venres, 23 de outubro de 2026

PREMIOS PRINCESA DE ASTURIAS

Hoxe tivo lugar a entrega dos Premios Princesa de Asturias 2026. Nós queremos destacar dous entre todos os galardóns: o Premio Princesa de Asturias das Letras e o Premio Princesa de Asturias das Artes.

O primeiro deles foi outorgado ao escritor británico Julian Barnes, cualificado polas súas novelas e historias curtas como posmodernista e considerado unha das maiores revelacións da narrativa inglesa das últimas décadas. Publicou o seu primeiro libro en 1980, Metroland, e é autor, entre outros, de El loro de Flaubert (1986), Inglaterra, Inglaterra (1999), Arthur & George (2005), El ruido del tiempo (2016), La única historia (2019), Elizabeth Finch (2022) ou Despedidas (2026), coa que anunciou a súa despedida da literatura.

A segunda galardoada é Patty Smith, convertida en referente cultural das últimas cinco décadas, e cuxa traxectoria traspasou os límites do estritamente musical para converterse nunha creadora multidisciplinar a través de distintas manifestacións artísticas como a poesía, a fotografía, a performance ou a videoinstalación, ligando, ademais, as súas creacións ao compromiso con diferentes causas sociais.
 

Julian Barnes

Fotografía: WanderingTrad


 

Patty Smith

Fotografía:  Harald Krichel

 

venres, 16 de outubro de 2026

PREMIO PLANETA 2026

A escritora chilena Isabel Allende gañou onte o 75º Premio Planeta coa súa obra La hora antes del alba, continuación da súa primeira novela La casa de los espíritus. Nesta nova entrega, Alba Trueba regresa á casa familiar tras ter sido torturada pola ditadura de Augusto Pinochet e aí se converterá en cronista dunha época convulsa.
 

martes, 22 de setembro de 2026

OUTONO DE LECTURAS

Comezamos o outono con toda unha declaración de intencións, recordando unha montaxe editada o curso pasado, onde defendemos as vantaxes de ler con citas dalgúns escritores e escritoras.
Gocemos da lectura!
 
 

mércores, 16 de setembro de 2026

ANIVERSARIO DE EMILIA PARDO BAZÁN

Hoxe celébrase o 175 aniversario do nacemento de Emilia Pardo Bazán: intelectual, escritora, ensaísta, xornalista, crítica literaria... sendo considerada, ademais, como unha das precursoras do movemento feminista en España. Ao longo da súa obra criticou a degradación e marxinalidade da muller e expresou o seu desexo de crear para as mulleres unha educación e unha formación intelectual igual cá dos homes.

Un bo momento para recordala, lendo algunha das súas obras ou a súa biografía escrita por María Canosa e ilustrada por Bea Gregores, publicada pola editorial Bululú. Achegádevos á biblioteca!
 

mércores, 9 de setembro de 2026

XA ESTAMOS DE VOLTA!

Comezamos un novo curso con moita ilusión e ganas, coma sempre. Esperámosvos na nosa biblioteca e agardamos que veña cargado de boas lecturas!!
 

martes, 9 de xuño de 2026

OBRADOIRO DE EDUCACIÓN AFECTIVO-SEXUAL

Hoxe o alumnado de 1º e 2º ESO participou nun obradoiro de educación afectivo-sexual impartido polo centro de sexoloxía Con mucho gusto!
 
Aproveitamos a ocasión para expoñer os fondos da biblioteca relacionados coa temática.
  

sábado, 6 de xuño de 2026

MARJIANE SATRAPI

Onte deixábanos a novelista gráfica e cineasta Marjiane Satrapi, autora de obras como Persépolis, Bordados ou Pollo con ciruelas, todas elas na nosa biblioteca.
 
Nacida en Irán en 1969, estableceuse en París, onde desenvolveu a súa carreira. No ano 2024 foille concedido o Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades.