mércores, 4 de outubro de 2017

PREMIOS

Antonio García Teijeiro acaba de obter o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2017 pola súa obra Poemar o mar, escrita en galego e ilustrada por Xan López Domínguez. A obra forma parte dunha triloxía co mar como protagonista, á que tamén pertencen En la cuna del mar e Palabras do mar.

Nunha entrevista concedida á cadena SER, o escritor afirma que "este premio serve para reivindicar que a poesía pode gustar aos nenos”.

Tamén é autor de Os nosos versos, A poesía necesaria, Contos e poemas para un mes calquera (xunto a Jordi Sierra i Fabra), O que ven os ollos dos nenos e Fantasía en Re Maior, libros que podedes atopar na nosa biblioteca.




Por outra banda, hoxe dábase a coñecer o gañador do XI Premio de Narrativa Breve Repsol, que promoven conxuntamente a Consellería de Cultura, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Fundación Repsol: o escritor, profesor e xornalista compostelán Xosé Antonio Neira Cruz pola súa obra O soño das sereas, novela de intriga e misterio.

Xosé Antonio Neira Cruz é considerado un dos escritores de referencia na literatura infantil e xuvenil escrita en galego, autor de obras como Valdemuller, Gatos e leóns, O armiño dorme ou As cousas claras, todos eles na nosa biblioteca.



 Parabéns aos dous!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario