venres, 23 de febreiro de 2024

DÍA DE ROSALÍA

Hoxe celebramos o Día de Rosalía no centro con varias actividades. Seguindo a proposta da AELG, elaboramos o cartel-mural "Rosalía: o amor da patria galega"; durante o recreo puidemos escoitar a través da megafonía un recital poético protagonizado por alumnado e profesorado do centro; e, por último, a nosa Rosalía particular, Mencía, repartiu poemas e chapas deseñadas e elaboradas polo Departamento de Artes Plásticas.


domingo, 11 de febreiro de 2024

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia foi proclamado no 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coa fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas.
Dende a biblioteca querémosvos propoñer, por medio dunha exposición e un díptico, varios libros e películas que nos axudarán a coñecer os logros de diferentes mulleres científicas ao longo da historia. Se facedes clic nas portadas, teredes máis información sobre eles.
 

Esperamos que gocedes da súa lectura!


 

mércores, 31 de xaneiro de 2024

INICIACIÓN SEGURA Á PEGADA DIXITAL E ÁS REDES SOCIAIS

No marco da alfabetización mediática e informacional, onte visitounos David, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). 

Na súa intervención, David abordou os conceptos básicos da pegada dixital, así como as súas implicacións para a privacidade e a seguridade, e ofreceu consellos para protexer a nosa privacidade na web. 

Agora que comprendemos os riscos asociados á nosa pegada dixital e como protexernos, tomemos o control!

martes, 30 de xaneiro de 2024

DÍA DA PAZ

Aínda que o mundo está bastante revolto, nós seguimos apostando pola paz e, para celebrar este día, elaboramos un mural con haikus feitos polo alumnado en galego, castelán, francés e inglés. Como dicían os Beatles, "Give peace a chance!".


xoves, 21 de decembro de 2023

NADAL NA BIBLIOTECA

Como xa vén sendo habitual nestas datas, dende a biblioteca realizamos unha árbore de Nadal coas portadas dos diferentes libros que foron chegando a ela durante o primeiro trimestre e unha postal onde podedes atopar información sobre algúns deles facendo clic nos círculos amarelos.

Animádevos!! Estas vacacións son un momento estupendo para ler!!

Bo Nadal!!


 

luns, 11 de decembro de 2023

O PRINCIPIÑO

Non queriamos rematar o ano sen render unha homenaxe a un dos nosos libros favoritos, O Principiño, que neste 2023 fixo 80 anos.

A obra máis famosa do escritor francés Antoine de Saint-Exupéry foi publicada por primeira vez en abril de 1943. Dende ese momento ata a actualidade, a novela foi traducida a 300 linguas e dialectos, e con máis de 140 millóns de copias vendidas en todo o mundo, converteuse nun dos libros máis vendidos e máis traducidos.

luns, 4 de decembro de 2023

ENCONTRO CON NOELIA MÍGUEZ

Esta mañá visitounos Noelia Míguez, autora de Ocho señales. Cuestión de vida o muerte, que tivo un emotivo encontro co alumnado de 2º e 3º ESO no que relatou a súa propia experiencia como vítima de violencia de xénero.

A súa visita animou ao alumnado do Club de lectura de 3º e 4º ESO a ler o seu libro no próximo trimestre.

Grazas, Noelia, por visitarnos!