venres, 19 de xuño de 2020

CARLOS RUIZ ZAFÓN

Hoxe falecía en Los Ángeles un dos escritores lidos por nós en varias ocasións ao longo destes anos no club de lectura: Carlos Ruiz Zafón. Nacido en Barcelona, cidade que se convertería nun personaxe máis das súas novelas, publicou a súa primeira obra, El príncipe de la niebla, en 1993, coa que gañou o Premio Edebé de narrativa xuvenil. Foi a primeira novela da denominada "Trilogía de la Niebla", da que tamén forman parte El palacio de la medianoche e Las luces de septiembre. Despois escribiría Marina, tamén de carácter xuvenil, e na que xa cobra importancia Barcelona como parte da trama. En 2001 publicou a súa primeira novela "para adultos", La sombra del viento, que foi finalista ao premio Fernando Lara 2000. Convertida nunha das novelas españolas máis vendidas no mundo é a primeira da tetraloxía "El cementerio de los libros olvidados", que tamén contén El juego del ángel, El prisionero del cielo y El laberinto de los espíritus.

Club de lectura Ghuaidelai e Marina, de Carlos Ruiz Zafón - Decembro 2014.

“Cada libro, cada tomo que ves, tiene alma. El alma de quien lo escribió, y el alma de quienes lo leyeron y vivieron y soñaron con él.” La Sombra del Viento.

mércores, 10 de xuño de 2020

DÍA DAS LETRAS GALEGAS (II)

Como xa adiantabamos noutra entrada do blog, para celebrar o Día das Letras Galegas deseñamos un díptico sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero e... algo máis. Pois xa temos ese "algo máis" listo para que gocedes del: a lectura dalgúns fragmentos da súa obra por parte do noso alumnado. Unha vez máis, temos que agradecer de corazón a súa boa disposición para participar en todas as actividades que propoñemos, a pesar da distancia e das circunstancias...

OBRADOIRO DE POESÍA

O alumnado dos diferentes cursos participou nun obradoiro de poesía organizado polo Departamento de Lingua e Literatura Castelá. Levado a cabo en parte de xeito presencial, antes do confinamento, e en parte dende casa, os seus froitos foron... unha marabilla! Como mostra deixámosvos esta preciosa montaxe realizada por Marta Blanco.

Ver video

luns, 8 de xuño de 2020

DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS

Hoxe, 8 de xuño, celébrase o Día Mundial dos Océanos, este ano co lema Innovación para un océano sostible.
Dende a biblioteca publicamos un díptico coas nosas recomendacións de libros relacionados co mar.
Esperamos que vos gusten...



domingo, 17 de maio de 2020

DÍA DAS LETRAS GALEGAS (I)

Este ano a persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas é Ricardo Carvalho Calero, historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor, que dedicou a súa vida a dignificar o idioma e a cultura galegas.
Para dar a coñecer a súa figura elaboramos un díptico e... algo máis. De momento deixámosvos con el.


venres, 8 de maio de 2020

ANTÍA YÁÑEZ

Hoxe tiñamos preparado un encontro con Antía Yáñez. Co alumnado de 2ºESO falaría do seu libro O misterio do torque de Burela e co de 3º e 4º do Club de lectura sobre Senlleiras. A situación actual fixo que non puidera ser, pero estamos seguras de que pronto estará con nós. Mentres, recordaremos a agradable visita que nos fixo hai dous anos e na que comentamos O misterio de Portomarín, obra sobre a que o alumnado que naquel entón cursaba 1º realizou un booktrailer.

Antía Yáñez na nosa biblioteca en maio de 2018.

luns, 27 de abril de 2020

PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA

Con motivo da celebración do Día do Libro, fíxose pública a resolución pola que se recoñece a Andrea Maceiras gañadora do Premio dos Clubs de Lectura 2020. 
Andrea Maceiras é unha das nosas autoras preferidas, autora de libros lidos por nós como Volverás, golfiño (sobre o que realizamos un roteiro literario), O que sei do silencio, Nubes de evolución, Europa Express ou Conta nove estrelas, lido polo grupo de 1º do club de lectura este curso. Visitou o noso centro o curso pasado nun encontro co alumnado.

Andrea Maceiras na nosa biblioteca o curso pasado.

Este premio inaugurouse no 2015 e outórgaselle aos escritores e escritoras que encabezan a lista dos máis lidos polos Clubs de lectura, que estean vivos e sen que poidan repetir galardón. Os outros gañadores e gañadoras das pasadas edicións foron Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro (2018) e María Reimóndez (2019).
Parabéns, Andrea!!