mércores, 22 de decembro de 2021

EN NADAL, NOVIDADES

Un ano máis, elaboramos unha postal con algunhas das novidades que foron chegando á nosa biblioteca neste primeiro trimestre. Se facedes clic nas portadas dos libros que aparecen no interior da postal, teredes máis información sobre eles.

Dende Biblioestremonías esperamos que gocedes da súa lectura e destas festas de Nadal!!!
 

martes, 21 de decembro de 2021

FIN DO PRIMEIRO TRIMESTRE: PROXECTOS

Dende o noso blog queremos dar visibilidade ao traballo realizado polo alumnado en diferentes materias, neste caso a algúns dos proxectos fin de trimestre presentados polo alumnado de 1º, 2º e 3ºESO á nosa compañeira Nerea nas materias de Xeografía e Historia e Cultura Clásica. Parabéns!!

Traballo realizado por alumnado de 1ºESO.

 Ver máis imaxes.

domingo, 12 de decembro de 2021

PREMIOS XERAIS 2021

Xa coñecemos os nomes das dúas gañadoras do certame deste ano!
A Berta Dávila, gañadora por partida dobre, outorgóuselle o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con Un elefante na sala de estar e o Xerais de Novela con Os seres queridos. Ledicia Costas levou o Premio Merlín de Literatura Infantil coa obra O neno de lume

Teremos que esperar a que se atopen nas librarías en marzo de 2022 para gozar da súa lectura.

Fotografía: Europa Press 

martes, 30 de novembro de 2021

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Todos os anos dende 2014 celébrase en novembro o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, celebración na que participa unha científica ou un científico galego redactando un manifesto no que reivindica a importancia da ciencia. Persoas como Ángel Carracedo, Jorge Mira, a arquitecta Isabel Aguirre de Urcola, a matemática Peregrina Quintela Estévez... fixérono estes anos atrás e Amparo Alonso Betanzos, profesora, enxeñeira química e investigadora en intelixencia artificial, foi a encargada de escribir o manifesto este ano 2021.
Durante todo o mes estivemos recomendando lecturas científicas en galego no expositor e o taboleiro da entrada do centro, recompilando, ademais as nosas propostas nesta montaxe protagonizada por membros do Club de Ciencia. Esperamos que vos guste!


 

luns, 29 de novembro de 2021

ALMUDENA GRANDES

O pasado sábado falecía Almudena Grandes, autora de obras tan coñecidas como Las edades de Lulú, El corazón helado, Atlas de la geografía humana, Te llamaré viernes, Los besos del pan ou a serie Episodios de una guerra interminable, da que queda un derradeiro libro no tinteiro. Algunhas das súas novelas foron levadas con éxito ao cine como Malena es nombre de tango ou Los aires difíciles.

Fotografía: FDV

venres, 26 de novembro de 2021

25-N: FISTERRA EN NEGRO

Onte participamos, xunto cos outros centros educativos da vila, no acto convocado polo Concello de Fisterra con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O alumnado de 1º e 2º ESO portou unhas candeas por cada unha das mulleres asasinadas este ano, o alumnado de 3º ESO elaborou unha pancarta, e representantes do club de lectura de cada curso leron fragmentos de Senlleiras, Xela volveuse vampira, Invisibles e A afogada e un breve manifesto. No acto participou tamén o poeta Alexandre Nerium.

 
 
 
Recomendación de libros e películas sobre o tema.

mércores, 17 de novembro de 2021

DARÍO XOHÁN CABANA

O escritor, tradutor e académico Darío Xohán Cabana faleceu onte á noite aos 69 anos. Nado en Cospeito, na parroquia de Roás, foi un autor que explorou varios xéneros literarios, escribindo máis de 40 volumes. Entre as súas obras destacan as de carácter narrativo Galván en Saor, Fortunato de Trasmundi, O cervo na torre, entre outras, ou poemarios como Patria do mar ou Canta de cerca a morte. Escribiu tamén obras de carácter xuvenil como As aventuras de Breogán Folgueira ou As viaxes do Príncipe Azul, e traduciu ao galego grandes clásicos da literatura italiana. No ano 2006 entrou na Real Academia Galega ocupando a cadeira vacante producida polo pasamento de Manuel María.

Fotografía: Santos-Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

xoves, 11 de novembro de 2021

DÍA DAS LIBRERÍAS

Hoxe celébrase a undécima edición do Día das librerías, coa elección dunha data fixa: o 11 de novembro. Querendo recompensar o seu gran esforzo por seguir creando comunidades lectoras e manténdoas vivas, recuperamos o vídeo-homenaxe que realizamos o curso pasado.

luns, 25 de outubro de 2021

SAMAÍN

Achégase o Samaín!! Dende a biblioteca queremos celebralo con varias iniciativas: un concurso de curtametraxes de terror, unha sesión de contacontos na biblioteca e, por suposto, o noso recuncho de recomendacións lectoras á entrada do centro. Animádevos a participar!! Haberá premios!!


 

domingo, 24 de outubro de 2021

DÍA DAS BIBLIOTECAS

Feliz Día das Bibliotecas!! Nós xa empezamos a celebralo ao longo desta semana. O martes visitamos co alumnado de 1ºESO a Biblioteca Municipal de Fisterra, Casa do Arco, onde nos explicaron a súa organización e funcionamento e se nos falou das diferentes localizacións que tivo ao longo do tempo, ocasión que aproveitamos para conseguir o noso carné de lectores e lectoras.
O venres foi o momento de coñecer un pouco máis en profundidade a biblioteca do noso centro, e ese mesmo alumnado de nova incorporación participou nunha "procura do tesouro" por equipos na que demostrou todo o aprendido. Parabéns a todos e todas!!

Na Casa do Arco.

O equipo gañador.















  Máis imaxes

luns, 18 de outubro de 2021

DÍA DAS ESCRITORAS

O Día das Escritoras é unha conmemoración promovida pola Biblioteca Nacional de España xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. Comezou a celebrarse no ano 2016 o luns máis preto da festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro, e intenta poñer en valor o labor e legado das escritoras ao longo da historia.
Esta sexta edición conta co comisariado da poeta e filósofa Marifé Santiago Bolaños, quen elixiu o tema Ler as idades da  vida.
Deixámosvos esta montaxe coa lectura da nosa escolma de textos sobre o tema. Esperamos que vos guste!


sábado, 16 de outubro de 2021

OUTROS PREMIOS LITERARIOS

O escritor Xesús Fraga foi galardoado co Premio Nacional de Narrativa 2021 pola obra escrita en galego Virtudes (e misterios), elixida polo xurado "por amosar cunha prosa moi coidada, no fondo e na forma, a historia de dúas xeracións de mulleres valentes dunha familia en tempos hostís, e adentrarnos nun relato sobre a emigración galega en Inglaterra e América".
Nacido en Londres en 1971, estudou Xornalismo na Universidade de Salamanca e é redactor de La Voz de Galicia. Como escritor en lingua galega é autor, entre outros, do libro de relatos A-Z, a novela Solimán e Reo, de carácter xuvenil. Tamén é tradutor de varias obras ao galego e castelán.

Xesús Fraga.
 

Por outra banda, a novela La Bestia, vén de gañar o premio Planeta 2021. Escrita por tres autores, Antonio Mercero, Agustín Martínez e Jorge Díaz, baixo o pseudónimo de Carmen Mola, narra a historia dun xornalista, un policía e unha nena que tratarán de desvelar que se agocha tras unha onda de asasinatos a mozas humildes no Madrid de 1834, cidade en plena epidemia do cólera.
Estes tres escritores, baixo o mesmo pseudónimo, teñen tres novelas máis publicadas: La novia gitana, La red púrpura e La nena, todas elas protagonizadas pola inspectora Elena Blanco. 

venres, 8 de outubro de 2021

PREMIO NOBEL DE LITERATURA 2021

O premio foi concedido ao novelista tanzano Abdulrazak Gurnah polo seu compromiso ao presentar sen concesións os efectos do colonialismo .
Gurnah naceu en 1948 en Zanzíbar e foi ao Reino Unido como refuxiado a finais dos 60, pasando por Tanzania, xa que a revolución que seguiu á independencia colonial provocou unha violenta represión contra os cidadáns de orixe árabe coma el.
Gurnah foi, ata a súa recente xubilación, profesor de Literatura Inglesa e Postcolonial na Universidade de Kent.
Comezou a escribir aos 21 anos e publicou varios relatos e dez novelas, entre as que se atopan Paradise (1984), Desertion (2005) e By The Sea (2001).

venres, 1 de outubro de 2021

ANIVERSARIO DO VOTO FEMININO

Un día como hoxe hai 90 anos aprobábase nas Cortes o voto feminino en España. Para coñecer dun xeito ameno o proceso que culminou neste logro o día 1 de outubro de 1931, recomendámosvos o cómic Una mujer, un voto, escrito por Alicia Palmer e ilustrado por Montse Mazorriaga. Nas súas páxinas mestúranse mulleres anónimas, como as cigarreiras da Real Fábrica de Tabacos, con outras de recoñecido prestixio como Clara Campoamor, figura clave na loita polo sufraxio feminino.

Próximamente na nosa biblioteca!

sábado, 25 de setembro de 2021

MARÍA CANOSA PRESENTA O SEU LIBRO EN FISTERRA

Que mellor xeito de comezar o curso que coa presentación dun libro? O sábado 2 de outubro a escritora María Canosa presentará o seu libro Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, publicado con motivo da celebración do centenario do seu falecemento. O acto, organizado pola editorial Bululú, terá lugar no hotel Bela Fisterra ás 12.30. Como o aforo será limitado, enviámosvos unha nota para que confirmedes a vosa asistencia e poder, así, comunicarllo á organización. 

Animádevos a ir! Haberá sorpresa!!

Podedes atopalo na nosa biblioteca.

mércores, 15 de setembro de 2021

XA ESTAMOS DE VOLTA!

Con moita ilusión e ganas, coma sempre, empezamos un novo curso. Xa que parece que, aínda que a COVID segue aí, a situación mellorou con respecto ao curso pasado, as normas da biblioteca mudarán un pouco: xa non se asignará o uso da biblioteca nos recreos a un só curso cada día da semana e o material xa non se devolverá nas caixas que había nas aulas. Agora podedes vir á biblioteca calquera día da semana, iso si, respectando o aforo máximo permitido de 20 persoas, mantendo a distancia de seguridade establecida e hixienizando as mans ao entrar e saír.
Esperámosvos e agardamos que sexa un curso cargado de boas lecturas!!

xoves, 8 de xullo de 2021

GHUAIDELAI E AS SÚAS LECTURAS

Aínda que foi un ano complicado, nós non paramos de ler e ler. Deixámosvos nesta entrada traballos que xurdiron da lectura de varios libros nos diferentes grupos: Mentira, de Care Santos, no grupo de 2º; Memoria do silencio, de Eva Mejuto, no grupo de 4º; Candorcas e unicornios, de María Canosa, no grupo de 1º; e Guardianes de la noche, de Koyoharu Gotouge, no grupo de lectura manga.
Moitísimas grazas a todo o alumnado participante! Sen vós nada disto sería posible. Felices vacacións!!

 
 


 

 



luns, 28 de xuño de 2021

LENDO CON ORGULLO

Hoxe celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBI, conmemorándose que o 28 de xuño de 1969 se producían as revoltas de Stonewall en Nueva York, consideradas como o inicio da loita moderna contra a discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero. Por iso, coma sempre, nós recomendamos unha selección de lecturas que podedes atopar na nosa biblioteca. Esperamos que gocedes delas!

Se facedes clic nas portadas, teredes máis información sobre os libros.

martes, 22 de xuño de 2021

QUE SOE A MÚSICA!

Estes últimos dous días de curso a música non deixou de soar na nosa biblioteca. Onte a violinista Nuria Naya e a saxofonista Fátima Martínez analizaron o papel da muller no mundo da música ao longo da historia, interpretando diferentes pezas musicais. A última hora da mañá o alumnado de 3º e 4º gozou dun divertido obradoiro de regueifas impartido por Suso de Xornes e Bieito Lobariñas, cos que chegou a interpretar en grupos as súas propias composicións. E hoxe, para rematar, a nosa profesora de música destas últimas semanas, Estefanía Fernández, deleitounos cun marabilloso concerto de frauta traveseira. Que mellor xeito de despedir o curso!   

Nuria Naya e Fátima Martínez.

Ver máis imaxes.

luns, 21 de xuño de 2021

GHUAIDELAI REMATA O CURSO

Outro curso cheo de lecturas que remata! Para celebrar esta fin dun curso tan atípico e que supuxo un gran esforzo por parte de todos e todas nós, os diferentes grupos do club de lectura gozamos dunha comida xuntos no patio e despois participamos nunha representación de Ciencia Divertida, nun ano no que a ciencia foi tan, tan importante.
Moitas grazas a todos e todas por facer que Ghuaidelai siga adiante!

Máis imaxes

PREMIOS

Está a rematar o curso e chegou o momento de entregar os premios dos concursos organizados pola nosa biblioteca. Álex, Brais, Candela e Elisa recolleron hoxe os seus libros-agasallo dos que poderán gozar estas vacacións. Parabéns aos catro!


martes, 8 de xuño de 2021

DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS

E unha celebración máis, a do Día Mundial dos Océanos, que tamén nos invita á reflexión. Co lema O océano: vida e medio de subsistencia, preténdese concienciar sobre a conservación e utilización sostible dos océanos, os mares e os recursos mariños.
E cal é a nosa proposta esta vez? Un libro precioso que vén de publicarse nunha edición moi coidada, Nación Mar, escrito e ilustrado por Xosé Iglesias, do veciño concello de Cee.

Na nosa biblioteca!!


sábado, 5 de xuño de 2021

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

O 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente, un día para tomar conciencia do dano que estamos causando aos ecosistemas do noso planeta. Co lema "Reimaxina, recrea, restaura", inténtase animar a poboación mundial á súa restauración. Este ano a data marca un fito importante xa que arranca o Decenio da Restauración de Ecosistemas 2021-2030, no que se pretende abordar medidas para previr, deter e reverter a degradación dos ecosistemas en todos os continentes e océanos.
Nós, coma sempre, recomendamos lecturas, esta vez a de dous libros moi amenos sobre o tema.

Podedes atopalos na nosa biblioteca.

martes, 1 de xuño de 2021

NOVIDADES

Seguro que moitos e moitas de vós xa estades pensando nas lecturas para o verán. Achegádevos á biblioteca porque hai moitas novidades!

Algunhas das novidades da biblioteca.


luns, 17 de maio de 2021

LETRAS GALEGAS 2021

Xela Arias é a protagonista do Día das Letras Galegas 2021. Escritora, tradutora, editora e docente, deixounos poemas que son un reflexo da súa personalidade rebelde, inconformista e transgresora, poemas aos que o noso alumnado pon voz na seguinte montaxe.

 

Para dar a coñecer un pouco máis a súa figura, elaboramos tamén un díptico.

mércores, 12 de maio de 2021

EMILIA PARDO BAZÁN

Hai cen anos falecía en Madrid Emilia Pardo Bazán. Novelista, ensaísta, crítica literaria, periodista, catedrática, conferenciante... foi a autora de novelas tan coñecidas como Los Pazos de Ulloa, La madre naturaleza ou La Tribuna, entre outras. Pioneira polas súas ideas sobre os dereitos das mulleres e o feminismo, defendeu a integración das mulleres nas institucións educativas e culturais españolas.
O seguinte documental biográfico amósanos algúns aspectos relevantes da súa vida, e a Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura puxo en marcha o podcast Los lunes de Pardo Bazán (título que provén das tertulias que organizaba na súa casa en Madrid), no que durante seis episodios con formato de entrevista, diferentes especialistas falan sobre a súa obra e biografía.

Na nosa biblioteca!

venres, 7 de maio de 2021

HÉCTOR CAJARAVILLE

Hoxe o alumnado de 3º ESO tivo un agradable encontro por videoconferencia co escritor Héctor Cajaraville. Falou do proceso da escrita, do seu libro A caixiña dos rancores, facendo unha análise das cualidades da súa protagonista feminina e respondeu as preguntas que lle fixeron. Grazas Héctor!

sábado, 24 de abril de 2021

DÍA DO LIBRO

Chegou o Día do Libro e para celebralo estivemos toda a semana recomendando lecturas durante o recreo no noso "photocall literario" na biblioteca: narrativa, ciencia, manga, poesía... E para rematar, convidados pola Biblioteca Municipal de Fisterra Casa do Arco, visitamos un posto de libros no que puidemos elixir o noso agasallo. Moitas grazas!


 Ver imaxes Casa do Arco.

luns, 12 de abril de 2021

NOVIDADES MANGA

Para todas e todos os afeccionados ao manga, chegaron novos títulos á nosa biblioteca. Achegádevos a botarlles unha ollada!

Na nosa biblioteca!

venres, 26 de marzo de 2021

GHUAIDELAI REMATA O TRIMESTRE

Xa rematou un trimestre máis, cheo de lecturas. O grupo de 2º ESO leu Verdade, de Care Santos, fiel desde o primeiro trimestre á triloxía que ten a Éric como protagonista; o grupo de 4º leu O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, e os diferentes grupos de lectura manga gozaron de Guardianes de la noche 1, de Koyoharu Gotouge e El ratón de biblioteca 1, de Miya Kazuki. 

Algúns dos membros do club de lectura.

xoves, 25 de marzo de 2021

ROSALÍA: RITMO E POESÍA

Achégase a fin do trimestre e con ela a recolleita non só de cualificacións, senón tamén do tan desexado premio do Concurso de Interpretación de poemas de Rosalía de Castro. O grupo gañador é...  o alumnado de 4º ESO, que mesturou "as dúas Rosalías" nunha coreografía con música do tema Malamente e como letra o poema Nasin cand'as prantas nasen. Parabéns!!


 Máis imaxes.

domingo, 21 de marzo de 2021

MEDRE O MAR DA POESÍA

Este ano para celebrar o Día Mundial da Poesía decidimos espallar ao noso redor versos escritos por poetas de Fisterra. Se mentres dades un paseo queredes gozar dos poemas de Alexandre Nerium, Mónica Góñez, Modesto Fraga, Roberto X. Traba Velay ou Branca Vilela, fixádevos nos farois da Rúa do Voluntariado!
Parécenos, ademais, un bo día para dar a coñecer os gañadores e gañadora do Certame de Videopoemas pola Paz convocado no mes de xaneiro polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e a biblioteca: Candela Vázquez Martínez (4º ESO), Álex Mariño Ferrío (4º ESO) e Brais Lema Martínez (3º ESO). Parabéns aos tres! 

Espallando versos...

Un mundo sen fronteiras, por Candela Vázquez Martínez.

Paz, por Álex Mariño Ferrío.

A paz, por Brais Lema Martínez.


luns, 8 de marzo de 2021

DÍA DA MULLER

Neste día quixemos lembrar, como vén sendo habitual os últimos cursos, a esas mulleres que xogan ou xogaron un papel esencial nas nosas vidas cunha exposición fotográfica na entrada do centro.

mércores, 24 de febreiro de 2021

DÍA DE ROSALÍA

Como cada 24 de febreiro, coincidindo coa data do seu nacemento, no centro celebramos o Día de Rosalía, este ano de varios xeitos. Por unha banda, co agasallo dun poema seu a todo o alumnado e profesorado do centro. Por outra, seguindo a proposta da AELG de reivindicar a idea de Rosalía de Castro desde a música e o ritmo do poema, convocamos un concurso de coreografías baseadas nos seus poemas creadas por cada unha das clases. Quen será o grupo gañador?


sábado, 13 de febreiro de 2021

MELLOR LIBRO EDITADO

A obra de Miguelanxo Prado, O pacto do letargo. O tríscele roubado, editada por Kiko da Silva dende a editorial Retranca, foi galardoada onte co V Premio Paraugas ao Mellor Libro Editado nunha gala online con sede virtual en Expourense. Estes premios son outorgados polo Clúster da Comunicación de Galicia.

Pronto estará na nosa biblioteca!


sábado, 30 de xaneiro de 2021

DÍA DA PAZ

Este ano para celebrar o Día da Paz, convocamos, xunto co Departamento de Lingua e Literatura Galega, un concurso de Videopoemas pola Paz. Esperamos as vosas achegas!!

DÍA DA ILUSTRACIÓN

Hoxe, coincidindo co día de nacemento de Castelao, celébrase o Día da Ilustración. Nel se homenaxea cada ano un ilustrador ou ilustradora histórico galego e neste 2021 dedícase por vez primeira a unha muller: Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963). Artista multidisciplinar e profesora, en 1938 converteuse na primeira muller xunto con Carmen Corredoyra en formar parte da Real Academia Galega de Belas Artes.
Para coñecer a súa figura, deixámosvos un vídeo producido por AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración).

Unha boa ocasión para invitarvos a visitar as nosas seccións de álbum ilustrado e cómic!!