venres, 31 de xaneiro de 2020

CONCEPCIÓN ARENAL

Tal día como hoxe, hai 200 anos, nacía en Ferrol Concepción Arenal. Foi unha importante escritora realista, xornalista, socióloga, pedagoga e ensaísta vencellada ao pioneiro movemento feminista de finais do século XIX, reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.
Para celebrar este bicentenario Nórdica Libros vén de publicar unha edición da súa obra La mujer del porvenir que inclúe tamén o ensaio La mujer de su casa, ilustrada por Antonia Santolaya, que xa podedes atopar na nosa biblioteca.
Ademais, animámosvos a ver este breve documental no que se nos presentan algúns rasgos do seu pensamento.

xoves, 30 de xaneiro de 2020

DÍA DA ILUSTRACIÓN

O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. O protagonista deste ano é Cándido Fernández Mazas.

Cartel realizado pola ilustradora Xulia Pisón.

DÍA DA PAZ

Esta semana celebrábanse o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, o luns 27, e o Día da Paz, hoxe 30. Por iso realizamos un mural con haikus pola paz feitos polo alumnado en galego, castelán, e inglés, exposto no taboleiro de entrada e, ademais, recuperamos unha montaxe audiovisual protagonizada por alumnado do club de lectura na que propón libros e películas que, de seguro, nos invitarán á reflexión.
Esperamos que vos guste!!


martes, 28 de xaneiro de 2020

MOLÉCULAS EN ACCIÓN

Hoxe, dentro do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, tivo lugar na biblioteca unha charla titulada “Moléculas en acción” a cargo do Catedrático de Química Física da USC José Ramón Leis Fidalgo. A ela acudiu o alumnado de 3º e o da opción científica de 4º da ESO. A charla contou con varias demostracións en vivo e vídeos de reaccións químicas, salientando a importancia dos materiais e as súas aplicacións na evolución da humanidade. Presentáronse, ademais, algúns dos chamados materiais intelixentes e o alumnado puido manipulalos.