xoves, 28 de novembro de 2024

QUE NON TE LÍEN, TI ELIXES

Hoxe tivo lugar na biblioteca unha charla, organizada polo Departamento de Orientación, dirixida ao alumnado de 3º e 4º ESO, enmarcada no programa educativo "Que non te líen, ti elixes", co que se pretende fomentar o rexeitamento de estereotipos de xénero e prexuízos na elección de itinerarios formativos e profesións con pouca representación feminina. Visitáronos a Secretaria Xeral de FEARMAGA e unha profesional do sector da madeira.


mércores, 13 de novembro de 2024

PUÑOS DE HARINA

O alumnado de 3º e 4º ESO asistiu hoxe á representación teatral "Puños de harina" no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo. 

A obra, escrita e interpretada por Jesús Torres, de El Aedo Teatro, preséntanos dúas historias en forma de monólogo: a historia real de Rukeli, boxeador alemán e xitano que viviu na época da Alemania nazi, e a historia de Saúl, un mozo xitano na España rural dos anos oitenta na procura da súa identidade.

É unha obra que reflexiona sobre o racismo, a homofobia, a violencia e a masculinidade, merecedora de numerosos recoñecementos como o Premio Teatro 2019 Autor Exprés pola Fundación SGAE, Finalista a Premios Max 2021, Premio Nazario 2020 polo Festival Europeo do Sur Cultura con Orgullo.

Grazas ao Concello de Vimianzo pola súa invitación!
 
 

sábado, 2 de novembro de 2024

OS NENOS DA VARÍOLA

O pasado mércores 30 de outubro o alumnado do centro realizou unha ruta guiada pola Coruña que o levou tras os pasos da Real Expedición Filantrópica da Vacina, fito científico relatado nos libros Os nenos da varíola, de María Solar, e Novo Mundo. Isabel Zendal na Expedición da Vacina, de El primo Ramón. Durante o roteiro coñecemos máis a fondo esta aventura e detalles da vida dalgúns dos personaxes implicados nela, o alacantino Doutor Francisco Javier Balmis, a coruñesa Isabel Zendal Gómez e os vintedous nenos que cambiaron o mundo, ao manter viva a vacina nunha viaxe transoceánica.