mércores, 24 de abril de 2024

PREMIO CERVANTES 2023

O académico da RAE e escritor leonés Luis Mateo Díez recibiu onte o Premio Cervantes que lle foi outorgado o pasado mes de novembro por «ser un dos grandes narradores da lingua castelá, herdeiro do espírito cervantino, escritor fronte a toda adversidade, creador de mundos e territorios imaxinarios».
 
No seu discurso rememorou o inicio da súa vocación literaria; referiuse aos "filandones", as reunións que se realizaban tras a cea para contar historias ao calor do lume na provincia de León e que formaron parte da súa infancia; e defendeu o triunfo da fantasía sobre o realismo.
 

luns, 15 de abril de 2024

OBRADOIRO SOBRE SAÚDE MENTAL

O alumnado de todos os cursos asistiu hoxe na biblioteca a un obradoiro sobre saúde mental organizado polo Departamento de Orientación. Nel, unha terapeuta ocupacional de APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais) falounos de diferentes tipos de trastornos mentais e os sinais de alarma que debemos ter en conta para detectalos e poder, así, minimizalos con axuda profesional. Veu acompañada dun usuario da asociación, que nos contou a súa propia experiencia. 
 

xoves, 4 de abril de 2024

ENCONTRO CON ANTÍA YÁÑEZ

Que mellor xeito de celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil que coa visita, ao día seguinte, dunha das nosas autoras favoritas? 
 
O alumnado de 1º e 2º ESO asistiu na biblioteca a un encontro, facilitado pola editorial Galaxia, coa escritora Antía Yáñez Rodríguez, autora de libros lidos por nós no Club de lectura como O misterio de Portomarín, O misterio do torque de Burela e Be water.
 
Tras a presentación da escritora feita por Mencía, Antía Yáñez falounos dos seus libros, da historia de Portomarín, do proceso da escrita e contestou ás preguntas que os alumnos e alumnas lle fixeron.
 
A continuación proxectamos o booktrailer sobre O misterio do torque de Burela, protagonizado polas alumnas do grupo de 2º ESO do Club de lectura.

Despois deste encontro, tivo unha xuntanza co grupo de profesorado do Club de lectura, co que falou do seu libro Senlleiras

Moitas grazas, Antía, pola túa visita!
 

Antía Yáñez coas alumnas do grupo de 2º do Club de lectura.

Co alumnado de 1º ESO.

Asinando exemplares de Be Water.

Co grupo de profesorado do Club de lectura.



martes, 2 de abril de 2024

DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Dende 1967, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, coa finalidade de promover o bo libro infantil e xuvenil e a lectura entre os máis novos.

Cada ano, unha sección nacional do IBBY ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil e selecciona un escritor ou escritora representativos e un ilustrador ou ilustradora de renome do seu país para crear unha mensaxe e un cartel.

Este ano a sección elixida é Xapón, que difunde a mensaxe da escritora Eiko Kadono (baixo o lema “Navega polos mares coas alas da túa imaxinación”), ilustrada por Nana Furiya.