mércores, 28 de novembro de 2018

OBRADOIRO DO GALP

Hoxe tivo lugar na biblioteca un dos varios obradoiros do GALP (Grupo de Acción Local de Pesca Costa Sostible) programados para o alumnado de 2º da ESO. Nesta ocasión foi María a encargada de levar a cabo un obradoiro-debate moi animado e participativo.

 

domingo, 25 de novembro de 2018

RACHEMOS AS CADEAS

Este é o lema co que participamos o venres, xunto cos outros centros educativos do pobo, no acto convocado polo Concello de Fisterra con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. África, Elisa, Mario e Zaira leron un manifesto e todo o alumnado do centro rachou unha enorme cadea que simbolizaba calquera xeito de violencia contra as mulleres: discriminación, abusos, desigualdade...
Velaquí están as imaxes e unha reportaxe audiovisual do acto, así como unha montaxe audiovisual protagonizada por alumnado do centro que esperamos que nos faga reflexionar.

mércores, 21 de novembro de 2018

NAVEGA CON RUMBO

Hoxe visitounos na biblioteca Adrián Brañas Castro, de Navega con Rumbo, para dar unha animadísima charla ao noso alumnado de 1º e 2º da ESO. A presentación xirou arredor de dúas cuestións: a seguridade en rede ou os perigos agochados e como evitalos, e as boas maneiras ou o respecto que como usuarios da rede debemos aos outros cibernautas. 

Seguindo esta ligazón a Navega con Rumbo podedes completar información e baixar guías de navegación para nais, pais, estudantes e docentes.

 


martes, 20 de novembro de 2018

OS DEREITOS DA INFANCIA

Hoxe celébrase o Día Universal do Neno, data do aniversario da Declaración Universal dos Dereitos do Neno en 1959. Para recordalos, recuperamos un vídeo realizado por algúns membros do club de lectura o curso pasado e, como non podía ser doutro xeito, recomendamos a lectura dun libro: Os dereitos da infancia.


xoves, 8 de novembro de 2018

LENDO DE MEDO

A véspera e o día de Samaín tiveron lugar na biblioteca as lecturas de terror e o noso particular "photocall" literario, sempre acompañados por Frederico, o noso alumno de intercambio, ...procedente do máis aló!!! Con imaxes deses dous días fixemos esta montaxe que esperamos que vos guste.


Se queredes ver máis imaxes, premede aquí

mércores, 7 de novembro de 2018

#ZERO ADICCIÓNS

Hoxe tivo lugar na biblioteca unha charla-obradoiro co alumnado de 1º e 2º, organizada polo Departamento de Orientación, enmarcada no programa #Zero adiccións da Deputación da Coruña. Esta campaña ten como finalidade previr as adiccións ás drogas, alcol, redes sociais, videoxogos... entre os adolescentes.

venres, 2 de novembro de 2018

DI K NON

O martes recibimos na biblioteca unha visita moi especial, organizada polo Departamento de Orientación: un grupo de internos da UTE (Unidade Terapéutica Educativa) do Centro Penitenciario de Teixeiro. Despois de agasallarnos cunha representación teatral, compartiron con nós as súas experiencias nun encontro moi emotivo. Esta iniciativa foi premiada este ano pola Fundación Galega contra o Narcotráfico dada a súa valiosa labor na prevención de drogodependencias entre os adolescentes. O próximo mércores será o alumnado de 3º e 4º quen os visite en Teixeiro.