martes, 22 de setembro de 2015

"GHUAIDELAI"

É o nome que, no seu día lle puxemos ao club de lectura do IES. As linguas, xa sabemos, están vivas, evolucionan e, a miúdo, introdúcense novos términos... como este préstamo lingüistico de orixe incerto. Con este xa son cinco os cursos que o club leva en funcionamento e o número de integrantes entre alumnado e profesorado varia cos anos pero podemos dicir, en xeral, que estamos contentas coa súa marcha. Ás veces resulta complicado conseguir exemplares dunha determinada lectura para todo o grupo pero, grazas ao préstamo intercentros, ímolos conseguindo. Reunímonos cada quince días e compartimos ademáis dun momento de asueto na comida (dende aquí queremos agradecer a Sara que manteña aberta ao mediodía a cafetería do centro para darnos acubillo), as impresións da nosa lectura e acompañámolas de informacións, música ou anacos de película que estas nos suxiren. Convidamos a todo o alumnado a participar e, tendo en conta que é unha actividade voluntaria, non está dando mal resultado... E é que ao fin e o cabo ler e "Ghuai".

martes, 15 de setembro de 2015

BIBLIOESTREMONÍAS

Este é o nome que eliximos para o blog da biblioteca do IES Fin do Camiño de Fisterra que agora inicia a súa andaina. Por que este nome? Como todos sabemos (ou non?) estremonía utilízase moi habitualmente como sinónimo de extravagancia en certos lugares como este no que estamos, Fisterra. Ademáis é unha palabra que aparece clasificada como non estándar no dicionario co significado de "ademán raro e extravagante. Trasnada". Ler libros, hoxe en día, case se converteu nunha anomalía fronte ao gran poder visual da televisión ou dos videoxogos aínda que, curiosamente, lemos máis que nunca (ou acaso non estamos enganchados ás aplicacións de mensaxería e ás redes sociais?). Pois iso, como nos gusta ler, abrimos este caderno de bitácora donde colgaremos novas relacionadas coa biblioteca e co club de lectura; pero deste falaremos outro día. Tamaña idea, non?