luns, 23 de abril de 2018

PREMIOS FOUCIÑO

Esta mañá estivo na biblioteca co alumnado de 3º e 4º ESO Víctor de Mira, un dos coordinadores dos Premios Fouciño de Baio. No encontro deu a coñecer este certame de audiovisual, no que hai unha categoría específica para estudantes, e presentou algúns dos traballos gañadores de edicións anteriores.


Animádevos a participar!! O prazo para presentar os vosos traballos remata o 31 de maio. Tedes máis información AQUÍ.

domingo, 15 de abril de 2018

PREMIO PARA ANTÍA YÁÑEZ RODRÍGUEZ

A escritora Antía Yáñez Rodríguez, que nos visitou o pasado mércores, recibiu este sábado na fundación Barrié de Vigo o Premio Illa Nova de Narrativa 2018 coa novela Senlleiras, unha obra narrada dende diferentes tempos, que aborda unha cuestión tan importante como a violencia contra as mulleres.
Estamos desexando ter o seu libro na nosa biblioteca!


Parabéns, Antía!!

mércores, 11 de abril de 2018

ENCONTRO CON ANTÍA YÁÑEZ RODRÍGUEZ

Hoxe o alumnado de 1ºESO asistiu na biblioteca a un encontro, facilitado pola editorial Galaxia, coa escritora Antía Yáñez Rodríguez, autora de O misterio de Portomarín.
Tras a presentación da escritora feita por Candela, Ismael deu paso ao booktrailer realizado por nós sobre O misterio de Portomarín.
A continuación Antía Yáñez falounos do seu libro, da historia de Portomarín, do proceso da escrita e contestou ás preguntas que os alumnos e alumnas lle fixeron.
Finalmente asinou libros e agasallámola cunha peza de cerámica da zona e cun marcapáxinas elaborado por nós (que estamos feitos uns expertos e expertas, despois do obradoiro levado a cabo hai unhas semanas na biblioteca...), no que aparecía unha foto de Fisterra e o poema Dictado, escrito polo poeta local Roberto Traba Velay e lido por Antía Castro.

Se queredes ver imaxes deste encontro, premede AQUÍ.

Velaquí tedes o booktrailer que realizamos.

venres, 6 de abril de 2018

NÓS LEMOS EN GALEGO, E TI?

O Departamento de Lingua Galega, a Biblioteca e o ENDL convocaron a principio de curso a II edición deste concurso. Neste mes do libro queremos presentarvos aos lectores e lectoras máis destacados destes dous trimestres. Quen será o gañador ou gañadora final?... 

 

martes, 3 de abril de 2018

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

O 2 de abril é unha data senlleira, especial. Unha data para lembrar, xa que neste día naceu un dos autores de contos máis importantes destinados sobre todo aos nenos e nenas, Hans Christian Andersen. Por iso, o 2 de abril é o Día Internacional do Libro Infantil. Neste 2018, o cartel foi responsabilidade do ilustrador Reinis Petersons e da escritora Inese Zandere, poeta, editora e activista da promoción da lectura quen nos manda unha poderosa mensaxe: Os libros fan grande o máis pequeno.
Nós celebramos hoxe o Día Internacional do Libro Infantil coa lectura en todos os cursos do álbum ilustrado O lápis máxixo de Malala, escrito por Malala Yousafzai, a quen se lle concedeu o Premio Nobel da Paz no ano 2014, cando tiña só 17 anos, e onde nos conta a súa propia historia. Trátase dunha xoia literaria que nos permite coñecer a dura vida desta moza paquistaní dun xeito sinxelo e tenro.
Malala é unha loitadora na defensa dunha educación para nenos e nenas, con especial énfase na educación destas últimas. Máis de centro trinta millóns de nenas non poden ir á escola! Por iso son tan necesarias moitas Malalas no mundo.
O libro tivo moi boa acollida entre o noso alumnado e permitiunos reflexionar sobre diversos aspectos como a sorte que temos de estar nun país onde nenos e nenas poden ir todos xuntos á escola.
Un álbum que remata dun xeito emocionante: "Un neno, un mestre, un libro, un caderno e un lapis poden mudar o mundo."
Debuxemos con palabras os nosos desexos sempre para abrir as portas que nos ofrecen libros coma o de Malala Yousafzai.