venres, 26 de outubro de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA

O mércores 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. E que mellor xeito de sumarnos a esta conmemoración que dando a coñecer a do noso centro? Por iso, unha representación de todos os grupos do noso club de lectura puxo voz a unha guía na que se explica que podemos facer nela, o material que alí se atopa, como está colocado, o funcionamento do servizo de préstamo... Con parte desas imaxes tamén fixemos un mural-guía para o taboleiro de entrada ao centro.
Velaquí o noso traballo!! Esperamos que vos guste!!



mércores, 24 de outubro de 2018

PREMIOS

A semana pasada coñeciamos os nomes do gañador e da finalista do Premio Planeta 2018, ámbolos dous con novelas coas mulleres como protagonistas. O gañador foi o escritor valenciano de novela histórica Santiago Posteguillo pola súa obra Yo, Julia, protagonizada por Julia Domna, muller do emperador romano Septimio Severo. Ayanta Barilli resultou finalista por Un mar violeta oscuro, historia de loita, superación e supervivencia de catro xeracións de mulleres dunha mesma familia..
Por outra banda, onte otorgouse o Premio Nacional de Narrativa á escritora Almudena Grandes pola súa novela Los pacientes del doctor García, a cuarta do seu ciclo sobre a Guerra Civil e o franquismo, ambientada nos anos corenta.
                             
Santiago Posteguillo
Ayanta Barilli
Almudena Grandes

xoves, 18 de outubro de 2018

GHUAIDELAI COMEZA DE NOVO

Xa está aquí outro curso máis que esperamos estea cargadiño de actividades para o noso club de lectura. O xoves da semana pasada comezou o grupo de 1º e 2º, hoxe estreouse o noso club manga, mentres que o luns será o turno do grupo de 3º e 4º.
As lecturas elixidas para comezar esta nova andaina son O segredo da vella librería, de Xabier López López, para 1º e 2º; The Promised Neverland, de Kiau Shirai e Posuka Demizu, para o club manga; e O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, para 3º e 4º.
A gozar coa lectura!!




xoves, 11 de outubro de 2018

COÑECENDO A NOSA BIBLIOTECA

Como todos os anos, a principio de curso lévase a cabo na biblioteca unha actividade deseñada para que o alumnado de 1º ESO se familiarice con ela. Despois dunha explicación sobre a disposición dos fondos, o servizo de préstamo, o uso dos ordenadores... tivo lugar, en equipos, un xogo de pistas na procura do tesouro.
Velaquí tedes unhas imaxes da actividade e do equipo gañador.





Seguindo as pistas na procura do tesouro.





O equipo gañador: Adriana, Arauna,
Aida e Damián.

martes, 2 de outubro de 2018

O MES QUE ANDAMOS

Inauguramos nova sección no taboleiro que hai na entrada da biblioteca. Cada mes colocaremos un calendario coas efemérides máis relevantes do mundo da literatura e a cultura en xeral. Tamén teredes información máis detallada dalgúns dos escritores e escritoras mencionados nel e refráns relacionados co mes en cuestión. Esperamos que vos guste!!