sábado, 28 de novembro de 2015

NEIRA VILAS

"Eu non sei se esvarío. Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo. Vexo sombras e luces, nubeiros que viaxan, lume, árbores. ¿Que é todo esto? Ninguén me di, poño por caso, pra que sirven as estrelas nin onde morren os paxaros. Sei de certo que moitísimos anos antes de nacer eu xa había sol e penedos e fuxía a auga polo río. E estou seguro de que todo seguirá igoal dempois de que eu morra."
Memorias dun neno labrego. Ediciós do Castro. 1981


PS. Balbino sería un rapaz de aldea, máis non era un ninguén....

mércores, 25 de novembro de 2015

25 DE NOVEMBRO

Hoxe é un deses días dos que nos gustaría non ter que facer referencia algunha... pero os datos aí están e sinalan unha cruel realidade da que non podemos nin queremos evadirnos. É o día internacional da eliminación da violencia contra a muller. Coma sempre, dende a biblioteca, suxerímosvos algunhas lecturas.... Ogallá veñan acompañadas dunha boa reflexión!!

martes, 24 de novembro de 2015

MARCOS CALVEIRO PREMIADO

O martes 17 de novembro fíxose entrega do IX Premio de Narrativa Breve Repsol ao escritor e avogado Marcos Calveiro, pola súa obra Fontán. Na convocatoria deste certame participan a Fundación Repsol, a Consellería de Cultura e Educación -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística-, a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. A obra gañadora, Fontán, é unha novela biográfica de fondo histórico que ten como protagonista a Domingo Fontán (1788-1866), catedrático de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e autor da que se considera a primeira carta xeométrica de Galicia, e nela relátanse con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega apenas coñecidos. O seu autor, Marcos Calveiro, comezou a súa carreira literaria creando obras dedicadas á literatura infantil e xuvenil, escribindo principalmente en galego. Neste campo recibiu numerosos premios como o Ala Delta, o Barco de Vapor ou o Lazarillo. Tamén publicou obras no campo da poesía e o ensaio e en 2008 publicou a súa primeira novela dirixida ao público adulto, Festina Lente, recoñecida co Premio da Crítica de Narrativa Galega. Na nosa biblioteca temos exemplares dalgunhas das súas obras, como O pintor do sombreiro de malvas, Centauros do Norte e Palabras de auga, todos eles na sección de literatura xuvenil en galego. Animádevos a levalos!!

venres, 20 de novembro de 2015

TRASMALLOS DE CULTURA

O día 27 de outubro visitounos Suso Bahamonde, poeta e narrador, ex-membro do Batallón literario da Costa da Morte. Reuniuse cos alumnos e alumnas de 1º da ESO na biblioteca, onde lles falou da súa obra e levou a cabo un obradoiro de narración e poesía. En pequenos grupos traballaron cunha viñeta, poñéndolle texto; elaboraron un final alternativo para un dos seus relatos curtos; reordenaron un dos seus poemas e, finalmente, entre todos escribiron un poema, aportando cada quen as súas ideas e asesorados por Suso. Este poema introducirase nunha botella xunto co e-mail do centro e botarase ao mar nada máis e nada menos que... no Gran Sol!!! Onde chegará o noso poema? Quen o lerá? Esperamos ter resposta algún día...



O noso agradecemento ao Concello de Fisterra polo seu programa Trasmallos de Cultura, do que forma parte esta actividade.

xoves, 29 de outubro de 2015

LA EVOLUCIÓN DE CALPURNIA TATE

O club de lectura do centro, "GHUAIDELAI", comezou o novo curso o 19 de outubro no seu horario habitual ao mediodía. Apuntouse moita xente aínda que o cansanzo puido con gran parte do alumnado que participou na viaxe a San Cugat del Vallés polo II Encontro sobre Aprendizaxe e Servizo solidario. A primeira lectura proposta este ano foi "La evolución de Calpurnia Tate" de Jacqueline Kelly. Pois iso, a ver se evolucionamos axeitadamente nas nosas lecturas e máis no club. Simplemente recordarvos que, por ser este luns festivo, a reunión adiouse para o día 9 de Novembro. Podemos aproveitar esta longa fin de semana para ler!

venres, 16 de outubro de 2015

LENDO... DE MEDO

En breve cambiaremos a hora e as noites faránse cada vez máis e máis longas. E que mellor que unha boa lectura para nos entreter? Deixámosvos algunhas recomendacións de misterio ou terror agora que se vai achegando o samaín. E é que lendo podémolo pasar de medo!!

luns, 5 de outubro de 2015

RECOMENDACIÓNS PARA AS FAMILIAS

Aproveitando a visita dos pais e nais pola reunión de principio de curso elaborouse un díptico coa idea de facer algunhas suxestións de lecturas para guiarnos por o mundo, xa case esquecido por todos nós, da adolescencia. Na biblioteca contamos con máis. Preguntade sen medo!


xoves, 1 de outubro de 2015

MOCHILAS VIAXEIRAS

A biblioteca do centro quere poder achegarse a todas as familias que o desexen. Para isto contamos con dúas opcións. Unha primeira é que as propias nais ou pais se fagan socias e desta maneira poidan retirar libros (se non vos podedes achegar á biblioteca basta con que llo digades aos vosos fillos ou fillas para que vos inscriban; darásevos de alta, un número de socio ou socia e xa poderedes contar co préstamo coas mesmas condicións que ao resto do alumnado e profesorado; é dicir, por 15 días renovables) ou ben que solicitedes as Mochilas Viaxeiras. Neste caso o profesorado encargado da biblioteca ofreceránvos un determinado número de exemplares de lecturas apropiadas para toda a familia nunha mochila que vos levarán a casa (o alumnado, non o profesorado, claro) Neste caso o préstamo amplíase ata un mes.
Nun ou noutro caso precisamos a vosa colaboración. Podedes buscar na páxina web da biblioteca do centro aqueles títulos que vos interesen. Para isto colgamos o enlace á páxina e, ademais, un titorial que explica como podemos coñecer os libros concretos que existen na biblioteca buscando por títulos, autores, temas... Esperamos as vosas peticións!!

http://www.opacmeiga.rbgalicia.org/

martes, 22 de setembro de 2015

"GHUAIDELAI"

É o nome que, no seu día lle puxemos ao club de lectura do IES. As linguas, xa sabemos, están vivas, evolucionan e, a miúdo, introdúcense novos términos... como este préstamo lingüistico de orixe incerto. Con este xa son cinco os cursos que o club leva en funcionamento e o número de integrantes entre alumnado e profesorado varia cos anos pero podemos dicir, en xeral, que estamos contentas coa súa marcha. Ás veces resulta complicado conseguir exemplares dunha determinada lectura para todo o grupo pero, grazas ao préstamo intercentros, ímolos conseguindo. Reunímonos cada quince días e compartimos ademáis dun momento de asueto na comida (dende aquí queremos agradecer a Sara que manteña aberta ao mediodía a cafetería do centro para darnos acubillo), as impresións da nosa lectura e acompañámolas de informacións, música ou anacos de película que estas nos suxiren. Convidamos a todo o alumnado a participar e, tendo en conta que é unha actividade voluntaria, non está dando mal resultado... E é que ao fin e o cabo ler e "Ghuai".

martes, 15 de setembro de 2015

BIBLIOESTREMONÍAS

Este é o nome que eliximos para o blog da biblioteca do IES Fin do Camiño de Fisterra que agora inicia a súa andaina. Por que este nome? Como todos sabemos (ou non?) estremonía utilízase moi habitualmente como sinónimo de extravagancia en certos lugares como este no que estamos, Fisterra. Ademáis é unha palabra que aparece clasificada como non estándar no dicionario co significado de "ademán raro e extravagante. Trasnada". Ler libros, hoxe en día, case se converteu nunha anomalía fronte ao gran poder visual da televisión ou dos videoxogos aínda que, curiosamente, lemos máis que nunca (ou acaso non estamos enganchados ás aplicacións de mensaxería e ás redes sociais?). Pois iso, como nos gusta ler, abrimos este caderno de bitácora donde colgaremos novas relacionadas coa biblioteca e co club de lectura; pero deste falaremos outro día. Tamaña idea, non?