domingo, 28 de maio de 2023

O CLUB DE LECTURA NA CORUÑA

O pasado venres o alumnado do Club de lectura foi á Coruña, onde levou a cabo varias actividades centradas na ruta Picasso pola mañá e na cultura manga dende o mediodía ata media tarde: visita guiada ao IES Eusebio da Guarda, onde Picasso estudou secundaria e Belas Artes, e á Casa-Museo Picasso; ruta literaria baseada no libro Pablo e as pombas, de Marcos Calveiro, para o alumnado de 1º ESO; librería Fnac, e ExpOtaku.

Un día ben completo!!

Na Casa-Museo Picasso


No IES Eusebio da Guarda


Na ExpOtaku

martes, 23 de maio de 2023

ENCONTRO CON ANDREA MACEIRAS

Hoxe recibimos a visita da escritora Andrea Maceiras, que tivo un agradable encontro co alumnado de 1º ESO e co do Club de lectura de 3º e 4º ESO, no que falou dos seus libros A folla azul e Que me pare o corazón se te esquezo.
Moitas grazas, Andrea, pola túa visita!!

 

Andrea co alumnado de 1º ESO

 

Andrea co alumnado do Club de lectura de 3º e 4º ESO



Presentación a cargo de Alberto














mércores, 17 de maio de 2023

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2023

Para celebrar este día tan sinalado para a nosa lingua, dende a biblioteca elaboramos un cartel para a entrada do centro e realizamos unha pequena biografía audiovisual sobre a figura homenaxeada este ano, Francisco Fernández del Riego, á que pon voz alumnado do Club de lectura. Esperamos que vos guste!!

Feliz Día das Letras Galegas!!


 

Na nosa biblioteca

martes, 2 de maio de 2023

DÍA MUNDIAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR

Dende o ano 2013 celébrase o 2 de maio o Día Mundial contra o Acoso Escolar en todas as súas formas (acoso físico, psicolóxico, verbal, social, ciberbullying) co obxectivo de dar visibilidade a todos os riscos que implica. A celebración desta xornada xurdiu da asociación Bullying Sin Fronteras, que proclamou este día a través dun comunicado que contou co apoio de máis de 3.000 organizacións non gobernamentais por todo o mundo.
Dende a biblioteca deseñamos un díptico para propoñervos algunhas lecturas
sobre o tema en diferentes formatos.
Esperamos que gocedes da súa lectura!! 

FONTÁN. O PRIMEIRO ROSTRO DE GALICIA

O alumnado de 3º e 4º ESO asistiu hoxe na biblioteca á proxección do documental ‘Fontán. O primeiro rostro de Galicia’. A peza audiovisual trata sobre a figura do matemático e xeógrafo Domingo Fontán, autor da Carta Xeométrica de Galicia, mapa físico realizado entre 1817 e 1834, considerado como o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas.
A proxección estivo precedida por unha introdución e seguida por un coloquio a cargo de parte do equipo realizador, Kaito Estudios. Ao remate do acto, o alumnado puido manipular instrumental para medir distancias e ángulos, similar ao utilizado por Fontán, e unha reprodución da Carta Xeométrica.
Esta actividade foi facilitada polo Concello de Fisterra.