mércores, 21 de xuño de 2017

GHUAIDELAI NA X XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA

O sábado 17 un grupo de alumnas do club de lectura asistiu á xornada especial de clubs de lectura de toda Galicia celebrada en Santiago con motivo do décimo aniversario desta iniciativa, á que nos sumamos hai seis anos.
Compartiron con outros lectores e lectoras as charlas e obradoiros de poesía con Carlos Negro, de literatura transmedia con Fran Alonso, de narración de misterio con Miguel Anxo Fernández, de radio, de dobraxe, de regueifas ...
Con Óscar López, do programa Página 2, aprenderon como facer un programa sobre libros e lectura e presenciaron a entrega do premio dos clubs de lectura a Miguelanxo Prado.
Algunhas fixéronse fotos con César Mallorquí e Ledicia Costas, aos que lles pediron autógrafos.
E que dicir da animación a cargo de Pista Catro e do impresionante fin de festa de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre? Inesquecible!!


GHUAIDELAI NA X XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA XUÑO 2017 on PhotoPeach

luns, 12 de xuño de 2017

GHUAIDELAI E AS SÚAS LECTURAS

Un curso máis de actividades que remata o noso Club de Lectura Ghuaidelai. E, por iso, posaron con todos os libros lidos durante o ano, diante dun mural aínda en elaboración...

Esperámosvos o vindeiro curso!!


xoves, 8 de xuño de 2017

DÍA ḾUNDIAL DOS OCÉANOS

Hoxe, 8 de xuño, celébrase o Día Mundial dos Océanos, este ano co lema Os nosos océanos, o noso futuro.
Dende a biblioteca publicamos un díptico coas nosas recomendacións de libros relacionados co mar.
Esperamos que vos gusten... 

martes, 6 de xuño de 2017

ROTEIRO LITERARIO: O CENTRO DO LABIRINTO

Como xa comentamos noutra entrada do blog, o grupo dos "maiores" do club de lectura fixo un roteiro literario pola zona vella de Santiago baseado nun dos libros que leron durante este curso, O centro do labirinto, de Agustín Fernández Paz.
Este foi o resultado...


luns, 5 de xuño de 2017

GHUAIDELAI EN SANTIAGO

A semana das Letras Galegas foi moi "movidiña" para o noso club de lectura.
Se o luns recibiamos a visita de Libros coma area! do I.E.S. Agra de Raíces, o xoves pasamos o día en Santiago.
Os "maiores" asistiron no Salón Teatro á adaptación teatral de Os mortos de aquel verán, de Carlos Casares, coproducida por Talía Teatro e o Centro Dramático Galego. Mentres, os alumnos e alumnas de 1ºESO visitaron o Museo do Pobo Galego, onde realizaron diferentes xogos de pistas. Á saída do teatro, xuntámonos e xa participamos todos no resto das actividades: visita á Casa da Troia (aparecemos no seu Facebook!!), á exposición de papiroflexia Arte e Xeometría, á Feira do libro antigo e de ocasión e varias librarías especializadas en cómic e literatura xuvenil.
Os "maiores" aproveitaron o percorrido polas rúas da zona vella para facer un roteiro literario baseado nun dos libros escollidos este curso, O centro do labirinto, de Agustín Fernández Paz, lendo na rúa fragmentos seleccionados.
Un día ben completiño, como vedes!! Pero como a cultura non está rifada coa diversión, velaquí tedes as imaxes da excursión...

GHUAIDELAI EN SANTIAGO 18 de maio 2017 on PhotoPeach