venres, 28 de febreiro de 2020

DÍA DE ROSALÍA: UN POEMA E UNHA FLOR

Aínda que este ano o día dedicado a Rosalía de Castro non estabamos no instituto, non nos esquecemos de conmemorar o 183 aniversario do seu nacemento. Como? Como xa informamos noutra entrada do blog, asistimos a un espectáculo de Caxoto contacontos organizado polo Concello de Fisterra, e ademais, o venres pasado participamos nun kahoot con preguntas sobre a súa figura elaborado polo ENDL e hoxe agasallamos cunha flor feita por nós e un poema de Rosalía ao profesorado e alumnado.

 

sábado, 22 de febreiro de 2020

MÚSICA E EVOLUCIÓN

Pablo Carpintero e Rosa Sánchez achegáronnos onte á música tradicional cun concerto didáctico no que descubrimos como algo tan diferente como noces, landras, bugallas, cornos de cabra, vinchas de ovella e incluso sachos ou tixolas!! poden converterse en instrumentos musicais. E é que, como explicou Pablo, a música e o son forman parte das nosas vidas dende o ventre materno...
Podedes ver imaxes e un vídeo-resumo do acto nos enlaces que están debaixo da foto.


luns, 17 de febreiro de 2020

DÍA DE ROSALÍA 2020

Hoxe asistimos no Salón de Actos do Concello de Fisterra ao espectáculo Unha noite no muíño, de Caxoto Contacontos, para celebrar que o vindeiro luns 24 será o día dedicado a Rosalía de Castro. Combinando música, poesía e narración oral, Felipe Díaz (Caxoto) fíxonos recordar versos de Rosalía de Castro, Manuel María e Celso Emilio Ferreiro, e a través de cantigas populares fixemos unha viaxe no tempo ata as festas dos nosos devanceiros... con baile incluído!!
Agradecemos ao Concello a organización desta actividade!

martes, 11 de febreiro de 2020

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O 11 de febreiro como Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia foi proclamado no 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coa fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas.

Cartel realizado por María del Álamo Ortega

Dende a biblioteca querémosvos propoñer varios libros que nos axudarán a coñecer os logros de diferentes mulleres científicas ao longo da historia: Mujeres de ciencia, de Rachel Ignotofsky; Las chicas son de ciencias, de Irene Cívico e Sergio Parra Castillo; Las astrónomas, chicas estrella, de Sara Gil Casanova; e Curie la atómica, de Esteban Rodriguez Serrano.
Esperamos que gocedes da súa lectura!!