mércores, 2 de abril de 2025

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Coma outros anos, o IBBY conmemora o Día do Libro Infantil e Xuvenil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen, como xeito de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos e novas.

Cada ano unha sección nacional do IBBY é a patrocinadora da conmemoración, seleccionando un escritor ou escritora representativos e un recoñecido ilustrador ou ilustradora do seu país para que elaboren a mensaxe e o cartel dirixidos a todos os nenos e nenas do mundo. Países Baixos é o encargado no 2025. O tema é "A liberdade da imaxinación" e o lema é a última frase do poema Linguaxe visual, da escritora Rian Visser e a ilustradora Janneke Ipenburg: "Son túas estas palabras que saíron da miña boca".

venres, 21 de marzo de 2025

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Este ano dedicamos o Día da Poesía a cinco poetas de Fisterra. O alumnado do Club de lectura converteu a rúa que leva ao noso centro nun Paseo da Poesía, colgando nos postes e farois poemas de poetas fisterráns, despois de pedir permiso ao Concello para facelo. 
Na entrada do centro expuxemos poemas seus acompañados dunhas breves biografías, así como poemarios de escritores e escritoras da Costa da Morte que podedes atopar na nosa biblioteca, cos que tamén elaboramos un díptico.
 
Medre o mar da poesía! 







martes, 18 de marzo de 2025

AMORODIO TEATRO: "A NAI"

Onte o alumnado de 3º e 4º ESO asistiu no Auditorio da Casa da Cultura de Cee á representación da obra "A Nai", de Amorodio Teatro. Entrelazando presente e pasado, a obra recorda a historia das irmás Touza, que, dende Ribadavia, formaban parte dunha rede clandestina que axudaba a persoas fuxidas do réxime nazi a acadar a liberdade, achegándoas á fronteira con Portugal.
 
As irmás Touza son tamén as protagonistas de Memoria do silencio, de Eva Mejuto, libro que veñen de ler as alumnas do grupo de 3º do Club de lectura.
 
O alumnado coas actrices e o actor da obra.
 

domingo, 16 de marzo de 2025

EMPRENDEMENTO DA MULLER NO RURAL

O venres 14 de marzo visitounos María, da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, que tivo un encontro na biblioteca co alumnado de 3º e 4ºESO enmarcado no proxecto educativo "Dá o paso, emprende no rural". 
No obradoiro falounos de conceptos como oferta, demanda, valor engadido..., das cualidades que debería ter unha persoa emprendedora e doutros proxectos de emprendemento no rural como Eferro, Naturavia ou Orballo. Finalmente, o alumnado, en pequenos grupos, reflexionou sobre o tipo de proxecto que tería éxito no seu propio entorno rural.
 
 
 

sábado, 8 de marzo de 2025

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

No centro conmemoramos o Día Internacional da Muller con varias actividades. 
 
Inauguramos a exposición As mulleres da nosa vida, con fotografías proporcionadas polo alumnado; editamos e proxectamos un vídeo-homenaxe ás mulleres de Fisterra; o alumnado de 1º ESO leu os seus manifestos con oito razóns polas que conmemorar o 8 de marzo, previamente traballados na materia Lingua Castelá e Literatura; o alumnado de 2º, 3º e 4º ESO realizou carteis con información sobre mulleres famosas de países de fala inglesa na materia Lingua Estranxeira - Inglés; e fixemos unha exposición e un tríptico con fondos da biblioteca relacionados co tema.
 
Grazas a todas as persoas que colaboraron na conmemoración deste día no noso centro!
 
 


Alumnado de 1º ESO cos seus manifestos.


As nosas propostas dende a biblioteca.


Parte dos carteis elaborados polo alumnado na materia LE-Inglés.


Traballo do alumnado de 1º ESO en LCL.

mércores, 26 de febreiro de 2025

DÍA DE ROSALÍA

O luns 24 celebramos o Día de Rosalía con varias actividades. Seguindo a proposta da AELG, elaboramos o cartel-mural "Día de Rosalía: Saúde e Terra!" cunha selección de poemas recollidos polo alumnado nos que se mencionan lugares rosalianos. Durante o recreo puidemos escoitar a través do sistema de megafonía do centro un recital poético protagonizado polo alumnado e profesorado, e repartimos poemas de Rosalía e chapas realizadas por alumnas do Club de lectura e Voluntarias da biblioteca coa colaboración do Departamento de EPVA. Nos recreos do resto da semana escoitamos pola megafonía versións cantadas por Uxía de poemas de Rosalía. E, por último, na reunión do Club de lectura dese mediodía, adicamos parte do tempo ao recitado de poemas.  
 
 


venres, 14 de febreiro de 2025

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia foi proclamado no 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coa fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas.
Dende a biblioteca elaboramos o Kahoot "Mulleres científicas", no que invitamos a participar a todo o alumnado, e propuxémosvos, por medio dunha exposición, varios libros e películas que nos axudarán a coñecer os logros de diferentes mulleres científicas ao longo da historia. 

Esperamos que gocedes da súa lectura!