venres, 27 de marzo de 2026

DÍA MUNDIAL DO TEATRO

A celebración do Día Mundial do Teatro é unha iniciativa impulsada polo Instituto Internacional do Teatro (ITI). 

Un dos seus actos máis importantes é a elaboración e difusión da Mensaxe do Día Mundial do Teatro, na que figuras importantes a nivel internacional son invitadas polo ITI para compartir os seus pensamentos sobre o teatro e a cultura de paz. Este ano a persoa encargada é o actor Willem Dafoe. Podedes ler a súa mensaxe aquí.
 
E como o celebramos nós? Creamos o noso particular taboleiro-escenario onde expuxemos os datos que consideramos máis salientables dos autores e autoras teatrais máis lidos por nós. Por outra banda, tamén amosamos algúns dos fondos teatrais da nosa biblioteca e elaboramos un díptico coas nosas recomendacións.
 
 

 

luns, 23 de marzo de 2026

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Dende a Biblioteca e o ENDL organizamos varias actividades para celebrar o Día da Poesía: un concurso de versos encadeados por clases; caligramas e poemas ao azar. 
Asemade, como xeito de dar a coñecer a literatura local, no mural da entrada do centro expuxemos poemas de cinco poetas de Fisterra, acompañados dunha breve explicación sobre a súa traxectoria artística.
Finalmente, elaboramos un díptico con obras de poetas da Costa da Morte.
 










venres, 13 de marzo de 2026

CHARLA DE MONTSE FAJARDO

Para rematar as actividades levadas a cabo no centro relacionadas co Día da Muller, hoxe visitounos a escritora e xornalista Montse Fajardo, especialista en memoria histórica, que falou ao alumnado de 3º e 4º ESO do tratamento que o franquismo deu ás mulleres. Coñecemos a historia de mulleres encarceradas, recluídas en institucións mentais, a existencia de leis e sistemas educativos inxustos coas mulleres...
 
Esta charla está subvencionada polo premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. 
 



 

 

 

luns, 9 de marzo de 2026

OBRADOIRO PARA AS FAMILIAS: MENORES CONECTADOS

Esta tarde visitounos no centro, de novo, Manuel Rivas, de AMTEGA, esta vez para desenvolver un obradoiro dirixido ás familias relacionado con educación dixital en ciberseguridade e privacidade.
A actividade tivo moi boa acollida e foi do agrado dos e das asistentes, segundo os seus comentarios.
 

 

domingo, 8 de marzo de 2026

DÍA DA MULLER

Para celebrar o Día da Muller o alumnado colaborou de diferentes xeitos dende varias materias: elaborando carteis con oito razóns para celebrar este día; redactando recensións en inglés sobre mulleres salientables no mundo anglosaxón, e aportando imaxes de mulleres da súa contorna máis próxima para continuar coa iniciativa comezada hai uns anos "As mulleres da nosa vida", unha exposición na entrada do centro que intenta poñer en valor a importancia do labor desempeñado polas mulleres.

Asemade, á entrada da biblioteca expuxemos parte dos fondos adicados ao feminismo e publicamos un díptico coas nosas propostas.