venres, 21 de decembro de 2018

EN NADAL, NOVIDADES

Con este título elaboramos unha postal con algunhas das novidades que foron chegando á nosa biblioteca neste primeiro trimestre: poesía, narrativa, teatro, manga, ciencia, deporte...
Dende Biblioestremonías esperamos que gocedes da súa lectura e destas festas de Nadal!!!

xoves, 20 de decembro de 2018

GHUAIDELAI REMATA O TRIMESTRE

Rematou un trimestre cheo de lecturas para o noso club. Como xa ven sendo habitual, para celebralo fixemos unha comida conxunta de todos os grupos que o forman e, despois, durante unha agradable sobremesa, os alumnos e alumnas presentaron os libros lidos aos seus compañeiros e compañeiras. Estes libros foron: O segredo da vella librería, de Xabier López López, para o grupo de 1º e 2º, unha entrañable historia que enxalza o valor dos libros e a lectura; O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, para o grupo de 3º e 4º, a historia dun acoso escolar e a pasividade ante el, e Iridium, de Francisco Castro, para o mesmo grupo, cunha rapaza con dano cerebral adquirido como protagonista; e, por último, The Promised Neverland 1 e 2, de Kaiu Shirai e Posuka Demizu, para o grupo de lectura manga, unha historia de intriga sobre a vida no orfanato Grace Field House.

 

luns, 17 de decembro de 2018

NOETIÑA

Hoxe o alumnado de 3º e 4º asistiu na biblioteca á proxección do documental Noetiña. As mulleres e o mar na Costa da Morte, que ten como protagonista a unha das nosas ex-alumnas, Jenifer Suárez Silva. A historia céntrase no seu empeño por seguir os pasos do seu avó e o seu pai no mundo da pesca e os prexuízos cos que se atopa por ser muller. Este documental foi premiado no I Concurso de ideas "Luisa Villalta" de proxectos culturais pola igualdade 2017, convocado pola Deputación da Coruña. Acompañounos a súa directora, Gabriela Amor, coa que o alumnado mantivo un debate tras a proxección.