sábado, 30 de abril de 2022

ENCONTRO CON ANDREA MACEIRAS

Rematamos o "mes do libro" coa visita de Andrea Maceiras, recente gañadora do XIX Premio Anaya de Literatura Infantil e Xuvenil, que nos acompañou nunha marabillosa viaxe pola Amazonia co seu libro A folla azul, lido polo alumnado de 1º ESO.
Moitas grazas, Andrea, pola túa visita!!

Andrea Maceiras co alumnado de 1º ESO.

Ver imaxes

luns, 25 de abril de 2022

ENCONTRO CON ROCÍO LEIRA

E continuamos co "mes do libro"! O alumnado do Club de lectura gozou hoxe da agradable visita de Rocío Leira, autora de A afogada, novela lida durante a segunda avaliación. Falounos da súa traxectoria como escritora, do proceso da escrita e compartimos con ela a análise dos diferentes personaxes e dos temas que aparecen no libro: as persoas con altas capacidades, o maltrato...

Moitas grazas, Rocío!! 

O alumnado do Club de lectura con Rocío Leira

sábado, 23 de abril de 2022

DÍA DO LIBRO

Xa é o Día do libro!! Que mellor xeito de celebralo que recomendando lecturas? Esta semana estivemos posando coas nosas suxestións no "photocall literario" da biblioteca: narrativa, ciencia, manga, poesía, cómic... E o resultado é a seguinte montaxe. Esperamos que vos guste!!


venres, 22 de abril de 2022

PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2022

Hoxe publicábase a resolución pola que se recoñece á escritora Antía Yáñez Rodríguez co Premio dos Clubs de Lectura 2022. É autora de libros lidos por nós como O misterio de Portomarín, O misterio do torque de Burela, Senlleiras ou Plan de rescate, e tivemos o pracer de recibir a súa visita en maio de 2018.
Parabéns, Antía!!

Antía Yáñez na nosa biblioteca en maio de 2018.

Este premio inaugurouse no 2015 e outórgaselle aos escritores e escritoras que encabezan a lista dos máis lidos polos Clubs de lectura, que estean vivos e sen que poidan repetir galardón. Os outros gañadores e gañadoras das pasadas edicións foron Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro (2018), María Reimóndez (2019), Andrea Maceiras (2020) e Eva Mejuto (2021).

xoves, 7 de abril de 2022

A CASA XUNTO AO VOLCÁN

Hoxe o alumnado de 3º e 4º ESO asistiu no IES Agra de Raíces a un encontro co profesor de Filosofía e escritor Xosé Ricardo Losada, autor da novela A casa xunto ao volcán, lida polos membros do noso club de lectura durante a primeira avaliación. 

Este foi o primeiro dos varios encontros que este "mes do libro" terá o noso alumnado con autores e autoras. 

O alumnado do Club de lectura con Xosé Ricardo Losada.