mércores, 29 de xuño de 2016

VACACIÓNS....

Pois un curso máis que remata. Un máis da biblioteca e do club, e o primeiro deste blog. Pero non queremos despedirnos sen recordarvos que, quizá, é o momento agora de retomar esas lecturas voluntarias, que non tivemos tempo de realizar durante o curso escolar, agobiados polas lecturas obrigatorias, as actividades e os exames.
Recordarvos que podedes levar libros para o verán. So tedes que pasar pola biblioteca a buscalos (10:30-12:30).
A semana que vén andaremos por aquí.
Animádevos!!

martes, 7 de xuño de 2016

5 DE XUÑO, DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Esta data foi establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1972, coincidindo co primeiro cume mundial sobre medio ambiente, a Conferencia de Estocolmo sobre o Medio Ambiente Humano.
O tema de 2016 é a loita contra o comercio ilícito de fauna e flora silvestres, e o seu lema, Vólvete salvaxe pola vida (Go Wild for Life), anima a difundir a información sobre os delitos contra a natureza e o dano que fan.
Ban Ki-moon, secretario xeral da ONU, declarou: “Neste Día Mundial do Medio Ambiente, insto ás persoas e os gobernos de todo o mundo a que superen a indiferenza, combatan a cobiza e actúen para preservar o noso patrimonio natural en beneficio das xeracións presente e futuras”.
Mario Rodríguez, director de Greenpeace, fai unha selección de películas para fomentar o respecto e o amor pola natureza dende idades moi temperás, publicada en El País, que queremos compartir con vos. Entre elas hai tamén tres películas de animación e dous marabillosos documentais: La selva esmeralda (1985), El Olivo (2016), Avatar (2009), Ice Age (2002), Wall-E (2008), La Princesa Mononoke (1997), El viaje del emperador (2005) e Las Estaciones (2015).
Esperamos que disfrutedes con elas!!