venres, 25 de maio de 2018

ENCONTRO DE CLUBS DE LECTURA

E unha actividade máis para celebrar o mes das Letras Galegas: o encontro do noso Club de lectura Ghuaidelai cos clubs de lectura do I.E.S. Agra de Raíces (Cee) e do I.E.S. Maximino Romero de Lema (Baio) celebrado o 15 de maio.
Visitamos os Muíños e Batáns do Mosquetín en Vimianzo e as Torres do Allo en Baio-Zas, e fixemos un roteiro literario en Malpica baseado na lectura de As aventuras de Pelusa, de Xelucho Abella Chouciño.
Aquí tedes a reportaxe audiovisual froito deste encontro...

 Fotografías do encontro

Roteiro literario

martes, 22 de maio de 2018

II CONCURSO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O Equipo de Biblioteca segue a celebrar o mes das Letras Galegas: nesta ocasión elaboramos un mural no que aparecen todos os escritores e escritoras homenaxeados no Día das Letras Galegas dende 1963 -data na que se iniciou esta celebración para conmemorar os cen anos da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro- ata a actualidade, ano no que se lle dedica a María Victoria Moreno.
A partir deste mural convocamos un concurso no que animamos a todos e todas a participar e, así, recoñecer figuras destacadas das nosas letras.



luns, 21 de maio de 2018

CHARLA PARA O ALUMNADO

Este venres, 18 de maio, o alumnado asistiu na biblioteca do centro a unha charla organizada polo Departamento de Orientación e impartida por Sergio García Vázquez, membro da Garda Civil, que xa nos visitou con anterioridade. O tema tratado nesta ocasión foi a prevención da drogodependencia.

xoves, 10 de maio de 2018

ANAGNÓRISE

Neste mes de maio festexamos dende a Biblioteca o Día das Letras Galegas con distintas actividades. Empezamos o pasado luns, 7 de maio, cando fomos, grazas ao patrocinio da editorial Galaxia, co alumnado de 3º e 4º da ESO ver a adaptación teatral da novela Anagnórise de María Victoria Moreno, autora homenaxeada durante o presente ano. A representación resultou sorprendente, divertida e didáctica.
Ademais puidemos gozar do reencontro con antigos alumnos e alumnas.


Velaquí algunhas FOTOS máis para a lembranza.

venres, 4 de maio de 2018

GHUAIDELAI E O DÍA MUNDIAL DO LIBRO

Para celebrar esta data, e seguindo a estela do curso pasado, algúns dos membros do Club de lectura Ghuaidelai decidiron compartir lecturas cos máis novos e novas. Esta vez o encontro foi no CEIP Areouta de Sardiñeiro e a experiencia foi marabillosa!!
Velaquí as imaxes desta nova "aventura"...



Grazas ás compañeiras e compañeiros do CEIP Areouta por facer posible este encontro!!