luns, 30 de xaneiro de 2017

DÍA DA PAZ

Un ano máis, e aínda que o mundo anda bastante revolto, chegou o Día da Paz. Como nós non perdemos a esperanza de conseguir un mundo mellor, alumnos e alumnas de todos os cursos quixeron compartir as reflexións que sobre este tema fixeron nas clases de Lingua Galega, Lingua Castelá, Francés e Inglés. O resultado está exposto no taboleiro da entrada do instituto.


 


E seguindo o lema das bibliotecas escolares deste curso (Biblioteca escolar. Territorio das Artes), elaboramos un díptico con cinco exemplos de diferentes disciplinas artísticas (pintura, escultura e fotografía) que, ao noso entender, representan moi ben o concepto de paz. Esperamos que vos guste a nosa selección!


martes, 17 de xaneiro de 2017

NÓS LEMOS EN GALEGO, E TI?

MARILAR ALEIXANDRE NA RAG

A bióloga e escritora ingresou o pasado 14 de xaneiro na Real Academia Galega, ocupando a cadeira que deixara baleira Xosé Neira Vilas.
É moi coñecida polas súas obras dirixidas ao público xuvenil como A expedición do Pacífico, A banda sen futuro, A vaca de Fisterra e a trabe de alcatrán, A cabeza de Medusa, O rescate do peneireiro, Unha presa de terra, ... todas elas na nosa biblioteca, pero tamén como escritora de poesía e narrativa para adultos.


Ten recibido numerosos premios como o Premio Merlín de literatura infantil, 1994, e o Premio da Crítica á creación literaria en galego, 1995, por A expedición do Pacífico; o Premio Rañolas, 1996, ao mellor libro infantil/xuvenil en galego por O Trasno de Alqueidón; o Premio Lazarillo, 1999, por A banda sen futuro; o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil, 2008, por A cabeza de medusa, ou o Premio Esquío de poesía en galego, 1998, por Catálogo de velenos.


No seu discurso de ingreso na RAG, Marilar Aleixandre reúne os trazos que definen a súa obra: a natureza, a reivindicación da xustiza social, da igualdade de xénero e do idioma galego. 

COUSAS

O día 30 deste mes de xaneiro cúmprense 131 anos do nacemento de Castelao. Que mellor xeito de conmemoralo que asistir a unha adaptación teatral da súa obra Cousas?


Os alumnos e alumnas de 3º e 4º desfrutaron o pasado xoves no Auditorio da Casa da Cultura de Cee da adaptación creada e interpretada polos integrantes de Os Quinquilláns, Lucho Penabade e Tero Rodríguez. 

MAXIA, MÚSICA... E POESÍA

Para celebrar o final da primeira avaliación, na biblioteca do centro tivo lugar un espectáculo de maxia e música con referencias á vida e obra do poeta Manuel María organizado pola ANPA: as ilusións de Martín Camiña e as composicións musicais do baixista Álvaro Muras.
Moitas grazas a ANPA por esta iniciativa!!