mércores, 30 de novembro de 2016

PREMIO CERVANTES 2016

Eduardo Mendoza é o gañador do Premio Cervantes 2016, o máximo galardón das letras españolas. O denominado "Nobel das letras en castelán", creado en 1975, recoñece a traxectoria dun escritor que co conxunto da súa obra tivera contribuido a enriquecer o legado literario hispano.

Mendoza, nacido en Barcelona en 1943, é o autor, entre outras, de novelas como La verdad sobre el caso Savolta (1975), Sin noticias de Gurb (1991), El misterio de la cripta embrujada (1978) e La isla inaudita (1989), todas elas na nosa biblioteca.


Parabéns!!

luns, 28 de novembro de 2016

NON HAI FLORES NO CAMIÑO DA VIOLENCIA MACHISTA

Non quixemos, dende o centro, pasar por alto o día internacional da eliminación da violencia contra a muller.


Cun sinxelo acto á porta de entrada do instituto, ao pé dun cartaz con letras de cor verde (non queremos perder a esperanza), recordamos ás mulleres que, no que levamos de ano, perderon a vida a man das súas parellas ou ex-parellas, cada unha delas representada cunha carauta branca.
Lemos tamén un manifesto que é o que lle dá nome ao título desta entrada. 

domingo, 20 de novembro de 2016

DÍA UNIVERSAL DO NENO

Hoxe conmemórase o Día Universal do Neno, recordando a data da aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno, o día 20 de novembro de 1989, de cumprimento obrigatorio para todos os países que a firmaron. Trinta anos antes, en 1959, a ONU xa aprobara unha Declaración dos Dereitos do Neno que incluía 10 principios, pero que legalmente non tiña carácter obrigatorio.

Para celebralo, dende a biblioteca recomendámosvos dous libros que tratan este tema con dous formatos distintos.

Por unha banda están as viñetas que Quino elabora a petición de Unicef, nas que Mafalda reivindica os dereitos do neno e que están expostas no taboleiro da entrada do centro.

Por outra, o libro Os dereitos da infancia, no que o ilustrador Emilio Urberuaga e dez autores, entre os que se atopa o noso admirado Agustín Fernández Paz, nos ofrecen dez contos en relación con cada un dos principios contemplados na Convención dos Dereitos do Neno.




Desfrutade deles!!

domingo, 13 de novembro de 2016

DESPEDIDAS

Esta semana deixáronnos dúas persoas relacionadas co mundo das letras: Leonard Cohen e Francisco Nieva.

Leonard Cohen, nacido en Montreal, Québec, Canadá en 1934, foi poeta, novelista e cantautor.
Comezou a súa carreira profesional como autor de poesía e ficción e non foi ata finais dos anos sesenta cando se adicou á música.
A súa obra literaria estivo influenciada por autores como William Butler Yeats, Walt Whitman, Federico García Lorca e Henry Miller.
En 2011 foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias das Letras. No seu discurso ao recibir o premio, Cohen fixo referencia á influencia española na súa obra.
Como músico, as súas composicións xiran arredor de temas como a relixión, a política, o illamento e as relacións persoais.
Grazas por cancións tan fermosas como Suzanne, Dance Me to the End of Love, Take This Waltz ou Hallelujah.



Francisco Nieva, nacido en Valdepeñas, Ciudad Real, en 1924, foi dramaturgo, escenógrafo, narrador, ensaísta, debuxante, académico da Real Academia Española dende 1990 e colaborador de diversas publicacións periódicas.
Pola súa produción teatral outorgáronselle varios premios como o Premio Nacional de Teatro en dúas ocasións (1980 e 1992), o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Literatura Dramática e o Premio Valle-Inclán (2011). Pola súa produción literaria en xeral foille concedido o Premio Príncipe de Asturias das Letras en 1992.