luns, 23 de marzo de 2026

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Dende a Biblioteca e o ENDL organizamos varias actividades para celebrar o Día da Poesía: un concurso de versos encadeados por clases; caligramas e poemas ao azar. 
Asemade, como xeito de dar a coñecer a literatura local, no mural da entrada do centro expuxemos poemas de cinco poetas de Fisterra, acompañados dunha breve explicación sobre a súa traxectoria artística.
Finalmente, elaboramos un díptico con obras de poetas da Costa da Morte.
 










luns, 16 de marzo de 2026

CINE NA BIBLIO

Para finalizar as reunións deste trimestre, as alumnas do grupo de 4º ESO do Club de lectura e a súa profesora gozaron hoxe ao mediodía dunha sesión de cine na biblioteca. A película elixida foi a versión cinematográfica (dirixida por Joe Wright en 2005) de Orgullo y prejuicio, libro lido durante estes meses.
 
 


venres, 13 de marzo de 2026

CHARLA DE MONTSE FAJARDO

Para rematar as actividades levadas a cabo no centro relacionadas co Día da Muller, hoxe visitounos a escritora e xornalista Montse Fajardo, especialista en memoria histórica, que falou ao alumnado de 3º e 4º ESO do tratamento que o franquismo deu ás mulleres. Coñecemos a historia de mulleres encarceradas, recluídas en institucións mentais, a existencia de leis e sistemas educativos inxustos coas mulleres...
 
Esta charla está subvencionada polo premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. 
 



 

 

 

luns, 9 de marzo de 2026

OBRADOIRO PARA AS FAMILIAS: MENORES CONECTADOS

Esta tarde visitounos no centro, de novo, Manuel Rivas, de AMTEGA, esta vez para desenvolver un obradoiro dirixido ás familias relacionado con educación dixital en ciberseguridade e privacidade.
A actividade tivo moi boa acollida e foi do agrado dos e das asistentes, segundo os seus comentarios.
 

 

domingo, 8 de marzo de 2026

DÍA DA MULLER

Para celebrar o Día da Muller o alumnado colaborou de diferentes xeitos dende varias materias: elaborando carteis con oito razóns para celebrar este día; redactando recensións en inglés sobre mulleres salientables no mundo anglosaxón, e aportando imaxes de mulleres da súa contorna máis próxima para continuar coa iniciativa comezada hai uns anos "As mulleres da nosa vida", unha exposición na entrada do centro que intenta poñer en valor a importancia do labor desempeñado polas mulleres.

Asemade, á entrada da biblioteca expuxemos parte dos fondos adicados ao feminismo e publicamos un díptico coas nosas propostas.
 

 
 
 






venres, 27 de febreiro de 2026

DÍA DE ROSALÍA (II)

E para rematar a celebración do Día de Rosalía, e seguindo as propostas da AELG, hoxe tivo lugar na biblioteca un concurso Pasapalabra con preguntas baseadas na figura e obra da escritora. 
 
Quen gañará? Un agasallo está esperando!
 
 

martes, 24 de febreiro de 2026

INICIACIÓN SEGURA Á PEGADA DIXITAL

Hoxe tivo lugar no centro unha actividade organizada polo coordinador TIC, enmarcada no eido AMI. Manuel Rivas, de AMTEGA, visitounos para abrirnos os ollos sobre a nosa pegada dixital, porque non se trata só de navegar en busca de información, en moitas ocasións é a nosa identidade, seguridade e privacidade o que está en xogo. 
Nunha charla moi amena, ofreceunos consellos que nos permitirán acadar as habilidades e actitudes necesarias para interactuar de forma segura no entorno dixital, evitando riscos como o ciberacoso.