venres, 23 de marzo de 2018

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Obradoiro de poesía e marcapáxinas na Biblioteca do IES Fin do Camiño para celebrar o Día Mundial da Poesía. Dedicamos varias sesións a este obradoiro que presentamos como  unha versión do "amigo invisible": aos nosos poetas e poetisas invisibles adxudicóuselles por sorteo un compañeiro ou compañeira ao/á que dedicar un poema. Con esta persoa en mente, leron poemas de varios autores e autoras e escolleron o que lles pareceu máis axeitado. A continuación elaboraron os seus propios marcapáxinas co poema elixido no anverso e o nome da persoa á que ía dirixido. Finalmente, o Día Mundial da Poesía "agromou" unha árbore na entrada do centro con todos os marcapáxinas elaborados, xerando unha gran expectación, e durante o recreo cada alumno e alumna buscou e recolleu o que lle dedicaran.

Na seguinte presentación podedes ver o proceso da actividade.


martes, 20 de marzo de 2018

GHUAIDELAI REMATA O TRIMESTRE

Como xa vén sendo tradición, os dous grupos do noso club de lectura Ghuaidelai celebraron a fin do trimestre cunha comida conxunta, con sobremesa da nosa "reposteira oficial", Candela.
As lecturas deste segundo trimestre foron Corredora, de María Reimóndez, para o grupo de 1º e 2º, e Os nenos da varíola, de María Solar, para as rapazas do outro grupo. Todos leron, ademais, As aventuras de Pelusa, de Xelucho Abella Chouciño, para preparar o roteiro literario que faremos en Malpica con outros dous clubs de lectura.





mércores, 14 de marzo de 2018

STEPHEN HAWKING

Esta madrugada falecía en Cambridge o físico, cosmólogo e divulgador científico Stephen Hawking (1942-2018).
Hawking é coñecido polo seu traballo sobre os buratos negros e por intentar unificar as dúas grandes teorías da física do século XX: a da relatividade e a da mecánica cuántica.
Como divulgador científico é autor, entre outros, de Historia del tiempo. Del Big Bang a los agujeros negros (1988), o libro de ciencia máis vendido da historia, e El universo en una cáscara de nuez (2001).
Visitou Fisterra en setembro do ano 2008, acompañado, entre outras persoas, polo físico galego Jorge Mira. Para conmemorar esta visita, en abril do ano pasado inaugurouse unha praza co seu nome na explanada que dá acceso ao faro e a punta do cabo Fisterra.
                                             

martes, 13 de marzo de 2018

AVIÓNS DE PAPEL

En 1º da ESO estamos lendo una fermosa historia de Xavier Estévez, Avións de papel, na que se mestura arte e literatura. Grazas a este libro achegámonos a Arte da rúa e queremos compartir esa aprendizaxe con vós.

domingo, 11 de marzo de 2018

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Para celebrar o Día Internacional da Muller este ano decidimos homenaxear ás mulleres que forman parte das nosas vidas, esas mulleres necesarias e valentes, que en moitas ocasións viviron circunstancias moi pouco favorables, pero, aínda así souberon saír sempre adiante con dignidade.
Para elas e por elas, fixemos unha exposición na entrada do instituto con fotografías cedidas polo alumnado.
Moitas grazas a todas e todos os participantes por sumarvos a esta homenaxe e, sobre todo, GRAZAS ÁS MULLERES DA NOSA VIDA!!!



Exposición na entrada do instituto.


Coas fotografías incluídas nesta exposición, elaboramos un álbum audiovisual que podedes ver a continuación:



As mulleres da nosa vida

venres, 2 de marzo de 2018

EXCURSIÓN A SANTIAGO

Onte o alumnado de todos os cursos do centro estivo de exursión en Santiago de Compostela.

Primeiro, Rubén ofreceunos unha visita guiada á catedral e ás prazas que a rodean. A continuación, asistimos no Teatro Principal á representación de Xogo de pillabáns, unha versión de Rinconete y Cortadillo que combina teatro e música a cargo do quinteto de vento Zoar. Despois de repoñer forzas, pola tarde dirixímonos á Cidade da Cultura, onde nos falaron da súa arquitectura, visitamos a biblioteca e admiramos Singularidade, unha enorme bóla de libros, obra da escultora Alicia Martín, na que deixamos a nosa "pegada".


Se queredes ver máis imaxes da excursión, premede no seguinte enlace
MÁIS IMAXES