martes, 24 de novembro de 2015

MARCOS CALVEIRO PREMIADO

O martes 17 de novembro fíxose entrega do IX Premio de Narrativa Breve Repsol ao escritor e avogado Marcos Calveiro, pola súa obra Fontán. Na convocatoria deste certame participan a Fundación Repsol, a Consellería de Cultura e Educación -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística-, a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. A obra gañadora, Fontán, é unha novela biográfica de fondo histórico que ten como protagonista a Domingo Fontán (1788-1866), catedrático de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e autor da que se considera a primeira carta xeométrica de Galicia, e nela relátanse con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega apenas coñecidos. O seu autor, Marcos Calveiro, comezou a súa carreira literaria creando obras dedicadas á literatura infantil e xuvenil, escribindo principalmente en galego. Neste campo recibiu numerosos premios como o Ala Delta, o Barco de Vapor ou o Lazarillo. Tamén publicou obras no campo da poesía e o ensaio e en 2008 publicou a súa primeira novela dirixida ao público adulto, Festina Lente, recoñecida co Premio da Crítica de Narrativa Galega. Na nosa biblioteca temos exemplares dalgunhas das súas obras, como O pintor do sombreiro de malvas, Centauros do Norte e Palabras de auga, todos eles na sección de literatura xuvenil en galego. Animádevos a levalos!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario