sábado, 20 de decembro de 2025

BO NADAL!

Como xa vén sendo habitual cando se achega o Nadal, facemos publicidade das novidades que se foron incorporando á nosa biblioteca durante o primeiro trimestre. Este ano fixémolo de varios xeitos: cunha árbore feita coas portadas dos libros, xunto coa exposición dos novos exemplares, na entrada do centro; coa colaboración dos nosos elfos-membros do Club de lectura; e coa xa tradicional postal de Nadal bibliotecaria, na que, se facedes clic nas portadas que aparecen, teredes máis información sobre os libros.  

Xa sabedes que estas vacacións son un bo momento para ler!!

BO NADAL!!!  
 
 



venres, 19 de decembro de 2025

PREMIOS

Xa que estamos en época de agasallos, aproveitamos o último día de clase antes das vacacións para facer entrega dos diplomas e premios ás dúas gañadoras do XIV Certame de Relatos de Terror e do III Certame de Cómic de Terror, convocados polo EDNL e a Biblioteca no mes de novembro: Amy, de 1º ESO, e Laura, de 2º ESO, respectivamente.
Parabéns as dúas polo voso traballo!! 
 

 

luns, 15 de decembro de 2025

GHUAIDELAI REMATA O TRIMESTRE

Hoxe ao mediodía tivemos a última reunión do ano cos grupos de 2º e 4º ESO do noso Club de lectura. Despois de xantar todos xuntos, os membros dos dous grupos gravaron un breve programa, co equipo de radio do centro, baseado nas súas respectivas lecturas: O misterio do torque de Burela, de Antía Yáñez, e Aqueles corpos nosos, de Adrián Gómez. 
Por último, repartimos os exemplares das lecturas coas que inauguraremos o novo ano: O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, para o grupo de 2ºESO; e Orgullo y prejuicio, de Jane Austen, para 4º ESO, coincidindo con que mañá será o 250 aniversario do nacemento da escritora.
 
 
E aquí deixámosvos a gravación das nosas breaking news, que poderedes escoitar facendo clic na imaxe.
 
 
 

mércores, 3 de decembro de 2025

TEATRO: "AS ALUMNAS"

O alumnado de 4º ESO tivo o privilexio de asistir esta mañá no Auditorio da Casa da Cultura de Cee á representación da obra "As alumnas", de Paula Carballeira, que mantivo, xunto coas actrices, un entretido coloquio co público asistente ao finalizar a actuación.
Agradecemos moito ao Concello de Cee o seu convite e a Paula Carballeira por falar un anaquiño con nós. Temos a sorte de que no mes de maio volveremos ter a oportunidade de conversar con ela cando nos visite! 
 
 




venres, 28 de novembro de 2025

QUE NON TE LÍEN. TI ELIXES!

Onte o alumnado de 3º e 4º ESO asistiu a unha charla formativa, organizada polo Departamento de Orientación, enmarcada no programa Que non te líen. Ti elixes!, que ten como obxectivo o fomento dunha orientación profesional libre de estereotipos de xénero. Nesta edición a relatora foi Mª Xosé Saborido, da empresa Dinahosting, pertencente ao Clúster TIC Galicia. 
 

martes, 25 de novembro de 2025

25N

Hoxe participamos no acto organizado polo Concello de Fisterra con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Nós contribuímos coa lectura dun manifesto e o recitado de poemas de María Reimóndez, Lupe Vázquez e Marta Dacosta por parte de membros do noso Club de lectura, portando carteis e amosando nunha pancarta os slogans elaborados polo alumnado de 2º ESO e os códigos QR correspondentes aos pódcasts que conforman Os sons da violencia, gravados polo alumnado de 4º ESO e que podedes escoitar nas ligazóns que hai ao final desta publicación.
Xa no centro, no primeiro andar decoramos o noso recuncho 25N con libros relacionados coa violencia de xénero e puxemos á vosa disposición un número especial de A Voz do FdC.

Moitas grazas a todos e todas os participantes pola vosa implicación!
 
 







Debuxo realizado por Laura e Celia 





Entrega de agasallos ao alumnado que participou activamente no acto.

 
 
  
Os sons da violencia:

venres, 7 de novembro de 2025

SUMANDO GRUPOS AO CLUB DE LECTURA

O Club de lectura continúa sumando... Esta semana dous grupos máis iniciaron a súa actividade: un grupo de tres alumnas de 1ºESO, moi fans de Eloy Moreno, que logo da lectura de Invisible están somerxidas na lectura de Redes; e un grupo de 2ºESO de lectura de cómic que comezou o thriller La chica Invisible, ilustrado por Alba Cardona.
O resto dos grupos comezarán a vindeira semana!