2015 pola obra Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.

Plumas e unicornios está ambientada no Londres victoriano e ten unha marcada estética steampunk. Un dos seus personaxes principais é Ágata, unha humana mecánica, que co seu robot Tic-Tac emprende unha viaxe para salvarlle a vida ao máxico León, o seu grande amigo, sen saber que tras eles vai Jack o Destripador. Trátase dunha novela coral, onde o amor convive con sentimentos tan desgarradores como o odio ou a vinganza. 
Estamos desexando tela na nosa biblioteca!!! 

Fotografía: Ogalego.gal

Parabéns, Ledicia!!

martes, 31 de outubro de 2017

DON JUAN TENORIO

Hoxe o alumnado de 3º e 4º da ESO asistiu á representación de Don Juan Tenorio no Teatro Colón de A Coruña. Xusto o ano no que se conmemora o bicentenario do nacemento do seu autor, José Zorrilla, e a véspera do día de Todos os Santos, como manda a tradición!!


Parece ser que o costume de representar a obra nesta data débese aos recursos dramáticos que se utilizan na segunda parte desta, onde a morte e as presencias fantasmagóricas adquiren protagonismo, en escenas ambientadas nun sinistro cemiterio onde os mortos cobran vida...

martes, 24 de outubro de 2017

DÍA DA BIBLIOTECA

O 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Dende hai máis de vinte anos a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxo esta data para dar a coñecer os beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos un escritor e un ilustrador de recoñecido prestixio encárganse da redación dun pregón e do deseño dun cartel. Este ano os responsables son Alejandro Palomas, gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2016 por Un hijo, e o ilustrador Manuel Marsol, gañador do Premio Internacional de Ilustración Feria de Bolonia-Fundación SM.



Un bo día para familiarizarse coa nosa biblioteca!!!
Elaboramos unha guía de usuarios e un titorial para consultar o catálogo de fondos. Esperamos que vos sexan útiles!!



luns, 23 de outubro de 2017

SAMAÍN

Un ano máis, e xa van sete!!, o Equipo de biblioteca, o Departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua convocan o VII Concurso de relatos Samaín
Podedes consultar as bases aquí ou nos taboleiros de cada unha das aulas.
Este ano introducimos unha novidade: os relatos virán acompañados dunha imaxe de creación propia (debuxo, fotografía...) relacionada co tema.

Animádevos a participar!! Haberá premios!!

domingo, 8 de outubro de 2017

OUTONO DE LECTURAS

Necesitas algún motivo para poñerte a ler? Presentámosche varios da man de escritores e escritoras como Agustín Fernández Paz, Rosa Montero, Pep Bruno...


Queres máis razóns? Achégate ao mural que hai na entrada do instituto e as descubrirás...


 
 ANÍMATE A LER!!!


 


venres, 6 de outubro de 2017

PREMIO NOBEL DE LITERATURA

O escritor británico de orixe xaponesa Kazuo Ishiguro vén de ser galardoado co Premio Nobel de Literatura 2017.

Nacido en Nagasaki (Xapón) o 8 de novembro de 1954, trasladouse coa súa familia a Inglaterra aos cinco anos. Alí, estudou Filoloxía Inglesa e Filosofía na Universidade de Kent e posteriormente fixo un posgrao de Literatura Creativa na Universidade de East Anglia. En 1982 iniciou a súa carreira como escritor coa publicación da súa primeira novela, A Pale View of Hills, converténdose co tempo nun dos escritores británicos máis lidos, gañador do Man Booker Prize en 1989 por The Remains of the Day.

Algunhas das súas obras máis coñecidas son a xa mencionada The Remains of the Day (Los restos del día - Anagrama, 1989), Never Let Me Go (Nunca me abandones - Anagrama, 2005), ambas as dúas levadas ao cine, ou The Buried Giant (El gigante enterrado - Anagrama, 2016).


mércores, 4 de outubro de 2017

PREMIOS

Antonio García Teijeiro acaba de obter o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2017 pola súa obra Poemar o mar, escrita en galego e ilustrada por Xan López Domínguez. A obra forma parte dunha triloxía co mar como protagonista, á que tamén pertencen En la cuna del mar e Palabras do mar.

Nunha entrevista concedida á cadena SER, o escritor afirma que "este premio serve para reivindicar que a poesía pode gustar aos nenos”.

Tamén é autor de Os nosos versos, A poesía necesaria, Contos e poemas para un mes calquera (xunto a Jordi Sierra i Fabra), O que ven os ollos dos nenos e Fantasía en Re Maior, libros que podedes atopar na nosa biblioteca.




Por outra banda, hoxe dábase a coñecer o gañador do XI Premio de Narrativa Breve Repsol, que promoven conxuntamente a Consellería de Cultura, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Fundación Repsol: o escritor, profesor e xornalista compostelán Xosé Antonio Neira Cruz pola súa obra O soño das sereas, novela de intriga e misterio.

Xosé Antonio Neira Cruz é considerado un dos escritores de referencia na literatura infantil e xuvenil escrita en galego, autor de obras como Valdemuller, Gatos e leóns, O armiño dorme ou As cousas claras, todos eles na nosa biblioteca.



 Parabéns aos dous!!

mércores, 20 de setembro de 2017

GOZANDO DA LECTURA

Animádevos, unha vez máis, a gozar da lectura, a descubrir novos mundos e a participar no concurso Nós lemos en galego, e ti?, convocado polo Departamento de Lingua Galega coa colaboración da Biblioteca e o EDLG para fomentar a lectura en galego.

Para que non o dubidedes, velaquí tedes unhas preciosas imaxes do curso pasado...




E máis imaxes da merecidísima gañadora!!!
 

venres, 15 de setembro de 2017

COMEZAMOS

Aquí estamos un curso máis, despois dunhas merecidas vacacións, de momento argallando novos proxectos, actividades,..., pero, iso si, cargadas de gañas e ilusión!!!

mércores, 21 de xuño de 2017

GHUAIDELAI NA X XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA

O sábado 17 un grupo de alumnas do club de lectura asistiu á xornada especial de clubs de lectura de toda Galicia celebrada en Santiago con motivo do décimo aniversario desta iniciativa, á que nos sumamos hai seis anos.
Compartiron con outros lectores e lectoras as charlas e obradoiros de poesía con Carlos Negro, de literatura transmedia con Fran Alonso, de narración de misterio con Miguel Anxo Fernández, de radio, de dobraxe, de regueifas ...
Con Óscar López, do programa Página 2, aprenderon como facer un programa sobre libros e lectura e presenciaron a entrega do premio dos clubs de lectura a Miguelanxo Prado.
Algunhas fixéronse fotos con César Mallorquí e Ledicia Costas, aos que lles pediron autógrafos.
E que dicir da animación a cargo de Pista Catro e do impresionante fin de festa de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre? Inesquecible!!


GHUAIDELAI NA X XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA XUÑO 2017 on PhotoPeach

luns, 12 de xuño de 2017

GHUAIDELAI E AS SÚAS LECTURAS

Un curso máis de actividades que remata o noso Club de Lectura Ghuaidelai. E, por iso, posaron con todos os libros lidos durante o ano, diante dun mural aínda en elaboración...

Esperámosvos o vindeiro curso!!


xoves, 8 de xuño de 2017

DÍA ḾUNDIAL DOS OCÉANOS

Hoxe, 8 de xuño, celébrase o Día Mundial dos Océanos, este ano co lema Os nosos océanos, o noso futuro.
Dende a biblioteca publicamos un díptico coas nosas recomendacións de libros relacionados co mar.
Esperamos que vos gusten... 

martes, 6 de xuño de 2017

ROTEIRO LITERARIO: O CENTRO DO LABIRINTO

Como xa comentamos noutra entrada do blog, o grupo dos "maiores" do club de lectura fixo un roteiro literario pola zona vella de Santiago baseado nun dos libros que leron durante este curso, O centro do labirinto, de Agustín Fernández Paz.
Este foi o resultado...


luns, 5 de xuño de 2017

GHUAIDELAI EN SANTIAGO

A semana das Letras Galegas foi moi "movidiña" para o noso club de lectura.
Se o luns recibiamos a visita de Libros coma area! do I.E.S. Agra de Raíces, o xoves pasamos o día en Santiago.
Os "maiores" asistiron no Salón Teatro á adaptación teatral de Os mortos de aquel verán, de Carlos Casares, coproducida por Talía Teatro e o Centro Dramático Galego. Mentres, os alumnos e alumnas de 1ºESO visitaron o Museo do Pobo Galego, onde realizaron diferentes xogos de pistas. Á saída do teatro, xuntámonos e xa participamos todos no resto das actividades: visita á Casa da Troia (aparecemos no seu Facebook!!), á exposición de papiroflexia Arte e Xeometría, á Feira do libro antigo e de ocasión e varias librarías especializadas en cómic e literatura xuvenil.
Os "maiores" aproveitaron o percorrido polas rúas da zona vella para facer un roteiro literario baseado nun dos libros escollidos este curso, O centro do labirinto, de Agustín Fernández Paz, lendo na rúa fragmentos seleccionados.
Un día ben completiño, como vedes!! Pero como a cultura non está rifada coa diversión, velaquí tedes as imaxes da excursión...

GHUAIDELAI EN SANTIAGO 18 de maio 2017 on PhotoPeach

mércores, 31 de maio de 2017

ENCONTRO GHUAIDELAI E LIBROS COMA AREA!

O día 15 de maio recibimos a visita dos alumnos e alumnas do club de lectura Libros coma area! do I.E.S. Agra de Raíces, de Cee, que viñeron acompañados por Manuel, Ángeles e Lourdes. Con eles gozamos dunha serie de actividades que tiveron o MAR como protagonista.

Velaquí as imaxes da intensa xornada!!

ENCONTRO GHUAIDELAI E LIBROS COMA AREA! 15 maio 2017 on PhotoPeach

mércores, 17 de maio de 2017

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Este ano o Día das Letras Galegas está adicado ao escritor ourensán Carlos Casares (1941-2002), novelista, ensaísta e colaborador habitual en La Voz de Galicia, coa súa columna Á marxe.

Dende a biblioteca tentamos dar a coñecer a súa figura elaborando un tríptico sobre el e a súa obra, que está colgado nos taboleiros de todas as aulas. Ademais, o grupo dos "maiores" do noso club de lectura asistirá mañá á unha adaptación teatral da súa novela Os mortos daquel verán, no Salón Teatro en Santiago, coproducida polo Centro Dramático Galego e Talía Teatro. Xa vos contaremos...!!


xoves, 11 de maio de 2017

MÁIS LECTURAS!

Ghuaidelai vén de rematar outra lectura... e xa van tres durante este curso!!

Nesta ocasión o alumnado de 1ºESO elixiu Que desfeita!, de Paul Jennings. É un orixinal feixe de relatos que teñen en común o humor e que desenvolven historias abraiantes, disparatadas nalgúns casos, coma a dos teimudos avó e neto de "Herborraxia nasal", a do rapaz sen cor na pel, a do lector de mentes ou a do "churpilurpio" do deserto. Atoparedes aventura, amor, acoso escolar, amizade, pingas machistas, medo, respecto ao diferente... Seguro que vos encantará!!

Os outros integrantes do club desfrutaron con O centro do labirinto, de Agustín Fernández Paz, unha novela que combina a intriga con temas sociais como a globalización, o coidado do medio ambiente e a nosa relación coa natureza, o consumismo, a riqueza lingüística, as relacións nais e fillos... Ah, e aparece unha canción do noso último premio Nobel de Literatura, Bob Dylan, con comentarios sobre el en boca dun dos personaxes que fan de Agustín Fernández Paz... case un visionario!!

Así celebraron as súas lecturas... por todo o alto!!




martes, 25 de abril de 2017

GHUAIDELAI E O DÍA DO LIBRO

Algúns dos integrantes do noso Club de Lectura Ghuaidelai decidiron facer algo especial para celebrar o Día do Libro: converterse en contacontos para os máis pequenos e pequenas do colexio Mar de Fóra.

Velaquí as imaxes desta "aventura"...

GHUAIDELAI DÍA DO LIBRO 2017 on PhotoPeach
 


Moitas grazas ás compañeiras do colexio Mar de Fóra por colaborar connosco nesta bonita experiencia!!

domingo, 23 de abril de 2017

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

Este curso para celebrar o Día do Libro decidimos homenaxear a un dos autores máis lidos entre o noso alumnado, falecido o pasado verán: Agustín Fernández Paz.

Elaboramos un cartel e un tríptico, e convocamos un concurso con preguntas sobre a súa obra. Animádevos a participar, que haberá premios!!.


sábado, 22 de abril de 2017

DÍA MUNDIAL DA TERRA

O día 22 de abril celébrase o Día Internacional da Terra. A campaña deste ano, que leva por título Alfabetización medioambiental e climática, intenta que todos os países, institucións e cidadáns tomemos conciencia da importancia de atopar un xusto equilibrio entre as necesidades económicas, sociais e ambientais, promovendo un estilo de vida en harmonía coa natureza.

Dende a biblioteca recomendávosvos estas lecturas incluídas entre os nosos fondos:


 

venres, 7 de abril de 2017

NAVEGA CON RUMBO

Para rematar o trimestre o alumnado de 1º e 2º da ESO asistiu na biblioteca a unha charla sobre o uso responsable e seguro da Internet.
Animóuselles a prestar especial atención á información que comparten na rede e, consello moi importante para nós dende a biblioteca, a ter coidado coas faltas de ortografía!!

 

luns, 3 de abril de 2017

luns, 27 de marzo de 2017

DÍA MUNDIAL DO TEATRO

Dende 1962 os centros ITI (International Theatre Institute) e a comunidade teatral internacional celebran o 27 de marzo o Día Mundial do Teatro con diversos actos. Un dos máis representativos é a lectura dun manifesto, tradicionalmente escrito por unha personalidade de recoñecido prestixio no mundo do teatro. Este ano é o turno da actriz francesa Isabelle Huppert, que transmitirá a súa mensaxe na gala que se celebra hoxe na sede da UNESCO en París.

Nós elaboramos un tríptico coas nosas suxestións teatrais.


martes, 21 de marzo de 2017

DÍA DA POESÍA

Hoxe os versos de Carlos Negro, Antonio García Teijeiro, María Reimóndez, Manuel María... inundaron as nosas aulas, a sala de profesores, conserxería, secretaría e hasta a cafetería. Houbo quen tivo que madrugar un chisquiño máis, pero cando chegamos ao instituto todos e todas tiñamos un agasallo sobre as nosas mesas: UN POEMA.

Feliz Día da Poesía!!



xoves, 16 de marzo de 2017

NON SABES QUEN ES

Este é o título do espectáculo de clown interactivo da compañía teatral Duende Sico ao que asistimos esta mañá convidados polo Concello de Fisterra. Forma parte do programa Coa lingua fóra da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

Antes do espectáculo, Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, falounos da situación actual do galego e amosounos varios exemplos nos que se reflicte o poder do grupo sobre o individuo e a falta de espírito crítico coa que ás veces actuamos, axudándonos a reflexionar e eliminar certos prexuízos que constitúen barreiras para o uso do galego.

Moitas grazas ao Concello de Fisterra pola súa invitación!!



Iker, Aimé, Iván, Elián, Lois e Ángel amosaron as súas dotes interpretativas participando no espectáculo.

sábado, 11 de marzo de 2017

A SAÚDE A TRAVÉS DA ALIMENTACIÓN

O pasado mércores tivo lugar na biblioteca unha charla sobre alimentación saudable, organizada polo Departamento de Bioloxía e impartida por Mª José Mosquera Santé, profesora de bioloxía do I.E.S. Agra do Orzán.
Falounos de aspectos como as proteínas, o colesterol, os omegas, a importancia da auga..., pero tamén nos animou a ser críticos con certa información que aparece na publicidade dalgúns produtos moi coñecidos e consumidos.



 Grazas polos seus consellos!!

mércores, 8 de marzo de 2017

CONCURSO DÍA DA MULLER

Como anunciabamos noutra entrada deste blog, convocamos un concurso con preguntas sobre a información que figura tanto nos paneis da exposición do Día da Muller coma nos trípticos que hai en cada unha das aulas.
Animádevos a participar!!

Este é o tríptico que elaboramos...


luns, 6 de marzo de 2017

PREMIO AZORÍN

O xoves pasado coñecemos o fallo da XXIV edición do Premio Azorín de Novela: a gañadora é a escritora vasca Espido Freire. O relato polo que se lle outorgou este premio leva por título Llamadme Alejandra e está baseado na vida de Alejandra Románova, a última tsarina do Imperio Ruso.
Parabéns!!


xoves, 23 de febreiro de 2017

DÍA DA MULLER

Xa estamos preparando a celebración do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo.

Dende a Biblioteca e o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua convocamos o II Concurso de relatos Día da Muller, segundo as bases que publicamos a continuación e que tamén podedes consultar nas aulas. Ademais, haberá uns paneis no taboleiro da entrada con información sobre mulleres galegas que destacaron nalgún eido e faremos un concurso con preguntas sobre elas. Xa vos iremos informando...

Animádevos a participar e, entre filloa e filloa, ide pensando na historia que queredes contar!!

GHUAIDELAI... DE NOVO

Ghuaidelai vén de rematar a primeira lectura deste segundo trimestre.

O grupo de 1º da ESO leu Bala Perdida, de Manuel Rivas, unha historia de aventuras, pero tamén de valentía, amistade, esperanza e xustiza, valores que comparte co libro lido polo grupo de 2º, 3º e 4º da ESO, Un bosque cheo de faias, de Francisco Castro. Este combina a intriga cunha temática que, desgraciadamente, está moi presente no mundo actual: o racismo, a intolerancia, a inmigración.

E, para animarvos a compartir estas lecturas, posaron así de felices...





martes, 14 de febreiro de 2017

O AMOR ESTÁ NO AR...

Este curso para celebrar o día de San Valentín pedímosvos que presentásedes en formato chío (tuit) as vosas dedicatorias de amor. Estas eran as bases para participar, expostas en cada unha das aulas, e o resultado da vosa inspiración, exposto na entrada do instituto...
Moitas grazas a todas e todos pola vosa colaboración!


 


martes, 7 de febreiro de 2017

GHUAIDELAI E O NENO CAN

O Club de lectura de 1º de ESO leu no primeiro trimestre O neno can, de Francisco Castro e Fina Casalderrey. É un libro de temática social, constituído por cinco relatos que teñen como protagonistas a nenos aos que non se lles respectan os seus dereitos.

Como parte da reflexión que fomos facendo durante a lectura, decidimos representar a imaxe que, para nós, sintetiza a esencia de cada relato.
Velaquí o resultado!

 


luns, 30 de xaneiro de 2017

DÍA DA PAZ

Un ano máis, e aínda que o mundo anda bastante revolto, chegou o Día da Paz. Como nós non perdemos a esperanza de conseguir un mundo mellor, alumnos e alumnas de todos os cursos quixeron compartir as reflexións que sobre este tema fixeron nas clases de Lingua Galega, Lingua Castelá, Francés e Inglés. O resultado está exposto no taboleiro da entrada do instituto.


 


E seguindo o lema das bibliotecas escolares deste curso (Biblioteca escolar. Territorio das Artes), elaboramos un díptico con cinco exemplos de diferentes disciplinas artísticas (pintura, escultura e fotografía) que, ao noso entender, representan moi ben o concepto de paz. Esperamos que vos guste a nosa selección!


martes, 17 de xaneiro de 2017

NÓS LEMOS EN GALEGO, E TI?

MARILAR ALEIXANDRE NA RAG

A bióloga e escritora ingresou o pasado 14 de xaneiro na Real Academia Galega, ocupando a cadeira que deixara baleira Xosé Neira Vilas.
É moi coñecida polas súas obras dirixidas ao público xuvenil como A expedición do Pacífico, A banda sen futuro, A vaca de Fisterra e a trabe de alcatrán, A cabeza de Medusa, O rescate do peneireiro, Unha presa de terra, ... todas elas na nosa biblioteca, pero tamén como escritora de poesía e narrativa para adultos.


Ten recibido numerosos premios como o Premio Merlín de literatura infantil, 1994, e o Premio da Crítica á creación literaria en galego, 1995, por A expedición do Pacífico; o Premio Rañolas, 1996, ao mellor libro infantil/xuvenil en galego por O Trasno de Alqueidón; o Premio Lazarillo, 1999, por A banda sen futuro; o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil, 2008, por A cabeza de medusa, ou o Premio Esquío de poesía en galego, 1998, por Catálogo de velenos.


No seu discurso de ingreso na RAG, Marilar Aleixandre reúne os trazos que definen a súa obra: a natureza, a reivindicación da xustiza social, da igualdade de xénero e do idioma galego. 

COUSAS

O día 30 deste mes de xaneiro cúmprense 131 anos do nacemento de Castelao. Que mellor xeito de conmemoralo que asistir a unha adaptación teatral da súa obra Cousas?


Os alumnos e alumnas de 3º e 4º desfrutaron o pasado xoves no Auditorio da Casa da Cultura de Cee da adaptación creada e interpretada polos integrantes de Os Quinquilláns, Lucho Penabade e Tero Rodríguez. 

MAXIA, MÚSICA... E POESÍA

Para celebrar o final da primeira avaliación, na biblioteca do centro tivo lugar un espectáculo de maxia e música con referencias á vida e obra do poeta Manuel María organizado pola ANPA: as ilusións de Martín Camiña e as composicións musicais do baixista Álvaro Muras.
Moitas grazas a ANPA por esta iniciativa!!