domingo, 30 de xaneiro de 2022

DÍA DA PAZ

Esta semana celebrábanse o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, o xoves 27, e o Día da Paz, hoxe 30. E aínda que o mundo anda bastante revolto, nós seguimos apostando por darlle unha oportunidade á paz e realizamos un mural con haikus pola paz feitos polo alumnado en galego, castelán, francés e inglés, exposto no taboleiro de entrada. Ademais, recuperamos unha montaxe audiovisual protagonizada por alumnado do club de lectura de hai uns cursos na que propón libros e películas que, de seguro, nos invitarán á reflexión.
Esperamos que vos guste!! 

DÍA DA ILUSTRACIÓN

O Día da Ilustración celébrase dende 2014 o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. O protagonista deste ano é Reimundo Patiño.

A creadora do cartel neste 2022 é Paula Mayor, que ten traballado en moi diferentes ámbitos da ilustración.

Cartel de Paula Mayor.


xoves, 20 de xaneiro de 2022

MARTA LADO

Compartimos convosco o enlace a unha entrevista coa actriz e agora tamén escritora fisterrá Marta Lado, publicada onte. Marta recibiu o pasado mes de novembro o III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade pola súa obra A pita xefa, publicada en Baía Edicións e presentada no salón de actos do Concello de Fisterra a finais de decembro.

Parabéns!!

Marta Lado na presentación de A pita xefa.

martes, 11 de xaneiro de 2022

DÍA DO USUARIO E USUARIA DAS BIBLIOTECAS

O 11 de xaneiro celébrase o Día do usuario e usuaria das bibliotecas e nós queremos dar as grazas a todo o alumnado, profesorado e familias que visitan a do noso centro ou fan uso dos seus recursos. Por vós prometemos que tentaremos seguir mellorando!!

Alumnado de 1º ESO cos carnés de lectores e lectoras da Biblioteca Municipal de Fisterra.