venres, 29 de abril de 2016

SVETLANA ALEXIÉVICH

Esta entrada deberíamola ter escrito en outubro do ano pasado que foi cando se lle concedeu o Nóbel de literatura a esta autora ucraíno-bielorrusa, pero sacámola agora a colación debido a que o martes cumpriuse o trixésimo aniversario dun dos desastres nucleares máis importantes da historia da humanidade. E ven ao caso porque ata a concesión do premio, de Svetlana só existía unha obra traducida ao castelán; a que se titula xustamente "Voces de Chernóbil. Crónica del futuro" na que nos fala das consecuencias, pasadas e futuras, daquel feito lutuoso.
A singularidade desta escritora-periodista é que os seus libros son un conxunto de testimonios de personaxes anónimos e o protagonismo da obra, por tanto, é coral. Xustamente por entrevistar, recoller e transcribir conversacións, móstranos unha realidade vivida, sentida e sen artificios o que a fai moito máis cruda e dificil de dixerir.
Despois da concesión do Nóbel rapidamente apareceron outras obras traducidas dela como  "Los muchachos de zinc" (sobre a guerra de Afganistán) ou "La Guerra no tiene rostro de mujer" (sobre a II Guerra Mundial).
Se ben na biblioteca do centro non temos ningún dos seus libros si podemos acercarnos ao coñecemento do acontecido en Chernóbil dun xeito máis amable a partir da novela gráfica, "Chernobil. La zona". 



Xa so ler o prólogo de Alvaro Colomer titulado "El mundo sin nosotros" paga a pena (quen por certo fai unha defensa da concesión do premio Nobel a Svetlana nun artigo do xornal no que escribe).
Co mesmo titulo do cómic hai un documental realizado no 2015 con intencións educativas e culturais.

venres, 22 de abril de 2016

23 DE ABRIL. DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

Celébrase o día do libro o 23 de Abril porque, supostamente, dous grandes representantes das letras, Cervantes e Shakespeare, compartiron deceso nese día do ano 1616. En realidade non foi así; Cervantes morreu un dia antes, o 22, e Shakespeare si o fixo o 23 de Abril pero segundo o calendario Juliano (recordemos que o noso actual Calendario, o gregoriano, foi imposto polo Papa Gregorio XIII no ano 1582 e que Inglaterra non o adoptou de xeito oficial ata 1752) así que en realidade morreu o 3 de Maio. Sexa como for, a UNESCO decidiu declarar este día como o internacional do libro no ano 1995 (a pesar de que en España xa levaramos dende o ano 1930 celebrandoo).


Este ano, ademáis cumplense 400 anos do feito que commemoramos neste día. Dende a biblioteca do centro organizamos un concurso. Animádevos que algún premio caerá!!

 
Sorte ás persoas que participen!!

sábado, 16 de abril de 2016

O MUNDO SECRETO DE BASILIUS HOFFMAN. O LADRÓN DE SOÑOS.

Xa fai dous anos que, na visita do noso club de lectura "GHUAIDELAI" a Santiago de Compostela, mantiveramos un encontro con Fernando Cimadevila, autor do libro que imos ler a continuación no club, e contaranos cousas moi interesantes do seu libro e máis do mundillo editorial.


Aínda que houbo quen leu o libro xa para aquela ocasión, decidimos darlle unha nova volta agora. Deixámosvos o "book trailer" para irnos animando. Ah! E recordade que xa hai unha segunda e unha terceira parte do libro.



Seremos quen a introducirnos na nova era que se nos anuncia?

mércores, 13 de abril de 2016

NOVIDADES


Habitualmente temos á entrada do instituto un expositor coas novidades que imos mercando para a biblioteca. Onte cambiamos os libros así que esta é unha maneira de presentarvos algúns dos novos títulos cos que contamos. Hai un pouco de todo: de divulgación, de actualidade, de entretemento, de historia... Botádelle un ollo!.


Esperamos as vosas lecturas e peticións.

luns, 4 de abril de 2016

EL PRÍNCIPE DE LA NIEBLA


Como o curso pasado léramos "Marina" e en xeral nos gustara, decidimos este ano repetir de novo autor e sumerxirnos (quizá deberíamos dicir esvaecernos) noutra novela de Carlos Ruíz Zafón. Esta vez escollemos "El príncipe de la Niebla", un libro que mestura o misterio, a aventura e a fantasía xunto con outras cuestións como a amizade ou que é o que está disposto a facer cada quen para conseguir aquelo que desexa... Esperamos que nos guste o suficiente como para volver a repetir outro ano...