xoves, 21 de decembro de 2023

NADAL NA BIBLIOTECA

Como xa vén sendo habitual nestas datas, dende a biblioteca realizamos unha árbore de Nadal coas portadas dos diferentes libros que foron chegando a ela durante o primeiro trimestre e unha postal onde podedes atopar información sobre algúns deles facendo clic nos círculos amarelos.

Animádevos!! Estas vacacións son un momento estupendo para ler!!
 
Bo Nadal!!


 

mércores, 20 de decembro de 2023

GHUAIDELAI REMATA O PRIMEIRO TRIMESTRE

Deixámosvos algunhas imaxes do alumnado do noso Club de lectura coas lecturas deste primeiro trimestre.
 
 
 



 
 

luns, 11 de decembro de 2023

O PRINCIPIÑO

Non queriamos rematar o ano sen render unha homenaxe a un dos nosos libros favoritos, O Principiño, que neste 2023 fixo 80 anos.

A obra máis famosa do escritor francés Antoine de Saint-Exupéry foi publicada por primeira vez en abril de 1943. Dende ese momento ata a actualidade, a novela foi traducida a 300 linguas e dialectos, e con máis de 140 millóns de copias vendidas en todo o mundo, converteuse nun dos libros máis vendidos e máis traducidos.

luns, 4 de decembro de 2023

ENCONTRO CON NOELIA MÍGUEZ

Esta mañá visitounos Noelia Míguez, autora de Ocho señales. Cuestión de vida o muerte, que tivo un emotivo encontro co alumnado de 2º e 3º ESO no que relatou a súa propia experiencia como vítima de violencia de xénero.

A súa visita animou ao alumnado do Club de lectura de 3º e 4º ESO a ler o seu libro no próximo trimestre.

Grazas, Noelia, por visitarnos!

 

venres, 1 de decembro de 2023

CON PICASSO NA CORUÑA

Onte o alumnado do Club de lectura asistiu na Casa Museo Picasso da Coruña a unha actividade escénica protagonizada por Os Náufragos Teatro, que despois nos acompañaron nun paseo teatralizado por algúns dos lugares máis representativos da estancia de Picasso na cidade. 

Completamos a mañá na cidade visitando dúas librerías: Alita Cómics e Moito Conto, na que Esther, moi amablemente, nos explicou o funcionamento dunha librería independente.

Grazas a Os Náufragos Teatro por facernos partícipes desta fermosa iniciativa! Grazas a estas libreiras e libreiros tan amantes do seu traballo polo seu tempo e as súas recomendacións!

 

Cos membros de Os Náufragos Teatro no paseo teatralizado por Coruña

Na librería Moito Conto

En Alita Cómics

venres, 24 de novembro de 2023

25N: VIVIR, NON SOBREVIVIR

Hoxe o noso centro participou no acto organizado polo Concello de Fisterra para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Alumnado do Club de lectura de todos os cursos, acompañado por dous alumnos do CEIP Mar de Fóra, realizou unha lectura colectiva do libro As mulleres que cultivaban néboas, de Bea Gregores, e rendemos homenaxe ás cincuenta e dúas mulleres asasinadas durante este ano cun minuto de silencio, portando máscaras brancas.

Neste acto deuse a coñecer que o lema proposto polo noso centro foi o escollido entre os presentados polos centros educativos de Cee, Fisterra e Corcubión para esta campaña: "Vivir, non sobrevivir".

 


OS NÁUFRAGOS TEATRO

O alumnado de 1º e 2º ESO asistiu o mércores na biblioteca a unha actividade escénica levada a cabo polos membros de Os Náufragos Teatro, na que fixeron un percorrido pola estancia de Picasso na Coruña. Esta actividade foi unha introdución á visita teatralizada que realizaremos o vindeiro xoves 30.

 

 



xoves, 23 de novembro de 2023

QUE NON TE LÍEN, TI ELIXES

Esta semana tivo lugar na biblioteca un obradoiro dirixido ao alumnado de 3º e 4º ESO, enmarcado no programa educativo "Que non te líen, ti elixes", co que se pretende fomentar o rexeitamento de estereotipos de xénero e prexuízos con respecto ás profesións con pouca representación feminina.

venres, 17 de novembro de 2023

MES DA CIENCIA EN GALEGO

Todos os anos dende 2014 celébrase en novembro o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, celebración na que participa unha científica ou un científico galego redactando un manifesto no que reivindica a importancia da ciencia. 
 
Este ano 2023 a persoa encargada de facelo foi Elena Vázquez Cendón, doutora en Matemáticas e decana da Facultade de Matemáticas da USC. É membro do Consello da Cultura Galega e preside o Estalmat-Galicia.

Dende a biblioteca, recompilamos as nosas propostas nesta montaxe protagonizada por membros do Club de lectura. Esperamos que vos guste!


luns, 6 de novembro de 2023

MÁIS NOVIDADES

E seguen chegando novidades á nosa biblioteca: ciencia, manga, álbum ilustrado, narrativa xuvenil... Achegádevos a coñecelas!!

martes, 31 de outubro de 2023

SAMAÍN

Chegou Samaín!! Dende a biblioteca convocamos varios concursos: de curtametraxes, microrrelatos e cómic, co terror como tema para todos eles. No recreo animámonos a pasar medo coas curtas que se proxectaron na biblioteca e puidemos botar unha ollada ás lecturas de terror expostas ao carón do mural da entrada do centro.


mércores, 25 de outubro de 2023

3, 2, 1... GHUAIDELAI COMEZA DE NOVO!

O noso Club de lectura comeza a súa actividade! As máis madrugadoras este ano foron as rapazas de 2º ESO, que o luns ao mediodía quedaron para falar de Europa Express, un libro que a propia Andrea Maceiras, a súa autora, lles recomendou no encontro celebrado con ela na biblioteca o curso pasado. O próximo luns no recreo será a quenda do grupo de lectura cómic e manga tamén de 2º ESO, con Heartstopper 1,... e durante os recreos dos mércores e venres seguirán os demais.

 

martes, 24 de outubro de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS

O día 24 de febreiro celébrase o Día das bibliotecas, este ano co lema "Tecendo comunidades" e un cartel deseñado por Nuria Riaza. 

Como o celebramos nós? Entregando diplomas ás alumnas do Equipo de Voluntarias da Biblioteca polo seu traballo do curso pasado, levando a cabo unha actividade lúdica de formación de usuarios para o alumnado de 1º ESO, publicando unha Guía de usuarios e amosando, a través dunha exposición con fotografías dalgunhas das actividades realizadas nela, como a nosa biblioteca se foi convertendo ao longo dos anos nese pequeno espazo de encontro e diálogo que é hoxe en día. 

 

Voluntarias cos seus diplomas


Alumnado de 1º ESO na procura do tesouro

O equipo gañador      

 

venres, 20 de outubro de 2023

PREMIO PRINCESA DE ASTURIAS DAS LETRAS

E seguimos con máis premios literarios, neste caso o Premio Princesa de Asturias das Letras, que este ano vén de recibir o escritor Haruki Murakami, autor de novelas como Tokio blues, Kafka en la orilla e 1Q84, e dos particulares manuais De qué hablo cuando hablo de correr ou De qué hablo cuando hablo de escribir, entre outras obras.

Fotografía: Society for Culture, Art and International Cooperation Adligat

luns, 16 de outubro de 2023

DÍA DAS ESCRITORAS

O Día das Escritoras é unha conmemoración promovida pola Biblioteca Nacional de España xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. Comezou a celebrarse no ano 2016 o luns máis preto da festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro, e intenta poñer en valor o labor e legado das escritoras ao longo da historia.
Esta VIII Edición conta co comisariado da escritora Marta Sanz baixo o lema “O pracer, a alegría e a risa das mulleres”.
Nós fixemos unha exposición para coñecer un pouco máis a obra das escritoras galegas máis lidas por nós, que podedes atopar na entrada do centro. 

 

PREMIO PLANETA 2023

Sonsoles Ónega proclamouse onte gañadora do Premio Planeta 2023 coa súa novela Las hijas de la criada, na que conta a historia dunha familia galega de mulleres empresarias, loitadoras e emprendedoras a principos do século XX.

Fotografía: El Confidencial

martes, 10 de outubro de 2023

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL

Como cada 10 de outubro, hoxe celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, este ano baixo o lema A saúde mental é un dereito universal.
 
Coa intención de sensibilizar e dar visibilidade a este tema, dende a biblioteca propoñémosvos varias lecturas, incluídas nun díptico que elaboramos e que podedes atopar na nosa biblioteca, e unha canción No es egoísmo, interpretada por El Chojin e Rozalén. 
 
Coidemos e protexamos a nosa saúde mental!
 

luns, 9 de outubro de 2023

NOVIDADES

Pouco a pouco xa van chegando novidades á nosa biblioteca: música, bioloxía, matemáticas, literatura, manga... Achegádevos a coñecelas!!

xoves, 28 de setembro de 2023

PREMIO NACIONAL DE POESÍA 2023

Yolanda Castaño vén de ser galardoada co Premio Nacional de Poesía correspondente ao ano 2023 pola súa obra Materia. Nela a autora presenta unha poesía metafórica directa, radical e feminista, na que explora temas como a maternidade, a familia e os costumes.

Estará proximamente na nosa biblioteca, pero mentres podedes ler outros libros seus que si están dispoñibles: O puño e a letra, Erofanía e Delicia.

Parabéns, Yolanda!!

Fotografía: Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

venres, 15 de setembro de 2023

PREMIO NACIONAL DE LITERATURA DRAMÁTICA

Paula Carballeira foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática que concede o Ministerio de Cultura e Deporte, correspondente ao ano 2023, pola súa obra As alumnas. O xurado propuxo esta obra por ser "un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate. Polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propoñía a II República."

Aquí podedes ver unha entrevista feita tras concedérselle o premio.

Fotografía: Estevoaei

luns, 11 de setembro de 2023

COMEZAMOS!

Xa estamos de volta! Comezamos un novo curso con moita ilusión e ganas, coma sempre. 

Esperámosvos e agardamos que veña cargado de boas lecturas!!

luns, 10 de xullo de 2023

GHUAIDELAI REMATA O CURSO

O noso Club de lectura remata outro curso, e xa van doce!!, cargadiño de lecturas.

Como despedida deixámosvos as últimas montaxes protagonizadas polos seus membros. Esperamos que vos gusten!!

Felices vacacións!!

 


mércores, 21 de xuño de 2023

ENCONTRO CON ARANTZA PORTABALES

O luns tivemos un extraordinario peche de temporada de reunións do Club de lectura: un encontro do grupo de 3º e 4º ESO e do recentemente creado grupo de profesoras con Arantza Portabales, para falar do seu libro O home que matou a Antía Morgade.

Gozamos moito da súa presenza e aproveitamos a ocasión para agasallala coa nosa montaxe da ruta literaria feita o día 9 de xuño en Santiago.

Moitísimas grazas, Arantza!! 

 




venres, 16 de xuño de 2023

NOVIDADES

Imos coas últimas e variadas incorporacións á nosa biblioteca: Berpiztu, de Kepa Junkera, agasallo do Concello; Be water, de Antía Yáñez; Ellas iban sin sombrero, con guión de Carolina Corvillo; e o manga No puedo decirte que te quiero, de Fumi Mikami.

Esperamos que gocedes deles!!

luns, 12 de xuño de 2023

O CLUB DE LECTURA EN SANTIAGO

O venres pasado o noso Club de lectura estivo en Santiago. Visitamos a Biblioteca Ánxel Casal, a librería Couceiro, a SELIC, onde tivemos un encontro con Antía Yáñez para falar do seu libro O misterio do torque de Burela, e fixemos un roteiro literario baseado en O home que matou a Antía Morgade, de Arantza Portabales. Un día rodeadas e rodeados de libros!!  

Encontro con Antía Yáñez no recinto da SELIC

Na Biblioteca Ánxel Casal

Na librería Couceiro


Na librería Couceiro

Roteiro literario O home que matou a Antía Morgade

martes, 6 de xuño de 2023

EXPOSICIÓN DE DEBUXOS MANGA

Agora que case estamos rematando o curso, queremos mostrarvos algúns dos debuxos que o noso alumnado do Club de lectura manga foi achegando.

Parabéns a Xusto, Óscar e Miriam, os seus autores e autora!!