luns, 21 de decembro de 2020

EN NADAL, NOVIDADES

Como manda a tradición, elaboramos unha postal con algunhas das novidades que foron chegando á nosa biblioteca neste primeiro trimestre. Se facedes clic nas portadas dos libros que aparecen no interior da postal, teredes máis información sobre eles.

Dende Biblioestremonías esperamos que gocedes da súa lectura e destas festas de Nadal!!!
 

sábado, 19 de decembro de 2020

PREMIOS XERAIS 2020

Xa coñecemos os nomes do gañador e gañadoras dos Premios Xerais 2020: Andrea Maceiras foi galardoada co Premio Merlín de Literatura Infantil 2020 por A folla azul; santoamaro, de Antonio Manuel Fraga, foi a obra gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2020, e Coidadora, de María Marco Covelo obtivo o Premio Xerais de Novela 2020.
Parabéns aos tres!!

Andrea Maceiras na nosa biblioteca en maio do 2019.

 

xoves, 3 de decembro de 2020

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

O 3 de decembro foi declarado o Día Internacional das Persoas con Discapacidade en 1992 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co obxectivo de promover os dereitos e benestar de todas as persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural.
Neste día queremos recomendar tres libros e unha película cuns protagonistas que nos namorarán e nos farán reflexionar: Campeones, dirixida por Javier Fesser; Mi hermano persigue dinosaurios, de Giacomo Mazzariol; Palabras de caramelo, de Gonzalo Moure, e Amigos en tempo real, de Ramiro J. Álvarez.

 


 

Podedes atopalos na nosa biblioteca.

Animádevos!!




mércores, 25 de novembro de 2020

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Este ano as medidas sanitarias fixeron que o acto organizado polo Concello para os todos os centros educativos da vila fose substituído por obradoiros de igualdade para as diferentes clases.
Deixámosvos o vídeo-resumo do acto do curso pasado coa lectura do manifesto por parte de varios membros do noso Club de lectura.


 

luns, 16 de novembro de 2020

GHUAIDELAI XA ESTÁ EN MARCHA!

Os diferentes grupos do Club de lectura xa comezaron a súa andaina! O grupo de 1º está a gozar de Candorcas e unicornios, de María Canosa; o de 2º está lendo Mentira, de Care Santos; o de 4º Os nenos da varíola, de María Solar e o de lectura manga comezou o curso con Dr. Stone, de  Riichiro Inagaki.


 

venres, 13 de novembro de 2020

DÍA DAS LIBRARÍAS

Hoxe celébrase a décima edición do Día das Librarías, nun momento no que, máis que nunca, debemos recompensar o seu gran esforzo por seguir creando comunidades lectoras e manténdoas vivas.
Nós queremos homenaxear aquelas coas que dalgún xeito creamos un vínculo ao longo destes anos e que supuxeron (e seguen supoñendo) para nós unha fonte inesgotable de marabillosas lecturas.
Velaquí o noso agasallo...

mércores, 4 de novembro de 2020

DÍA DAS BIBLIOTECAS (II)

Este ano celebramos o Día das Bibliotecas coa formación de usuarios que sempre levamos a cabo co alumnado de 1ºESO, pero esta vez dun xeito especial: foron os alumnos e alumnas de 1º os que puxeron voz a unha montaxe realizada para dar a coñecer as novas normas que, en principio, rexerán a nosa biblioteca durante este curso.
Velaquí está o resultado!


luns, 26 de outubro de 2020

SAMAÍN

Achégase o Samaín... preparados e preparadas para pasar medo? Animámosvos a participar no concurso de microrrelatos de terror. As bases están en cada unha das vosas aulas e as caixas de correo esperan as vosas arrepiantes achegas no mostrador de secretaría. 

 

E se queredes "ler de medo" esta fin de semana, deixámosvos este tríptico con algunhas recomendacións. Achegádevos á biblioteca!!

 

sábado, 24 de outubro de 2020

DÍA DAS BIBLIOTECAS (I)

O Día das Bibliotecas celébrase cada 24 de outubro dende 1997 por iniciativa da Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil co obxectivo de concienciar da importancia da lectura e como homenaxe ao labor dos bibliotecarios e bibliotecarias.

A edición deste ano, baixo o lema "Bibliotecas, sempre ao teu lado" céntrase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia, resaltando, tamén, o gran labor que desempeñan as bibliotecas situadas no mundo rural.

Por iso nós neste día queremos render unha homenaxe á Casa do Arco, a Biblioteca Municipal de Fisterra, onde fomos tan ben recibidos por Teresa e Darío na visita realizada co alumnado de 1ºESO o ano pasado. Grazas!

luns, 19 de outubro de 2020

DÍA DAS ESCRITORAS

O Día das Escritoras é unha conmemoración promovida pola Biblioteca Nacional de España xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. Comezou a celebrarse no ano 2016 o luns máis preto da festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro, e intenta poñer en valor o labor e legado das escritoras ao longo da historia.
Deixámosvos a lectura dalgúns fragmentos de obras escritas por mulleres cunha temática común: "o esforzo cotián das mulleres", o elixido este ano. 


sábado, 17 de outubro de 2020

MIGUEL DELIBES

Hoxe celébrase o centenario do nacemento de Miguel Delibes. Autor de obras tan coñecidas como, entre outras, La sombra del ciprés es alargada, coa que obtén o Premio Nadal en 1948, El camino (1950), Las ratas (1962), Cinco horas con Mario (1966), adaptada ao teatro, El príncipe destronado (1973), Los santos inocentes (1981), levada ao cine por Mario Camus ou El hereje (1998).
Considerado un dos principais referentes da literatura española, obtivo ao longo da súa carreira os máis destacados galardóns do ámbito literario: o Premio Nadal (1948), o Premio da Crítica (1953), o Príncipe de Asturias (1982), o Premio Nacional de las Letras Españolas (1991) e o Premio Miguel de Cervantes (1993), entre outros.
Foi ademais xornalista, chegando a ser director de El Norte de Castilla, xornal que no especial publicado con motivo do centenario inclúe catro podcast nos que podemos escoitar a voz de Delibes.

Nós quixemos homenaxealo lendo fragmentos dalgunhas das súas obras. Se facedes clic na icona que hai debaixo de cada portada poderedes escoitar a Brais, Óscar, Alanis, Aroa e Elisa; e se facedes clic no centro das portadas, teredes máis información sobre os libros.

venres, 16 de outubro de 2020

MÁIS PREMIOS

A poeta galega Olga Novo vén de gañar o Premio Nacional de Poesía 2020 pola súa obra Feliz Idade. Da súa obra o xurado destacou que se trata dun "relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo".
Outros poemarios seus son A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997, premio Losada Diéguez de Creación), A cousa vermella (2004) e Cráter (2011), que foi premio da Crítica española.

Fotografía de Faia Costeira


venres, 9 de outubro de 2020

PREMIO NOBEL

Onte dábase a coñecer a galardoada co Premio Nobel de Literatura 2020: a poeta norteamericana Louise Glück. En palabras do xurado, este galardón débese á "súa inconfundible voz poética que con austera beleza fai universal a existencia individual".
A súa primeira obra foi o volume de poesía Firstborn en 1968 e dende entón leva publicadas doce coleccións de poesía e algúns volumes de ensaio que tratan temas como a infancia ou a vida familiar, que entronca con mitos da antigüidade ou coa tradición literaria de occidente.

Fotografía de Jakson2204
Fotografía de Jakson2204

xoves, 1 de outubro de 2020

QUINO

Onte morría Quino, creador de Mafalda, esa nena crítica, lúcida, pacifista e contestataria, protagonista dunhas tiras cómicas que, aínda que só se publicaron entre 1964 e 1973, seguiron traducíndose e reeditándose, recorrendo todo o mundo ata hoxe, entusiasmando a varias xeracións.
Cremos que é un bo momento para reler ou coñecer por primeira vez as aventuras desta rapaza e as personaxes que a rodean, achegándovos á nosa biblioteca... alí vos esperan!


 

mércores, 23 de setembro de 2020

DE VOLTA... CON NOVAS NORMAS

E aquí estamos un curso máis, esta vez con novas normas na nosa biblioteca, debidas á situación sanitaria ocasionada pola COVID-19. Pero isto non significa que non continuemos a dar o servizo de préstamo, ou que non poidamos usar o espazo da biblioteca e os seus ordenadores... Seguiremos con ilusión, gozando da lectura, coma sempre, pero intentando minimizar os riscos de contaxio, por iso, coa fin de manter na medida do posible a continuidade do grupo de pertenza contemplada en todas as actividades do centro, asignarase un día da semana a cada clase para que poidades vir.
Aquí podedes atopar as normas que, en principio, rexerán o uso da biblioteca durante este curso.

martes, 15 de setembro de 2020

MARIO BENEDETTI

Onte celebrouse o centenario do nacemento do escritor uruguaio Mario Benedetti, autor de poemas como “Hagamos un trato”, "Los formales y el frío" ou "Soneto de la que fue".
Para renderlle homenaxe, no Instituto Cervantes congregáronse cantantes e poetas como Serrat, Sabina, Rozalén, Benjamín Prado, Elvira Sastre, Vanesa Martín ou Ismael Serrano e recitaron algúns dos seus poemas.

Fotografía de Elisa Cabot.

 

venres, 3 de xullo de 2020

GHUAIDELAI E AS SÚAS LECTURAS

E chegamos ao remate deste curso tan atípico no que, a pesar das circunstancias, non deixamos de ler e ler, como amosa esta "memoria audiovisual" das lecturas levadas a cabo polo noso Club de lectura Ghuaidelai.

 

venres, 19 de xuño de 2020

CARLOS RUIZ ZAFÓN

Hoxe falecía en Los Ángeles un dos escritores lidos por nós en varias ocasións ao longo destes anos no club de lectura: Carlos Ruiz Zafón. Nacido en Barcelona, cidade que se convertería nun personaxe máis das súas novelas, publicou a súa primeira obra, El príncipe de la niebla, en 1993, coa que gañou o Premio Edebé de narrativa xuvenil. Foi a primeira novela da denominada "Trilogía de la Niebla", da que tamén forman parte El palacio de la medianoche e Las luces de septiembre. Despois escribiría Marina, tamén de carácter xuvenil, e na que xa cobra importancia Barcelona como parte da trama. En 2001 publicou a súa primeira novela "para adultos", La sombra del viento, que foi finalista ao premio Fernando Lara 2000. Convertida nunha das novelas españolas máis vendidas no mundo é a primeira da tetraloxía "El cementerio de los libros olvidados", que tamén contén El juego del ángel, El prisionero del cielo y El laberinto de los espíritus.

Club de lectura Ghuaidelai e Marina, de Carlos Ruiz Zafón - Decembro 2014.

“Cada libro, cada tomo que ves, tiene alma. El alma de quien lo escribió, y el alma de quienes lo leyeron y vivieron y soñaron con él.” La Sombra del Viento.

mércores, 10 de xuño de 2020

DÍA DAS LETRAS GALEGAS (II)

Como xa adiantabamos noutra entrada do blog, para celebrar o Día das Letras Galegas deseñamos un díptico sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero e... algo máis. Pois xa temos ese "algo máis" listo para que gocedes del: a lectura dalgúns fragmentos da súa obra por parte do noso alumnado. Unha vez máis, temos que agradecer de corazón a súa boa disposición para participar en todas as actividades que propoñemos, a pesar da distancia e das circunstancias...

OBRADOIRO DE POESÍA

O alumnado dos diferentes cursos participou nun obradoiro de poesía organizado polo Departamento de Lingua e Literatura Castelá. Levado a cabo en parte de xeito presencial, antes do confinamento, e en parte dende casa, os seus froitos foron... unha marabilla! Como mostra deixámosvos esta preciosa montaxe realizada por Marta Blanco.

Ver video

luns, 8 de xuño de 2020

DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS

Hoxe, 8 de xuño, celébrase o Día Mundial dos Océanos, este ano co lema Innovación para un océano sostible.
Dende a biblioteca publicamos un díptico coas nosas recomendacións de libros relacionados co mar.
Esperamos que vos gusten...



domingo, 17 de maio de 2020

DÍA DAS LETRAS GALEGAS (I)

Este ano a persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas é Ricardo Carvalho Calero, historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor, que dedicou a súa vida a dignificar o idioma e a cultura galegas.
Para dar a coñecer a súa figura elaboramos un díptico e... algo máis. De momento deixámosvos con el.


venres, 8 de maio de 2020

ANTÍA YÁÑEZ

Hoxe tiñamos preparado un encontro con Antía Yáñez. Co alumnado de 2ºESO falaría do seu libro O misterio do torque de Burela e co de 3º e 4º do Club de lectura sobre Senlleiras. A situación actual fixo que non puidera ser, pero estamos seguras de que pronto estará con nós. Mentres, recordaremos a agradable visita que nos fixo hai dous anos e na que comentamos O misterio de Portomarín, obra sobre a que o alumnado que naquel entón cursaba 1º realizou un booktrailer.

Antía Yáñez na nosa biblioteca en maio de 2018.

luns, 27 de abril de 2020

PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA

Con motivo da celebración do Día do Libro, fíxose pública a resolución pola que se recoñece a Andrea Maceiras gañadora do Premio dos Clubs de Lectura 2020. 
Andrea Maceiras é unha das nosas autoras preferidas, autora de libros lidos por nós como Volverás, golfiño (sobre o que realizamos un roteiro literario), O que sei do silencio, Nubes de evolución, Europa Express ou Conta nove estrelas, lido polo grupo de 1º do club de lectura este curso. Visitou o noso centro o curso pasado nun encontro co alumnado.

Andrea Maceiras na nosa biblioteca o curso pasado.

Este premio inaugurouse no 2015 e outórgaselle aos escritores e escritoras que encabezan a lista dos máis lidos polos Clubs de lectura, que estean vivos e sen que poidan repetir galardón. Os outros gañadores e gañadoras das pasadas edicións foron Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro (2018) e María Reimóndez (2019).
Parabéns, Andrea!!

xoves, 23 de abril de 2020

DÍA DO LIBRO

Aínda que este ano as circunstancias fan que sexa un Día do Libro atípico, no IES Fin do Camiño non imos deixar de celebralo. Para iso contamos coa colaboración do alumnado e profesorado que dende as súas casas foron enviando fotos estas últimas semanas, demostrando que aínda na distancia podemos facer moito xuntos. Moitísimas grazas a todos e todas!! Ánimo!!


Tamén queremos agradecer a Voces para la Paz (Músicos Solidarios) o seu consentimento expreso para utilizar a súa música na nosa montaxe. Animámosvos a coñecer o marabilloso labor humanitario que realizan a través da música na súa páxina web. Grazas, unha vez máis!!

mércores, 22 de abril de 2020

DÍA DA TERRA

O 22 de abril deste ano cúmprense 50 anos dende que en 1970 se iniciou un importante movemento medioambiental con millóns de estadounidenses manifestándose para loitar polo medio ambiente. Tras esta manifestación logrouse concienciar aos políticos sobre a importancia da natureza, e na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Humano de 1972 celebrada en Estocolmo sentáronse as bases da toma de conciencia mundial sobre a relación de interdependencia entre os seres humanos, outros seres vivos e o noso planeta.
Neste Día da Terra marcado polo Coronavirus, recomendamos a lectura dunha reportaxe
moi breve do programa Aquí la Tierra e de dous libros, como non podía ser doutro xeito: Terra, de Xurxo Mariño e A Terra de Anna, de Jostein Gaarder.

 


Animádevos
a gozar da
súa lectura!!

domingo, 5 de abril de 2020

NA CASA... CON LECTURAS

Como o confinamento continuará un tempiño máis, e agora que todos e todas estamos máis descargados de teletarefas, nós seguimos á procura de novas lecturas que vos fagan compañía.

Na páxina web Elejandria podedes descargar libros de dominio público de xeito gratuíto en varios formatos. Podedes atopalos por orde alfabética ou clasificados en categorías. Entre elas, nós seleccionamos estas:

Por outra banda, a editorial Astiberri ofrece estes cómics de descarga gratuíta:

Recordade: cando lemos un libro, podemos viaxar sen saír da casa!!
 Ánimo e coidádevos moito!!

venres, 27 de marzo de 2020

DÍA MUNDIAL DO TEATRO

Dende 1962 os centros ITI (International Theatre Institute) e a comunidade teatral internacional celebran o 27 de marzo o Día Mundial do Teatro con diversos actos. Un dos máis representativos é a elaboración e lectura dun manifesto, tradicionalmente escrito por unha personalidade de recoñecido prestixio no mundo do teatro. Este ano é a quenda do dramaturgo paquistaní Shahid Nadeem. Debido á situación vivida actualmente pola pandemia do Covid-19, os centros ITI de todo o mundo achegaron vídeos coa lectura deste manifesto en diferentes idiomas. Desde o Instituto Universitario de Danza Alicia Alonso, centro ITI en España, a encargada da lectura foi Liuba Cid.
E como podemos gozar dunha representación teatral sen saír de casa? Teatroteca, plataforma para a xestión e o préstamo de contido dixital do Centro de Documentación das Artes Escénicas (CDAEM), pon á nosa disposición máis de 1.600 obras e espectáculos teatrais cunha subscrición gratuíta.
Nós, como non podía ser doutro xeito, tamén queremos aportar o noso pequeno gran de area e elaboramos un tríptico con suxestións teatrais. Se facedes clic nas imaxes das portadas, teredes máis información sobre as obras.


domingo, 22 de marzo de 2020

LECTURA EN TEMPOS DE CORONAVIRUS

Nestes momentos difíciles nos que nos toca aportar o noso gran de area e quedar na casa, aproveitemos para ler todo aquilo que fomos deixando para "cando tivésemos tempo"... E se non tiñamos nada "aparcado" agardando unha mellor ocasión, nós vos ofrecemos unha serie de ligazóns que fomos recompilando estes días, tanto a páxinas de editoriais como de escritores ou escritoras que a título persoal ofrecen descargas ou lecturas gratuítas dalgúns dos seus libros. Moitas grazas a todos eles e elas por facernos este retiro máis ameno!!!
Esta é a nosa selección:

Cómic.

Outros libros.

Recordade que tamén tedes ligazóns a bibliotecas virtuais con libros gratuítos á dereita desta entrada, debaixo da icona do catálogo Meiga da nosa biblioteca.

Cando lemos un libro, podemos viaxar sen saír de casa!!


 Ánimo e coidádevos!!

domingo, 8 de marzo de 2020

DÍA DA MULLER

Este ano para celebrar este 8 de marzo decidimos dar a coñecer nunha presentación a figura de 8 Mulleres Galegas que destacaron e destacan en diferentes ámbitos. Pero tamén quixemos lembrar, como vén sendo habitual os últimos cursos, a esas outras mulleres non tan famosas que xogan un papel esencial nas nosas vidas cunha exposición fotográfica na entrada do centro.
Se facedes clic na imaxe poderedes ver a presentación.

https://youtu.be/vKmi5s9Ny4s



venres, 28 de febreiro de 2020

DÍA DE ROSALÍA: UN POEMA E UNHA FLOR

Aínda que este ano o día dedicado a Rosalía de Castro non estabamos no instituto, non nos esquecemos de conmemorar o 183 aniversario do seu nacemento. Como? Como xa informamos noutra entrada do blog, asistimos a un espectáculo de Caxoto contacontos organizado polo Concello de Fisterra, e ademais, o venres pasado participamos nun kahoot con preguntas sobre a súa figura elaborado polo ENDL e hoxe agasallamos cunha flor feita por nós e un poema de Rosalía ao profesorado e alumnado.

 

sábado, 22 de febreiro de 2020

MÚSICA E EVOLUCIÓN

Pablo Carpintero e Rosa Sánchez achegáronnos onte á música tradicional cun concerto didáctico no que descubrimos como algo tan diferente como noces, landras, bugallas, cornos de cabra, vinchas de ovella e incluso sachos ou tixolas!! poden converterse en instrumentos musicais. E é que, como explicou Pablo, a música e o son forman parte das nosas vidas dende o ventre materno...
Podedes ver imaxes e un vídeo-resumo do acto nos enlaces que están debaixo da foto.


luns, 17 de febreiro de 2020

DÍA DE ROSALÍA 2020

Hoxe asistimos no Salón de Actos do Concello de Fisterra ao espectáculo Unha noite no muíño, de Caxoto Contacontos, para celebrar que o vindeiro luns 24 será o día dedicado a Rosalía de Castro. Combinando música, poesía e narración oral, Felipe Díaz (Caxoto) fíxonos recordar versos de Rosalía de Castro, Manuel María e Celso Emilio Ferreiro, e a través de cantigas populares fixemos unha viaxe no tempo ata as festas dos nosos devanceiros... con baile incluído!!
Agradecemos ao Concello a organización desta actividade!

martes, 11 de febreiro de 2020

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O 11 de febreiro como Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia foi proclamado no 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coa fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas.

Cartel realizado por María del Álamo Ortega

Dende a biblioteca querémosvos propoñer varios libros que nos axudarán a coñecer os logros de diferentes mulleres científicas ao longo da historia: Mujeres de ciencia, de Rachel Ignotofsky; Las chicas son de ciencias, de Irene Cívico e Sergio Parra Castillo; Las astrónomas, chicas estrella, de Sara Gil Casanova; e Curie la atómica, de Esteban Rodriguez Serrano.
Esperamos que gocedes da súa lectura!!

venres, 31 de xaneiro de 2020

CONCEPCIÓN ARENAL

Tal día como hoxe, hai 200 anos, nacía en Ferrol Concepción Arenal. Foi unha importante escritora realista, xornalista, socióloga, pedagoga e ensaísta vencellada ao pioneiro movemento feminista de finais do século XIX, reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.
Para celebrar este bicentenario Nórdica Libros vén de publicar unha edición da súa obra La mujer del porvenir que inclúe tamén o ensaio La mujer de su casa, ilustrada por Antonia Santolaya, que xa podedes atopar na nosa biblioteca.
Ademais, animámosvos a ver este breve documental no que se nos presentan algúns rasgos do seu pensamento.

xoves, 30 de xaneiro de 2020

DÍA DA ILUSTRACIÓN

O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. O protagonista deste ano é Cándido Fernández Mazas.

Cartel realizado pola ilustradora Xulia Pisón.

DÍA DA PAZ

Esta semana celebrábanse o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, o luns 27, e o Día da Paz, hoxe 30. Por iso realizamos un mural con haikus pola paz feitos polo alumnado en galego, castelán, e inglés, exposto no taboleiro de entrada e, ademais, recuperamos unha montaxe audiovisual protagonizada por alumnado do club de lectura na que propón libros e películas que, de seguro, nos invitarán á reflexión.
Esperamos que vos guste!!


martes, 28 de xaneiro de 2020

MOLÉCULAS EN ACCIÓN

Hoxe, dentro do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, tivo lugar na biblioteca unha charla titulada “Moléculas en acción” a cargo do Catedrático de Química Física da USC José Ramón Leis Fidalgo. A ela acudiu o alumnado de 3º e o da opción científica de 4º da ESO. A charla contou con varias demostracións en vivo e vídeos de reaccións químicas, salientando a importancia dos materiais e as súas aplicacións na evolución da humanidade. Presentáronse, ademais, algúns dos chamados materiais intelixentes e o alumnado puido manipulalos.