venres, 25 de novembro de 2022

25-N

O noso centro participou hoxe no acto organizado polo Concello de Fisterra para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Alumnado do Club de lectura de 1º ESO leu un manifesto e fragmentos de varios libros relacionados con este tema; proxectouse un vídeo no que Carla interpretou La puerta violeta de Rozalén, acompañada de Iván á guitarra, e rendemos homenaxe ás trinta e oito mulleres asasinadas durante este ano, colocando estrelas co nome de cada unha delas. Ademais, o alumnado de 1º e 2º ESO traballou en titoría a diferenza entre unha relación saudable e unha relación tóxica, exemplificando cada unha delas a través de conversas de WhatsApp, que están expostas no mural da entrada.

Ver imaxes

martes, 22 de novembro de 2022

A MULLER NO MUNDO DA MÚSICA

Continuamos coas actividades relacionadas co 25-N. Nesta ocasión a violinista Nuria Naya e a saxofonista Fátima Martínez analizaron o papel da muller no mundo da música ao longo da historia, interpretando diferentes pezas musicais. Ademais, durante esta semana poderemos ver a exposición Sen elas non hai música galega no primeiro andar.

xoves, 17 de novembro de 2022

OCHO SEÑALES

Comezamos as actividades para conmemorar o 25-N coa presentación na nosa biblioteca do libro Ocho señales. Cuestión de vida o muerte, de Noelia Míguez. A autora tivo un emotivo encontro co alumnado de 3º e 4º ESO no que falou dos diferentes tipos de violencia de xénero e da súa propia experiencia como vítima.

Grazas, Noelia, pola túa sinceridade e valentía!!


 

 

mércores, 2 de novembro de 2022

MES DA CIENCIA EN GALEGO NA BIBLIOTECA

Todos os anos dende 2014 celébrase en novembro o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, celebración na que participa unha científica ou un científico galego redactando un manifesto no que reivindica a importancia da ciencia. Este ano 2022 a persoa encargada de facelo foi José Tubío, profesor, investigador principal e divulgador na USC, que desde 2016 dirixe o grupo de investigación Xenomas e enfermidade do CiMUS.
Durante todo o mes estaremos recomendando lecturas científicas en galego no expositor e o taboleiro da entrada do centro, recompilando, ademais as nosas propostas nesta montaxe protagonizada o curso pasado por membros do Club de Ciencia. Esperamos que vos guste!