martes, 31 de outubro de 2017

DON JUAN TENORIO

Hoxe o alumnado de 3º e 4º da ESO asistiu á representación de Don Juan Tenorio no Teatro Colón de A Coruña. Xusto o ano no que se conmemora o bicentenario do nacemento do seu autor, José Zorrilla, e a véspera do día de Todos os Santos, como manda a tradición!!


Parece ser que o costume de representar a obra nesta data débese aos recursos dramáticos que se utilizan na segunda parte desta, onde a morte e as presencias fantasmagóricas adquiren protagonismo, en escenas ambientadas nun sinistro cemiterio onde os mortos cobran vida...

martes, 24 de outubro de 2017

DÍA DA BIBLIOTECA

O 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Dende hai máis de vinte anos a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxo esta data para dar a coñecer os beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos un escritor e un ilustrador de recoñecido prestixio encárganse da redación dun pregón e do deseño dun cartel. Este ano os responsables son Alejandro Palomas, gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2016 por Un hijo, e o ilustrador Manuel Marsol, gañador do Premio Internacional de Ilustración Feria de Bolonia-Fundación SM.



Un bo día para familiarizarse coa nosa biblioteca!!!
Elaboramos unha guía de usuarios e un titorial para consultar o catálogo de fondos. Esperamos que vos sexan útiles!!



luns, 23 de outubro de 2017

SAMAÍN

Un ano máis, e xa van sete!!, o Equipo de biblioteca, o Departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua convocan o VII Concurso de relatos Samaín
Podedes consultar as bases aquí ou nos taboleiros de cada unha das aulas.
Este ano introducimos unha novidade: os relatos virán acompañados dunha imaxe de creación propia (debuxo, fotografía...) relacionada co tema.

Animádevos a participar!! Haberá premios!!

domingo, 8 de outubro de 2017

OUTONO DE LECTURAS

Necesitas algún motivo para poñerte a ler? Presentámosche varios da man de escritores e escritoras como Agustín Fernández Paz, Rosa Montero, Pep Bruno...


Queres máis razóns? Achégate ao mural que hai na entrada do instituto e as descubrirás...


 
 ANÍMATE A LER!!!


 


venres, 6 de outubro de 2017

PREMIO NOBEL DE LITERATURA

O escritor británico de orixe xaponesa Kazuo Ishiguro vén de ser galardoado co Premio Nobel de Literatura 2017.

Nacido en Nagasaki (Xapón) o 8 de novembro de 1954, trasladouse coa súa familia a Inglaterra aos cinco anos. Alí, estudou Filoloxía Inglesa e Filosofía na Universidade de Kent e posteriormente fixo un posgrao de Literatura Creativa na Universidade de East Anglia. En 1982 iniciou a súa carreira como escritor coa publicación da súa primeira novela, A Pale View of Hills, converténdose co tempo nun dos escritores británicos máis lidos, gañador do Man Booker Prize en 1989 por The Remains of the Day.

Algunhas das súas obras máis coñecidas son a xa mencionada The Remains of the Day (Los restos del día - Anagrama, 1989), Never Let Me Go (Nunca me abandones - Anagrama, 2005), ambas as dúas levadas ao cine, ou The Buried Giant (El gigante enterrado - Anagrama, 2016).


mércores, 4 de outubro de 2017

PREMIOS

Antonio García Teijeiro acaba de obter o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2017 pola súa obra Poemar o mar, escrita en galego e ilustrada por Xan López Domínguez. A obra forma parte dunha triloxía co mar como protagonista, á que tamén pertencen En la cuna del mar e Palabras do mar.

Nunha entrevista concedida á cadena SER, o escritor afirma que "este premio serve para reivindicar que a poesía pode gustar aos nenos”.

Tamén é autor de Os nosos versos, A poesía necesaria, Contos e poemas para un mes calquera (xunto a Jordi Sierra i Fabra), O que ven os ollos dos nenos e Fantasía en Re Maior, libros que podedes atopar na nosa biblioteca.




Por outra banda, hoxe dábase a coñecer o gañador do XI Premio de Narrativa Breve Repsol, que promoven conxuntamente a Consellería de Cultura, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Fundación Repsol: o escritor, profesor e xornalista compostelán Xosé Antonio Neira Cruz pola súa obra O soño das sereas, novela de intriga e misterio.

Xosé Antonio Neira Cruz é considerado un dos escritores de referencia na literatura infantil e xuvenil escrita en galego, autor de obras como Valdemuller, Gatos e leóns, O armiño dorme ou As cousas claras, todos eles na nosa biblioteca.



 Parabéns aos dous!!