sábado, 28 de novembro de 2015

NEIRA VILAS

"Eu non sei se esvarío. Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo. Vexo sombras e luces, nubeiros que viaxan, lume, árbores. ¿Que é todo esto? Ninguén me di, poño por caso, pra que sirven as estrelas nin onde morren os paxaros. Sei de certo que moitísimos anos antes de nacer eu xa había sol e penedos e fuxía a auga polo río. E estou seguro de que todo seguirá igoal dempois de que eu morra."
Memorias dun neno labrego. Ediciós do Castro. 1981


PS. Balbino sería un rapaz de aldea, máis non era un ninguén....

mércores, 25 de novembro de 2015

25 DE NOVEMBRO

Hoxe é un deses días dos que nos gustaría non ter que facer referencia algunha... pero os datos aí están e sinalan unha cruel realidade da que non podemos nin queremos evadirnos. É o día internacional da eliminación da violencia contra a muller. Coma sempre, dende a biblioteca, suxerímosvos algunhas lecturas.... Ogallá veñan acompañadas dunha boa reflexión!!

martes, 24 de novembro de 2015

MARCOS CALVEIRO PREMIADO

O martes 17 de novembro fíxose entrega do IX Premio de Narrativa Breve Repsol ao escritor e avogado Marcos Calveiro, pola súa obra Fontán. Na convocatoria deste certame participan a Fundación Repsol, a Consellería de Cultura e Educación -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística-, a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. A obra gañadora, Fontán, é unha novela biográfica de fondo histórico que ten como protagonista a Domingo Fontán (1788-1866), catedrático de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e autor da que se considera a primeira carta xeométrica de Galicia, e nela relátanse con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega apenas coñecidos. O seu autor, Marcos Calveiro, comezou a súa carreira literaria creando obras dedicadas á literatura infantil e xuvenil, escribindo principalmente en galego. Neste campo recibiu numerosos premios como o Ala Delta, o Barco de Vapor ou o Lazarillo. Tamén publicou obras no campo da poesía e o ensaio e en 2008 publicou a súa primeira novela dirixida ao público adulto, Festina Lente, recoñecida co Premio da Crítica de Narrativa Galega. Na nosa biblioteca temos exemplares dalgunhas das súas obras, como O pintor do sombreiro de malvas, Centauros do Norte e Palabras de auga, todos eles na sección de literatura xuvenil en galego. Animádevos a levalos!!

venres, 20 de novembro de 2015

TRASMALLOS DE CULTURA

O día 27 de outubro visitounos Suso Bahamonde, poeta e narrador, ex-membro do Batallón literario da Costa da Morte. Reuniuse cos alumnos e alumnas de 1º da ESO na biblioteca, onde lles falou da súa obra e levou a cabo un obradoiro de narración e poesía. En pequenos grupos traballaron cunha viñeta, poñéndolle texto; elaboraron un final alternativo para un dos seus relatos curtos; reordenaron un dos seus poemas e, finalmente, entre todos escribiron un poema, aportando cada quen as súas ideas e asesorados por Suso. Este poema introducirase nunha botella xunto co e-mail do centro e botarase ao mar nada máis e nada menos que... no Gran Sol!!! Onde chegará o noso poema? Quen o lerá? Esperamos ter resposta algún día...



O noso agradecemento ao Concello de Fisterra polo seu programa Trasmallos de Cultura, do que forma parte esta actividade.