xoves, 21 de decembro de 2023

NADAL NA BIBLIOTECA

Como xa vén sendo habitual nestas datas, dende a biblioteca realizamos unha árbore de Nadal coas portadas dos diferentes libros que foron chegando a ela durante o primeiro trimestre e unha postal onde podedes atopar información sobre algúns deles facendo clic nos círculos amarelos.

Animádevos!! Estas vacacións son un momento estupendo para ler!!
 
Bo Nadal!!


 

luns, 11 de decembro de 2023

O PRINCIPIÑO

Non queriamos rematar o ano sen render unha homenaxe a un dos nosos libros favoritos, O Principiño, que neste 2023 fixo 80 anos.

A obra máis famosa do escritor francés Antoine de Saint-Exupéry foi publicada por primeira vez en abril de 1943. Dende ese momento ata a actualidade, a novela foi traducida a 300 linguas e dialectos, e con máis de 140 millóns de copias vendidas en todo o mundo, converteuse nun dos libros máis vendidos e máis traducidos.

luns, 4 de decembro de 2023

ENCONTRO CON NOELIA MÍGUEZ

Esta mañá visitounos Noelia Míguez, autora de Ocho señales. Cuestión de vida o muerte, que tivo un emotivo encontro co alumnado de 2º e 3º ESO no que relatou a súa propia experiencia como vítima de violencia de xénero.

A súa visita animou ao alumnado do Club de lectura de 3º e 4º ESO a ler o seu libro no próximo trimestre.

Grazas, Noelia, por visitarnos!

 

venres, 1 de decembro de 2023

CON PICASSO NA CORUÑA

Onte o alumnado do Club de lectura asistiu na Casa Museo Picasso da Coruña a unha actividade escénica protagonizada por Os Náufragos Teatro, que despois nos acompañaron nun paseo teatralizado por algúns dos lugares máis representativos da estancia de Picasso na cidade. 

Completamos a mañá na cidade visitando dúas librerías: Alita Cómics e Moito Conto, na que Esther, moi amablemente, nos explicou o funcionamento dunha librería independente.

Grazas a Os Náufragos Teatro por facernos partícipes desta fermosa iniciativa! Grazas a estas libreiras e libreiros tan amantes do seu traballo polo seu tempo e as súas recomendacións!