sábado, 25 de novembro de 2017

POR TODAS AS MULLERES, ERGÁMONOS!!!

Este é o título do manifesto lido polos representantes dos catro cursos da ESO do noso centro nun acto convocado polo Concello de Fisterra con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Ao acto, que forma parte da campaña de sensibilización "En Negro contra as violencias", asistiu alumnado e profesorado dos centros educativos da localidade para reivindicar a igualdade e o respecto entre homes e mulleres, e facer visible o noso rexeitamento ante calquera tipo de violencia machista.

Cremos que nós podemos facer moito dende a nosa profesión porque, como dicía un fragmento do manifesto lido, debemos transmitir "Educación para facernos fortes. Educación para desfacer os prexuízos e estereotipos sobre as mulleres. Educación para adquirir conciencia crítica e saír da escola convencidas de que podemos facer que o mundo cambie. Educación para esixir os nosos dereitos e que se faga todo o necesario para que ningunha muller morra asasinada."

O manifesto incluía fragmentos dun poema de Victoria Ash traducido ao galego.






Mario, Mariña, Minia e Zaira, membros do Club de lectura e representantes de cada un dos cursos, ensaiando a lectura do manifesto.





Alumnas e alumnos de volta do acto organizado polo Concello.










luns, 13 de novembro de 2017

FRONTE Á SUPERSTICIÓN, CIENCIA!!!

Este é o lema do mural que fixemos para celebrar o mes de novembro como mes da ciencia e no que promocionamos tanto os recursos existentes na nosa biblioteca relacionados con este tema coma os que estarán nela proximamente.
Todos os anos dende 2014 unha científica ou un científico galegos redactan un manifesto no que reivindican a importancia da ciencia. Ángel Carracedo, Jorge Mira ou a arquitecta Isabel Aguirre de Urcola fixérono estes anos atrás e a matemática Peregrina Quintela Estévez, Premio "María Josefa Wonenburger Planells" 2016, foi a encargada de escribir o manifesto este ano 2017.



 A disfrutar da ciencia!!! 




mércores, 8 de novembro de 2017

PREMIO PARA LEDICIA COSTAS

Ledicia Costas resultou gañadora do Premio Lazarillo de Creación Literaria 2017 que concede a OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil e Xuvenil) coa novela Plumas e unicornios, que publicará Xerais. Á escritora xa lle fora concedido este premio no 2015 pola obra Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.

Plumas e unicornios está ambientada no Londres victoriano e ten unha marcada estética steampunk. Un dos seus personaxes principais é Ágata, unha humana mecánica, que co seu robot Tic-Tac emprende unha viaxe para salvarlle a vida ao máxico León, o seu grande amigo, sen saber que tras eles vai Jack o Destripador. Trátase dunha novela coral, onde o amor convive con sentimentos tan desgarradores como o odio ou a vinganza. 
Estamos desexando tela na nosa biblioteca!!! 

Fotografía: Ogalego.gal

Parabéns, Ledicia!!