xoves, 30 de xaneiro de 2025

DÍA DA PAZ

Aínda que o mundo está bastante revolto, nós seguimos apostando pola paz. Para conmemorar este día, elaboramos un mural con haikus feitos polo alumnado en castelán, galego, francés e inglés, e expuxemos unha selección dos fondos da bilioteca relacionados coa paz e coa guerra, invitando á reflexión sobre o terrible sufrimento que esta última xera.
 
Como dicían os Beatles: "Give peace a chance!!" 






sábado, 11 de xaneiro de 2025

DÍA DAS PERSOAS USUARIAS DAS BIBLIOTECAS

O 11 de xaneiro celébrase o Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas. Nós queremos dar as grazas ás persoas que frecuentan a da noso centro e axudan, colaboran e participan nas actividades que propoñemos.

Por vós intentaremos seguir mellorando!!
 

venres, 20 de decembro de 2024

NADAL

Este curso celebramos no centro o Nadal con varias actividades. Parte do alumnado de 2º e 3º ESO ofreceu un concerto de Nadal organizado polo Departamento de Música; o alumnado de Oratoria e unha das integrantes do Club de lectura escribiron un conto de Nadal que logo leron ao alumnado de Educación Infantil dos CEIP Mar de Fóra e Areouta; o Departamento de EPVA organizou un concurso de decoración de árbores de Nadal; gozamos de dous obradoiros, un de rap coa saúde mental como tema e outro de estampación de camisetas; e, finalmente, como xa vén sendo habitual, dende a biblioteca publicamos a nosa particular postal de Nadal coas novidades que foron chegando a ela no primeiro trimestre e ao pé do mural coa árbore de Nadal feita con portadas de libros de recente incorporación, puidestes botar unha ollada as novidades expostas.

Xa sabedes que estas vacacións son un bo momento para ler!!

BO NADAL!!!  
 
 



 


 

Se facedes clic no círculo amarelo das portadas, teredes máis información sobre os libros.

luns, 16 de decembro de 2024

GHUAIDELAI REMATA O PRIMEIRO TRIMESTRE

Rematamos o trimestre! Para celebralo gozamos dunha comida conxunta do grupo de 1º e o de 3º ESO e, despois, como o tempo acompañou, demos un paseo ata Mar de Fóra, que estaba espectacular. Que sorte temos de poder disfrutar desta paisaxe a un paso do noso centro!!
 


venres, 29 de novembro de 2024

MES DA CIENCIA EN GALEGO

Todos os anos dende 2014 celébrase en novembro o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, celebración na que participa unha científica ou un científico galego redactando un manifesto no que reivindica a importancia da ciencia. Este ano 2024 a persoa encargada de facelo foi Felipe Criado-Boado, arqueólogo e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, que foi Premio nacional de investigación 2023.
  
Dende a biblioteca, recompilamos as nosas propostas nunha montaxe protagonizada por membros do Club de lectura que esperamos que vos guste!
 
Felipe Criado-Boado, á esquerda da imaxe.

 

xoves, 28 de novembro de 2024

QUE NON TE LÍEN, TI ELIXES

Hoxe tivo lugar na biblioteca unha charla, organizada polo Departamento de Orientación, dirixida ao alumnado de 3º e 4º ESO, enmarcada no programa educativo "Que non te líen, ti elixes", co que se pretende fomentar o rexeitamento de estereotipos de xénero e prexuízos na elección de itinerarios formativos e profesións con pouca representación feminina. Visitáronos a Secretaria Xeral de FEARMAGA e unha profesional do sector da madeira.


luns, 25 de novembro de 2024

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Hoxe o noso centro participou no acto organizado polo Concello de Fisterra para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Nel, Mencía leu un manifesto por unha relación de parella saudable e Lois presentou a proxección da montaxe Vivir, non sobrevivir, protagonizada por alumnado do Club de lectura.

Por outra banda, o alumnado de Oratoria editou un xornal especial adicado á violencia contra a muller.