mércores, 31 de maio de 2017

ENCONTRO GHUAIDELAI E LIBROS COMA AREA!

O día 15 de maio recibimos a visita dos alumnos e alumnas do club de lectura Libros coma area! do I.E.S. Agra de Raíces, de Cee, que viñeron acompañados por Manuel, Ángeles e Lourdes. Con eles gozamos dunha serie de actividades que tiveron o MAR como protagonista.

Velaquí as imaxes da intensa xornada!!

ENCONTRO GHUAIDELAI E LIBROS COMA AREA! 15 maio 2017 on PhotoPeach

mércores, 17 de maio de 2017

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Este ano o Día das Letras Galegas está adicado ao escritor ourensán Carlos Casares (1941-2002), novelista, ensaísta e colaborador habitual en La Voz de Galicia, coa súa columna Á marxe.

Dende a biblioteca tentamos dar a coñecer a súa figura elaborando un tríptico sobre el e a súa obra, que está colgado nos taboleiros de todas as aulas. Ademais, o grupo dos "maiores" do noso club de lectura asistirá mañá á unha adaptación teatral da súa novela Os mortos daquel verán, no Salón Teatro en Santiago, coproducida polo Centro Dramático Galego e Talía Teatro. Xa vos contaremos...!!


xoves, 11 de maio de 2017

MÁIS LECTURAS!

Ghuaidelai vén de rematar outra lectura... e xa van tres durante este curso!!

Nesta ocasión o alumnado de 1ºESO elixiu Que desfeita!, de Paul Jennings. É un orixinal feixe de relatos que teñen en común o humor e que desenvolven historias abraiantes, disparatadas nalgúns casos, coma a dos teimudos avó e neto de "Herborraxia nasal", a do rapaz sen cor na pel, a do lector de mentes ou a do "churpilurpio" do deserto. Atoparedes aventura, amor, acoso escolar, amizade, pingas machistas, medo, respecto ao diferente... Seguro que vos encantará!!

Os outros integrantes do club desfrutaron con O centro do labirinto, de Agustín Fernández Paz, unha novela que combina a intriga con temas sociais como a globalización, o coidado do medio ambiente e a nosa relación coa natureza, o consumismo, a riqueza lingüística, as relacións nais e fillos... Ah, e aparece unha canción do noso último premio Nobel de Literatura, Bob Dylan, con comentarios sobre el en boca dun dos personaxes que fan de Agustín Fernández Paz... case un visionario!!

Así celebraron as súas lecturas... por todo o alto!!