martes, 31 de maio de 2022

VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA

Agora que o curso está a piques de rematar, non queremos esquecernos de agradecer o seu labor ao noso primeiro equipo de alumnado voluntario.

Parabéns e moitas grazas!!

O noso equipo de alumnado voluntario coas súas acreditacións.

xoves, 19 de maio de 2022

DOMINGO VILLAR

Onte falecía en Vigo Domingo Villar, un dos máximos expoñentes da novela negra galega. Este "pesimista alegre", como el mesmo se definía, é o creador da serie de tres volumes ambientada na ría de Vigo e protagonizada polo inspector de policía Leo Caldas, composta por Ollos de auga (2006), A praia dos afogados (2009) e O último barco (2019), o segundo dos cales foi levado ao cine en 2015 baixo a dirección do realizador Gerardo Herrero, sendo un dos responsables do guión o propio Domingo Villar. O seu último traballo é Algunos cuentos completos (2021), un libro de relatos con linogravados de Carlos Baonza.
A súa obra foi traducida a máis de quince idiomas e mereceu numerosos premios e distincións, algúns deles de carácter internacional como o de finalista dos Crime Thriller Awards e Dagger International no Reino Unido, do premio Le Point du Polar Européen en Francia ou do Martin Beck da Academia Sueca de Novela Negra.

Domingo Villar. Fotografía Faro de Vigo.

Podedes atopalos na nosa biblioteca.

martes, 17 de maio de 2022

LETRAS GALEGAS 2022

O venres tivo lugar na nosa pequena carballeira o acto de inauguración da celebración das Letras Galegas. A carón dun maio, evocando o Valdeorras natal de Florencio Delgado Gurriarán, tres alumnas e un alumno recitaron algúns dos seus poemas. Durante a última sesión da mañá os seus versos seguiron soando nun espectáculo de maxia a cargo de Martín Camiña. 

O alumnado continuará realizando actividades centradas na figura do poeta homenaxeado ao longo de todo o mes.

 

 Ver imaxes

luns, 9 de maio de 2022

"ADOLESCENTES", DE MARIÑA LESTÓN

Dende a biblioteca queremos recomendarvos esta actividade organizada polo Concello de Fisterra dentro da programación para a celebración do Día das Letras Galegas 2022: a actuación da nosa querida exalumna Mariña Lestón, membro mooooi activo do Club de lectura durante o seu paso polo centro e actual alumna do 2º ano de Interpretación na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. Animádevos!!

Xa apuntaba maneiras cando, co Club de lectura, lía contos aos pequenos da vila o Día do Libro!!

Mariña en Sardiñeiro co Club de lectura en abril do 2018.

luns, 2 de maio de 2022

DÍA MUNDIAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR

Dende o ano 2013 celébrase o 2 de maio o Día Mundial contra o Acoso Escolar en todas as súas formas (acoso físico, psicolóxico, verbal, social, ciberbullying) co obxectivo de dar visibilidade a todos os riscos que implica. A celebración desta xornada xurdiu da asociación Bullying Sin Fronteras, que proclamou este día a través dun comunicado que contou co apoio de máis de 3.000 organizacións non gobernamentais por todo o mundo.
Dende a biblioteca queremos propoñervos algunhas lecturas sobre o tema, por iso elaboramos o seguinte díptico. Se facedes clic sobre as portadas, teredes máis información sobre os libros.

 Esperamos que gocedes da súa lectura!!

Todos eles na nosa biblioteca!!