mércores, 29 de xuño de 2022

EXPOSICIÓN DE DEBUXOS MANGA

Dende hai uns días, no taboleiro da entrada do centro podemos gozar dalgúns dos debuxos realizados por alumnado do Club Manga. Os nosos parabéns a Xusto, Óscar e Miriam, os seus autores e autora!!

martes, 28 de xuño de 2022

LENDO CON ORGULLO

Hoxe celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, conmemorándose que o 28 de xuño de 1969 producíanse as revoltas de Stonewall en Nueva York, consideradas como o inicio da loita moderna contra a discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero. E, coma sempre, nós recomendamos unha selección de lecturas, todas na nosa biblioteca. Se facedes clic nas portadas, teredes máis información sobre os libros. Esperamos que gocedes deles!

xoves, 23 de xuño de 2022

NOVIDADES

Imos cos últimos rexistros do curso!! No expositor de novidades tedes as últimas adquisicións da nosa biblioteca. Están agardando por vós... Xa sabedes que o verán é unha época marabillosa para ler!


mércores, 22 de xuño de 2022

ENCONTRO CON LAURA SUÁREZ

E como broche final ás actividades deste curso, onte recibimos a visita na biblioteca de Laura Suárez, autora e ilustradora de Monte Pindo. Historias e lendas do Olimpo celta, libro lido polo alumnado do Club de lectura. Falounos do proceso de documentación e investigación previo á escrita do libro e do seu traballo como ilustradora. 

Moitas grazas, Laura, pola túa visita e os teus consellos!

 

Ver imaxes

sábado, 18 de xuño de 2022

EXCURSIÓN A SANTIAGO

O mércores o alumnado integrante do Club de lectura e do Club de Ciencia recibiu un merecido agasallo, visitando en Santiago o Museo de Historia Natural e librerías especializadas en cómic e literatura infantil e xuvenil. A medida que ían visitando as distintas seccións do museo foron buscando a información necesaria para completar un cuestionario. Quen gañará o diploma? 

 

luns, 13 de xuño de 2022

GHUAIDELAI CELEBRA O FIN DE CURSO

Hoxe o Club de lectura e o Club de Ciencia, co que compartimos a maioría dos integrantes, tivemos unha comida conxunta para celebrar o remate das reunións deste curso tan repleto de lecturas e actividades. Despois de xantar, participamos nun obradoiro de Ciencia divertida no laboratorio. Un bo xeito de rematar a temporada!

Tres membros do Club de lectura no obradoiro.
 
Algúns e algunhas integrantes do Club de lectura cos libros lidos.

Máis imaxes

mércores, 8 de xuño de 2022

MURAL SOBRE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Xa está rematado o mural!! Como xa adiantabamos na entrada dedicada ao Día das Letras Galegas, o alumnado do centro estivo traballando estas semanas na biblioteca nun mural colaborativo centrado na figura de Florencio Delgado Gurriarán. Dividido en bloques, cada equipo de dous ou tres alumnos e alumnas centrouse nun deles. O proxecto estivo coordinado polo Departamento de Lingua Galega e Literatura coa colaboración da Biblioteca.

En pleno proceso creativo...

 Ver imaxes