luns, 6 de maio de 2024

NAVEGA CON RUMBO

Hoxe, no marco do Programa Navega con Rumbo, visitounos Felipe Martínez Hermo, membro do CPEIG, para dar unha charla na biblioteca ao noso alumnado de 1ºESO.
 
A amena presentación con argumentos e indicacións desenvolveuse entre as intervencións do noso alumnado, centrándose en dúas cuestións: a seguridade en rede ou os perigos agochados e como evitalos; e as boas maneiras ou o respecto que como usuarios da rede debemos aos outros cibernautas.

xoves, 2 de maio de 2024

PAUL AUSTER

O escritor Paul Auster faleceu onte en Brooklyn. É considerado como un dos máis grandes autores norteamericanos contemporáneos, destacando por obras tan coñecidas como a Triloxía de Nova York (1985-86).

Auster estudou en Columbia e, tras licenciarse en literatura, instalouse en París, onde traballou como tradutor hasta a súa volta a Estados Unidos en 1974. Establecido en Brooklyn dende entón, Auster combinou a literatura coa escrita de guións cinematográficos.

Ao longo da súa carreira literaria, recibiu numerosos galardóns como o Premio Médicis, a Orde das Artes e as Letras de Francia ou o Príncipe de Asturias das Letras.

Outras das súas novelas máis famosas son Moon Palace (1989), Leviathan (1992), Mr Vertigo (1994), The Book of Illusions (2002), Brooklyn Follies (2006), Viaxes no scriptorium (2007), Un home na escuridade (2008), Invisible (2009) e Sunset Park (2010).
 
Na nosa biblioteca.
 
Fotografía: David Shankbone

mércores, 1 de maio de 2024

MARJANE SATRAPI

A escritora, ilustradora e cineasta Marjane Satrapi (Rasht, 1969), autora do cómic de culto Persépolis, levado ao cine, é a gañadora do Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades 2024 por ser "unha voz esencial para a defensa dos dereitos humanos e a liberdade", segundo anunciou o xurado onte en Oviedo.
Deixámosvos un enlace a un vídeo moi breve onde tedes unhas pinceladas sobre a súa obra.
 
Na nosa biblioteca




 
Fotografía: Giorgio Montersino

mércores, 24 de abril de 2024

PREMIO CERVANTES 2023

O académico da RAE e escritor leonés Luis Mateo Díez recibiu onte o Premio Cervantes que lle foi outorgado o pasado mes de novembro por «ser un dos grandes narradores da lingua castelá, herdeiro do espírito cervantino, escritor fronte a toda adversidade, creador de mundos e territorios imaxinarios».
 
No seu discurso rememorou o inicio da súa vocación literaria; referiuse aos "filandones", as reunións que se realizaban tras a cea para contar historias ao calor do lume na provincia de León e que formaron parte da súa infancia; e defendeu o triunfo da fantasía sobre o realismo.
 

martes, 23 de abril de 2024

DÍA DO LIBRO

Chegou o Día do Libro!! E como o celebramos nós? Recomendamos lecturas, convocamos o I Concurso de Booktubers IES Fin do Camiño, alumnas do Club de lectura leron contos ao alumnado de Educación Infantil do CEIP Mar de Fóra... e recibimos como agasallo bombóns e marcapáxinas personalizados. 
 






 

luns, 15 de abril de 2024

OBRADOIRO SOBRE SAÚDE MENTAL

O alumnado de todos os cursos asistiu hoxe na biblioteca a un obradoiro sobre saúde mental organizado polo Departamento de Orientación. Nel, unha terapeuta ocupacional de APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais) falounos de diferentes tipos de trastornos mentais e os sinais de alarma que debemos ter en conta para detectalos e poder, así, minimizalos con axuda profesional. Veu acompañada dun usuario da asociación, que nos contou a súa propia experiencia. 
 

xoves, 4 de abril de 2024

ENCONTRO CON ANTÍA YÁÑEZ

Que mellor xeito de celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil que coa visita, ao día seguinte, dunha das nosas autoras favoritas? 
 
O alumnado de 1º e 2º ESO asistiu na biblioteca a un encontro, facilitado pola editorial Galaxia, coa escritora Antía Yáñez Rodríguez, autora de libros lidos por nós no Club de lectura como O misterio de Portomarín, O misterio do torque de Burela e Be water.
 
Tras a presentación da escritora feita por Mencía, Antía Yáñez falounos dos seus libros, da historia de Portomarín, do proceso da escrita e contestou ás preguntas que os alumnos e alumnas lle fixeron.
 
A continuación proxectamos o booktrailer sobre O misterio do torque de Burela, protagonizado polas alumnas do grupo de 2º ESO do Club de lectura.

Despois deste encontro, tivo unha xuntanza co grupo de profesorado do Club de lectura, co que falou do seu libro Senlleiras

Moitas grazas, Antía, pola túa visita!
 

Antía Yáñez coas alumnas do grupo de 2º do Club de lectura.

Co alumnado de 1º ESO.

Asinando exemplares de Be Water.

Co grupo de profesorado do Club de lectura.



martes, 2 de abril de 2024

DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Dende 1967, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, coa finalidade de promover o bo libro infantil e xuvenil e a lectura entre os máis novos.

Cada ano, unha sección nacional do IBBY ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil e selecciona un escritor ou escritora representativos e un ilustrador ou ilustradora de renome do seu país para crear unha mensaxe e un cartel.

Este ano a sección elixida é Xapón, que difunde a mensaxe da escritora Eiko Kadono (baixo o lema “Navega polos mares coas alas da túa imaxinación”), ilustrada por Nana Furiya.
 

 

venres, 22 de marzo de 2024

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

O día 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía, día adoptado pola UNESCO durante a súa 30ª Conferencia Xeral en París en 1999, co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética.

En palabras de Audrey Azoulay, Directora Xeral da UNESCO: "Neste  Día  Mundial  da  Poesía,  a  UNESCO  celebra  o  poder  de  cuestionar  as  certezas  para  permanecer  abertos  aos  demais, para  acoller  o  mundo  en  toda a súa  diversidade –que son fundamentos esenciais para construír sociedades pacíficas."

Nós este ano publicamos un díptico cunha selección de poemarios de autores e autoras da Costa da Morte dispoñibles na nosa biblioteca e homenaxeamos cinco poetas de Fisterra, facendo unha exposición e poñendo voz aos seus poemas, sendo Carla a encargada de facelo nesta montaxe que esperamos que vos guste.

 




venres, 15 de marzo de 2024

CONCURSO DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Xa temos gañadora do Kahoot baseado na presentación 8 Mulleres Galegas realizada pola Biblioteca: Adela, de 3ºA. Parabéns!!
 
Esta actividade formou parte da celebración do Día Internacional da Muller.

Parabéns!!

venres, 8 de marzo de 2024

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Este ano unímonos á celebración do Día Internacional da Muller con diferentes actividades. As integrantes do grupo de 2º ESO do Club de lectura leron un manifesto que incluía "Carta de una madre", de C. De Santos; inauguramos a exposición As mulleres da nosa vida, con fotografías proporcionadas polo alumnado; editamos un vídeo-homenaxe ás mulleres de Fisterra; e realizamos a presentación 8 Mulleres Galegas, sobre a que elaboramos un Kahoot no que invitamos a participar a todo o alumnado.

 



Alumnas do Club de lectura lendo o manifesto

venres, 23 de febreiro de 2024

DÍA DE ROSALÍA

Hoxe celebramos o Día de Rosalía no centro con varias actividades. Seguindo a proposta da AELG, elaboramos o cartel-mural "Rosalía: o amor da patria galega"; durante o recreo puidemos escoitar a través da megafonía un recital poético protagonizado por alumnado e profesorado do centro; e, por último, a nosa Rosalía particular, Mencía, repartiu poemas e chapas deseñadas e elaboradas polo Departamento de Artes Plásticas.


domingo, 11 de febreiro de 2024

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia foi proclamado no 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coa fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas.

Dende a biblioteca querémosvos propoñer, por medio dunha exposición e un díptico, varios libros e películas que nos axudarán a coñecer os logros de diferentes mulleres científicas ao longo da historia. Se facedes clic nas portadas, teredes máis información sobre eles.
 
Esperamos que gocedes da súa lectura!


 

mércores, 31 de xaneiro de 2024

INICIACIÓN SEGURA Á PEGADA DIXITAL E ÁS REDES SOCIAIS

No marco da alfabetización mediática e informacional, onte visitounos David, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). 
 
Na súa intervención, David abordou os conceptos básicos da pegada dixital, así como as súas implicacións para a privacidade e a seguridade, e ofreceu consellos para protexer a nosa privacidade na web. 
 
Agora que comprendemos os riscos asociados á nosa pegada dixital e como protexernos, tomemos o control!
 

martes, 30 de xaneiro de 2024

DÍA DA PAZ

Aínda que o mundo está bastante revolto, nós seguimos apostando pola paz e, para celebrar este día, elaboramos un mural con haikus feitos polo alumnado en galego, castelán, francés e inglés. Como dicían os Beatles, "Give peace a chance!".